Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 11 de abril de 2018 Páx. 19790

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Musical de Xinzo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Musical de Xinzo aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Francisco Jesús Represas Carrera, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Musical de Xinzo foi constituída en escritura pública outorgada en Ponteareas o 11 de xullo de 2017, ante o notario Álvaro Lorenzo Fariña Domínguez, co número 1.734 do seu protocolo, pola Asociación Banda de Música Xuvenil de Xinzo, representada para este acto polos membros da xunta directiva: Francisco Jesús Represas Carrera, Blanca Represas Alonso, Silvia Fernandes Táboas, Segunda Carrera Iglesias, Ana María Acebedo Varela e Manuel Collazo Francisco.

Esta escritura foi emendada e complementada por outra outorgada ante o mesmo notario, en Ponteareas o 26 de xaneiro de 2018, con número 246 do seu protocolo.

3. A Fundación Musical de Xinzo, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

• Promocionar as actividades culturais e musicais en todas as ordes.

• Fomentar a sensibilización musical mediante a organización de concertos, actividades, recitais, representacións, edicións e publicacións.

• Conservar e fomentar o patrimonio artístico musical e folclórico galego, especialmente o referido á zona de Ponteareas e arredores.

• Contribuír a desenvolver e potenciar cantas actividades sexan posibles para fomentar e instruír na arte musical a poboación que así o requira.

• Axudar ao desenvolvemento das escolas de música e de diversos tipos de formacións musicais como corais, grupos de música de cámara, grupos folclóricos, etc.

• Fomentar o desenvolvemento das bandas de música.

• Protexer e apoiar os integrantes das bandas de música para que se poidan formar de maneira que, de cara a un futuro, incrementen as súas posibilidades de ter unha saída profesional no ámbito musical.

• Ofrecer e facilitar o acceso de toda a poboación a unha formación non regrada, práctica e teórica, dentro do campo musical.

• Fomentar a organización de concertos, festivais, encontros e outras actividades culturais, sociais e educativas, organizadas por diferentes institucións, públicas ou privadas.

• Fomentar a igualdade de xénero.

• Fomentar a creación e difusión cultural da lingua galega.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Francisco Jesús Represas Carrera como presidente, Blanca Represas Alonso como vicepresidenta, María del Carmen Represas Alonso como secretaria, Silvia Fernandes Táboas como tesoureira, e por Segunda Carrera Iglesias, Ana María Acebedo Varela e Manuel Collazo Francisco, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Musical de Xinzo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de febreiro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 23 de marzo) clasificouse de interese cultural a Fundación Musical de Xinzo, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Musical de Xinzo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Musical de Xinzo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2018

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico de la Consellería de Cultura
e Ordenación Universitaria