Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 2 de abril de 2018 Páx. 18129

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2018 pola que se convoca o I Curso superior sobre contratación pública de innovación.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Publica a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Axencia Galega de Innovación (Gain), o I Curso superior sobre contratación pública de innovación, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

A contratación pública desempeña un papel clave na estratexia Europa 2020, como un dos instrumentos baseados no mercado que deben utilizarse para conseguir un crecemento intelixente, sustentable e integrador, garantindo ao mesmo tempo un uso máis eficiente dos fondos públicos.

A investigación e a innovación, incluídas a innovación ecolóxica e a innovación social, atópanse entre os principais motores de crecemento futuro e ocupan un lugar central da estratexia Europa 2020. Os poderes públicos deben facer a mellor utilización estratéxica posible da contratación pública para fomentar a innovación.

Con este curso preténdese implementar un programa de formación teórico-práctico que permita ao persoal que participa activamente nos procesos de contratación pública obter o coñecemento e as ferramentas necesarias para levar á práctica con éxito os procesos de compra pública innovadora (CPI) nos seus respectivos departamentos. Ao mesmo tempo, preténdese sensibilizar ás persoas situadas nos ámbitos de decisión relacionados coa contratación pública das potencialidades que representa a compra pública innovadora como mecanismo de contratación eficiente e intelixente, así como promover o uso estratéxico da CPI como ferramenta que permita transformar os departamentos públicos en verdadeiras organizacións públicas innovadoras orientadas aos/ás usuarios/as e con capacidade de anticipación ao mercado.

2. Contidos.

Os contidos deste curso están estruturados nos seguintes módulos:

• Módulo I. Marco xeral da innovación e o sector público.

• Módulo II. Marco xurídico da contratación pública de innovación e rol dos principais axentes na CPI.

• Módulo III. Marco de financiamento da CPI.

• Módulo IV. Deseño dos procedementos de contratación de innovación. Xestionando un proxecto de CPI.

• Módulo V. A xestión dos dereitos de propiedade industrial e intelectual.

• Módulo VI. Casos de estudo.

3. Prazas: 80.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia, con responsabilidades nos ámbitos da innovación e/ou da contratación pública (Asesoría Xurídica, Intervención Económica e persoal dos servizos públicos de contratación), que pertenzan aos seguintes grupos:

• Persoal funcionario: subgrupos A1 e A2.

• Persoal laboral: grupos I e II.

Poderá inscribirse tamén o persoal directivo das administracións públicas de Galicia con responsabilidades nos ámbitos da contratación pública e/ou innovación.

5. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: os luns; 16, 23 e 30 de abril; 7, 14, 21 e 28 de maio; e 4 de xuño de 2018.

Horas lectivas: 45.

Horario: todos os luns en horario de mañá e tarde (das 11.00 ás 14.00 horas; das 16.00 ás 19.00 horas) agás o 4 de xuño, que será só en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas).

6. Inscrición: prazo e documentación requirida.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/login.php

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria deste curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 8 de abril de 2018.

As persoas solicitantes deberán acreditar por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o cumprimento dos requisitos establecidos no punto 4 desta resolución (tipo de persoal e funcións).

No entanto, a EGAP reserva para si a facultade de solicitar documentación complementaria en caso necesario.

Serán excluídas aquelas solicitudes que non acheguen a devandita acreditación e titulación con anterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 8 de abril de 2018.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

8. Publicación da lista de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No espazo reservado para este curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia:

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. Asistencia e puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) Faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa, interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración pública