Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 4 de abril de 2018 Páx. 18624

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de marzo de 2018 pola que convoca proceso selectivo unitario e se aproban as bases reguladoras para postos de auxiliares da policía local.

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo unitario para o acceso aos postos de auxiliares de policía local.

1. Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta convocatoria e a selección de 109 postos de auxiliares de policía local que a continuación se enumeran e a creación da lista de reserva de contratación para o ano 2018:

Concello

Nº prazas

A Estrada

4

A Fonsagrada

1

A Guarda

2

A Pobra do Caramiñal

5

Barbadás

2

Bergondo

2

Betanzos

4

Cambados

4

O Carballiño

1

Malpica de Bergantiños

2

Marín

4

Meaño

1

Melide

3

Negreira

2

Ortigueira

2

Redondela

5

Rianxo

6

Sada

6

Salceda de Caselas

2

Sanxenxo

33

Sarria

4

Valdoviño

2

Vilagarcía de Arousa

10

Vilanova de Arousa

2

O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve, e na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos da policía local.

O código do procedemento regulado nesta orde é PR461A.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos no artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto.

c) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, se é o caso, da idade máxima establecida no artigo 53.1.c) do Real decreto lexislativo 5/2015.

d) Non ter sido condenado/a por delito doloso nin separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

e) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán acreditar a súa homologación.

f) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.

Todos os requisitos anteriores deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, mantelos durante o procedemento de selección, contratación e/ou permanencia na listaxe de reserva.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, a taxa por participación neste proceso selectivo é de 25,40 euros, que serán ingresados, mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

Poden acceder a el desde a páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.es), a través da cal poderá pagar no caso de non ter certificado dixital: de forma presencial na entidade colaboradora, das cales existe unha listaxe pública nesa mesma páxina web, ou telematicamente con tarxeta bancaria. No caso de ter certificado dixital, poderá pagar accedendo á oficina virtual, de forma presencial, telematicamente mediante cargo na conta ou con tarxeta.

As/os aspirantes deberán cubrir, nas epígrafes habilitadas para efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, tanto se o pagamento se fai de xeito presencial na entidade colaboradora coma telematicamente a través da oficina virtual da Axencia Tributaria de Galicia, os seguintes códigos:

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa. Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección dos membros dos corpos da policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, derivada da cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Código: 30.03.04.

Total: 25,40 euros.

Ademais, as/os aspirantes cubrirán os seus datos persoais nas epígrafes reservadas para tal fin no devandito modelo.

Están exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Teñen dereito a una redución do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión da persoa aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

3.2. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento e comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI da persoa representante.

c) Situación de desemprego.

d) Carné de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.

e) Celga 3.

f) Titulación exixida (graduado en ESO ou equivalente).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3.3. Ademais, as persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.

b) Copia do carné, de ser o caso, de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

c) Certificado médico en que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifican para a fase de oposición nestas bases, e que non padece enfermidade nin se está afectado/a por limitación física ou psíquica que impida ou sexa incompatible co desenvolvemento das funcións do posto de traballo. O anterior non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere o tamaño máximo establecido ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ditará resolución relativa á aprobación das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, na cal se especificarán, de ser o caso, os motivos de exclusión, e será publicada no DOG, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Agasp. No caso de non existiren persoas excluídas, a listaxe será considerada como definitiva.

4.2. As persoas excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. As reclamacións resolveranse pola Resolución da Dirección Xeral da Agasp que faga pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas no DOG, no seu taboleiro de anuncios e na súa páxina web.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador deste proceso está composto por:

Presidente:

Titular: Luis Míguez Macho. Catedrático de Dereito Administrativo da USC.

Suplente: José Antonio Fernández López, subdirector xeral de Seguridade e Coordinación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia.

Secretaria:

Titular: Sonia Rama Martínez, inspectora da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Suplente: Mónica María Castro Pérez, xefa do Servizo de Formación en Seguridade Pública da Academia Galega de Seguridade Pública.

Vogais:

Titular: José Julio Fernández Rodríguez, profesor titular de Dereito Constitucional da USC.

Suplente: Ramón Quiroga Limia, secretario xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

Titular: Patricia Coence Antelo, interventora do Concello de Brión.

Suplente: Ana Ramos Ramos, secretaria do Concello de Pontedeume.

