Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 3 de abril de 2018 Páx. 18262

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2018 pola que se convoca o IV Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sobre disciplina urbanística: cuestións de actualidade a debate.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ten encomendada a función de control e disciplina urbanística na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de protexer o territorio, a paisaxe e os valores naturais que dignifican a nosa comunidade. Para levar a cabo este cometido, a APLU intenta realizar accións formativas de interese xeral, tanto para os profesionais na materia urbanística como para a cidadanía en xeral, co propósito de que as medidas para loitar e evitar os ilícitos urbanísticos non sexan só represivas senón tamén preventivas, cumprindo a formación e difusión unha das súas principais liñas de acción.

Para iso, a APLU, en colaboración ca Dirección Xeral de Administración Local e da Obra Social Abanca, organiza o IV Congreso denominado Disciplina urbanística: cuestións de actualidade a debate, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 28, 29 e 30 de maio de 2018, en que se contará con expertos de recoñecido prestixio nesta materia.

Así, dentro do plan de actividades da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para o ano 2018 e de acordo coas funcións atribuídas polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, así como do Plan de Inspección da APLU para os anos 2018-2019 convócase, o IV Congreso APLU sobre disciplina urbanística: cuestións de actualidade a debate, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar aos destinatarios un espazo de reflexión sobre a situación global do estado actual do noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. Asemade, preténdese ter unha visión de conxunto sobre solucións do noso contorno ante os principais retos que presenta a ocupación ilegal do territorio, ocasionando un consumo importante de recursos perecedoiros, así como a incidencia no cambio climático.

Neste sentido, co obxectivo de analizar a cuestión desde unha perspectiva global, contarase con expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, coa finalidade de que cada un deles achegue as súas experiencias e coñecementos, intentando entre todos propor posibles melloras para adoptar nas actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sustentable.

Para fomentar a participación e debate, o IV Congreso incorpora como novidades importantes a introdución de talleres en que poderán participar un número limitado de asistentes, en función da súa traxectoria profesional e referencia curricular.

De tal xeito, o IV Congreso articúlase os días 28 e 29 de maio, con conferencias a cargo de recoñecidos e prestixiosos profesionais, así como paneis de expertos en que se fomentará o debate dos relatores e do público asistente. O día 30 de maio, a sesión de mañá, estará dedicada a talleres, en que poderán participar un número limitado de inscritos no Congreso, que así o soliciten no momento da matriculación e que resulten admitidos pola organización.

Con posterioridade á realización deses talleres, formarase un grupo de traballo cos asistentes profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías en materia de disciplina urbanística. A participación neste grupo de traballo tamén se solicitará no momento de realizar a inscrición.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– Medio ambiente e urbanismo. A consolidación do desenvolvemento territorial e urbano sustentable.

– Urbanismo e cambio climático.

– Intervención administrativa. Dificultades no cumprimento de actos e sentenzas no ámbito urbanístico.

– Disciplina urbanística e rexistro da propiedade. A responsabilidade da Administración pública.

– O urbanismo no marco constitucional actual. Reflexión sobre as recentes sentenzas do Tribunal Constitucional, en canto ao silencio administrativo, ou informe de avaliación de edificios, etc.

– Debate sobre o modelo urbanístico actual e medidas necesarias para reformar o noso sistema urbanístico vixente.

3. Talleres e grupo de traballo.

O mércores día 30 de maio, en sesión de mañá, realizaranse catro talleres de forma simultánea, de xeito que os asistentes ao congreso poidan inscribirse nun só taller. A inscrición no taller é voluntaria e para garantir unha participación activa reducirase o aforo a un máximo de 15 persoas por taller.

No momento de matricularse no Congreso deberán inscribirse, de estar interesados, no taller elixido acreditando o interese e idoneidade para participar nel. Asemade, deberán achegar unha breve referencia curricular, segundo o formulario de inscrición.

Os participantes para integrar os respectivos talleres serán elixidos en función do seu perfil profesional.

As conclusións dos talleres serán obxecto de publicación no enderezo web da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

De non obterse unha matrícula suficiente nalgún dos talleres, a organización poderá decidir que non se realice.

Os talleres propostos son os seguintes:

Taller 1: transparencia e participación pública no urbanismo.

Taller 2: execución de sentenzas e protección do terceiro de boa fe.

Taller 3: propostas para a mellora do ordenamento urbanístico.

Taller 4: xestión das actuacións de rexeneración e renovación urbana.

Grupo de traballo: disciplina comparada.

O grupo de traballo está destinado a profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, para a posta en común de distintas formas de actuación en materia de intervención urbanística.

A participación neste grupo de traballo tamén se solicitará no momento de realizar a inscrición.

4. Comunicacións.

Os participantes no Congreso poderán presentar comunicacións que versen sobre temas relacionados co contido do programa. As comunicacións serán enviadas ao enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal ata o 11 de maio de 2018 ás 15:00 horas. As normas para a presentación das devanditas comunicacións estarán dispoñibles na web http://www.axenciaurbanistica.es

5. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas, das universidades, persoal das entidades do sector público, xuristas, técnicos, profesionais e interesados en xeral.

Emitirase un diploma acreditativo da asistencia.

6. Desenvolvemento.

Lugar: auditorio Abanca. Santiago de Compostela.

Rúa do Preguntoiro, 23, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña.

Datas: 28 e 29 de maio (mañá e tarde) e 30 de maio de 2018 (talleres e grupo de traballo, en sesión de mañá).

Horario: 28 e 29 de maio das 9.30 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 20.00 horas; 30 de maio das 10.00 ás 12.00 horas.

Duración: 18 horas (20 horas e incluirá a participación nos talleres).

7. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

8. Inscrición.

O importe da matrícula no congreso é de vinte euros (20 €).

O importe da matrícula nos talleres é de dez euros (10 €). A matrícula nos talleres é opcional. Para matricularse nos talleres é requisito imprescindible estar matriculado no congreso.

A participación no grupo de traballo previsto para o día 30 de maio será gratuíta.

O persoal ao servizo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio terán a matrícula gratuíta. Os concellos adheridos terán dereito a unha praza gratuíta por cada concello.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da APLU: http://www.axenciaurbanistica.es

O prazo para inscribirse estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 15.00 horas do día 18 de maio de 2018.

Poderá obterse calquera outra información, das 9.00 ás 14.00 horas, no teléfono: 981 54 43 25 ou no enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal

9. Modificacións.

A APLU resérvase a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste congreso, así como a facultade de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

10. Certificado de asistencia oficial.

Entregarase un certificado de asistencia telemático, que se enviará ao enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición, a aquelas persoas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do Congreso e o selo oficial da institución.

Os asistentes ao taller terán unha acreditación no propio certificado de asistencia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio