Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 2 de abril de 2018 Páx. 18145

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de marzo de 2018 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión dun posto de persoal directivo na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

De conformidade co establecido nos artigos 76.h) e 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (DOG nº 143, do 24 de xullo); no artigo 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG nº 17, do 27 de xaneiro de 2014); no artigo 36 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos; e no artigo 59 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; e en uso das atribucións conferidas a esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo. As retribucións do posto ofertado serán as que correspondan de acordo coa normativa vixente sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Terceiro. As solicitudes para participar na presente convocatoria poderán presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas interesadas deberán presentar, xunto co modelo de solicitude do anexo II, un curriculum vitae e un plan de actuación. Dentro do prazo da convocatoria, ademais, deberán proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos, e acreditalos ante unha unidade de validación. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012, pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

O plan de actuación da área correspondente que se solicita debe recoller a estratexia que se desenvolva a medio prazo, e debe expresar as principais accións a poñer en marcha, e indicará unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e avaliación que se aplique.

Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia, e poderá declararse deserto o posto ofertado.

Sexto. Consonte o artigo 59 do citado Decreto 206/2005, e o artigo 36.4 do Decreto 112/2015, o vínculo da persoa seleccionada formalizarase nun nomeamento de carácter administrativo para o persoal estatutario ou funcionario con vínculo de fixeza ao servizo de calquera Administración pública, pertencente ao grupo de clasificación que se corresponda co nivel académico que se require para o posto directivo e que se especifica no anexo I.

Sétimo. Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso administrativo de reposición ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Denominación do posto: director/a da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria.

Titulación requirida: licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo/Escala: persoal estatutario fixo do subgrupo de clasificación profesional A1 ou funcionario de carreira do subgrupo A1.

ANEXO II

MODELO DE SOLICITUDE

DATOS PERSONAIS:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Teléfono

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

SOLICITO:

Posto

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

(Sinatura)

XERENCIA DA AXENCIA GALEGA PARA A XESTIÓN DO COÑECEMENTO EN SAÚDE