Titular: José Francisco Rodríguez Rey, oficial da Policía Local do Concello de Cambre.

Suplente: Diana Parente Pampín, oficial da Policía Local do Concello de Santiago de Compostela.

5.2. O réxime xurídico aplicable ao tribunal cualificador será o que establece para os órganos colexiados a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

5.3. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a presenza, polo menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes e, en todo caso, coa asistencia das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría.

5.4. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, que deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade.

5.5. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.6. O tribunal ten facultades para resolver as dúbidas e para adoptar os acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

5.7 Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede nas dependencias da Agasp asignadas para tal fin.

6. Fase de oposición.

6.1. A selección realizarase mediante o sistema de oposición libre, e posteriormente as persoas que superen este proceso selectivo serán contratadas en réxime laboral temporal nos respectivos concellos ou formarán parte da listaxe de reserva.

6.2. As probas selectivas son as que a continuación se describen:

A. Comprobación da estatura. Ao comezo realizarase o control de estatura das persoas aspirantes conforme o establecido na alínea f) da base segunda.

B. Probas de aptitude física.

As probas físicas terán a cualificación de apto ou non apto. Para obter a cualificación de apto os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas ou non superar as máximas que se establecen para cada proba.

1. Potencia tren inferior: salto vertical.

Realizarase nun ximnasio ou lugar semellante con chan horizontal e cunha parede vertical e lisa.

A persoa aspirante colocarase en posición de partida, en pé, de lado xunto a unha parede vertical, cun brazo totalmente estendido cara a arriba e sen levantar os calcañares do chan, e marcará cos dedos a altura que alcanza nesa posición. O exercicio executarase separándose 20 centímetros da parede e saltando tan alto como se poida, marcando novamente cos dedos o nivel alcanzado.

Para a correcta realización da proba deberanse observar as seguintes regras:

– Pódense mover os brazos e flexionar o tronco e os xeonllos, pero non se pode separar do chan ningunha parte dos pés antes de saltar.

– Hai que realizar o salto cos dous pés ao mesmo tempo.

– Permítense dous intentos só ás persoas aspirantes que fagan nulo no primeiro.

A distancia entre a marca feita desde a posición de partida e a acadada co salto deberá ser igual ou superior á mínima (en centímetros) establecida no seguinte cadro para cada sexo e grupo de idade.

18-36 anos

37-48 anos

49 anos ou máis

Homes

41 cm

33 cm

29 cm

Mulleres

32 cm

28 cm

25 cm

2. Resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chaira de terreo.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A posición de saída realizarase en pé. Só se permite un intento.

A persoa aspirante que abandone a carreira quedará excluída.

A proba consistirá en correr a distancia de 1.000 metros no tempo máximo (en minutos e segundos) que se recolle na seguinte táboa para cada sexo e grupo de idade:

18-36 anos

37-45 anos

46 anos ou máis

Homes

4’30”

5’00”

5’15”

Mulleres

5’00”

5’30”

5’45”

Para a realización desta proba, as persoas aspirantes deberán presentarse provistas de indumentaria deportiva.

C. Proba de coñecementos.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 50 preguntas tipo test e deberase amosar o dominio dos contidos do temario.

Para cada cuestión proporanse catro respostas alternativas, das que só unha será a correcta. As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo dunha (1) hora para a súa realización.

A proba será cualificada polo tribunal de 0 a 10 puntos e será preciso acadar cinco puntos como mínimo para non quedar eliminado/a. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/5. Onde N=nota final da proba; A=preguntas acertadas; F=preguntas erradas ou en branco.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento da publicación desta orde conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e no portal web da Agasp.

O temario para a realización desta proba de coñecementos é:

1. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A organización e funcionamento do municipio. O pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

2. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

3. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

4. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

5. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

6. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

7. Delitos e faltas. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices.

8. Delitos contra a seguranza viaria. Faltas cometidas con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

9. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

10. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.

11. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade. Carencia do seguro obrigatorio.

12. A policía como servizo público. A policía local como policía de proximidade e de servizo. O auxiliar de policía e as súas funcións. Responsabilidades do auxiliar de policía.

D. Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.

Consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de celebrarse a proba.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto/a.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 3 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

6.3. Desenvolvemento dos exercicios das probas selectivas

6.3.1. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade. O tribunal poderalles requirir ás persoas opositoras que acrediten a súa identidade en calquera momento.

6.3.2. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra G, consonte o establecido na Resolución do 17 de xaneiro de 2018 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro).

6.3.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Agasp como colaboradoras.

6.3.4. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal.

6.3.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

6.3.6. Unha vez concluídos cada un dos exercicios da oposición correspondente, o tribunal fará publica no taboleiro de anuncios e na paxina web da Agasp a relación de aspirantes que o superaron con indicación, se é o caso, da puntuación obtida. As persoas opositoras non incluídas na listaxe, terán a consideración de non aptas.

6.3.7. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no taboleiro de anuncios e na paxina web da Agasp, con dous días, polo menos, de anticipación á data sinalada para o seu inicio. Entre a finalización dun exercicio e o comezo do seguinte deberá transcorrer un período mínimo de 2 días.

6.3.8. Contra os acordos do tribunal poderase interpoñer recurso administrativo ante o órgano competente conforme o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6.3.9. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso selectivo virá determinada pola puntuación do segundo exercicio; no suposto de empate, terase en conta o establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Se isto non é suficiente, terase en conta o menor tempo obtido na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos (7.B.2). De persistir o empate, dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

6.3.10. As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo dentro dos dez días seguintes ao da publicación daquelas.

7. Curso de formación

As persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na lista para a selección de persoal auxiliar de policía local deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para seren contratadas como auxiliares de policía local, de conformidade co disposto no artigo 95.6 da Lei 4/2007 e no artigo 48 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro.

Só estarán dispensadas de realizar o devandito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Agasp. No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso selectivo.

8. Lista de persoas aprobadas e lista de reserva, lista para a selección de persoal auxiliar de policía local, elección de prazas e presentación de documentación.

8.1. Lista de persoas aprobadas e lista de reserva.

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará por orde decrecente da puntuación a lista de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será, como máximo, igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superasen as probas dos proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.

Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.

8.2. Lista para a selección de persoal auxiliar de policía local.

A lista de reserva prevista na base anterior servirá tamén como lista selectiva para os efectos do previsto no artigo 19 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, coa salvidade de que o órgano de selección poderá determinar que, para estes únicos efectos, a proba consistente nun cuestionario tipo test se entenderá superada cun número de preguntas correctas inferior ao establecido para acadar a puntuación mínima prevista polo tribunal.

Para a inclusión na lista selectiva non será precisa solicitude previa das persoas aspirantes e publicarase na páxina web da Agasp.

Á lista selectiva poderanse, así mesmo, incorporar, unha vez rematado o período para o cal fosen contratadas, as persoas que aprobaron e obtiveron praza no proceso selectivo unitario.

8.3. Elección de praza.

A Dirección da Agasp convocará as persoas aprobadas a unha reunión presencial para elixir praza, dentro das comprendidas nesta convocatoria, por rigorosa orde da puntuación obtida no proceso selectivo.

A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista neste artigo é obrigatoria nos mesmos termos e coas mesmas excepcións que se aplican á obriga de acudir ás probas das oposicións consonte o artigo 12 do Decreto 243/2008. Ás persoas aprobadas que, estando obrigadas, non comparezan persoalmente ou por medio de representante seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación daquelas ás persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que quedasen sen adxudicar.

Asignadas as prazas de acordo co previsto nesta base, a Dirección da Agasp publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os seus datos aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso de formación.

8.4. Presentación de documentación.

A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación das prazas, as persoas a que se lles adxudicasen disporán dun prazo de 10 días naturais para a presentación ante o concello correspondente, o cal lle indicará os prazos para a súa contratación.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presenten ante o concello ou do exame da súa documentación se deduza que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser contratadas como auxiliares de policía local e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para a contratación, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida a contratación dunha persoa aspirante como auxiliar de policía local, o concello comunicará esta circunstancia á Dirección da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso de formación.

9. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal)

b) No enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

c) No teléfono da Agasp 886 20 61 10.

d) No Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

10. Datos de carácter persoal.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Auxiliares de policía local, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é Academia Galega de Seguridade Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agasp, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra, ou a través dun correo electrónico a agasp@xunta.gal

Disposición derradeira

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file