Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 22 de marzo de 2018 Páx. 16732

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se nomea o tribunal cualificador e se fixan o lugar e a data de realización da proba teórica dirixida á obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución do 4 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se aproban as bases reguladoras que rexerán as probas para obter o certificado de capacitación para o adestramento de cans para a garda e defensa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece na súa base décima que será a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural quen designe o tribunal cualificador das probas.

A base oitava, punto 1, da Resolución do 4 de setembro de 2017 establece, así mesmo, que a data ou datas da realización das probas se publicarán no Diario Oficial de Galicia cunha anticipación mínima de quince días naturais á data elixida.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Nomear o persoal cualificador para a realización das probas dirixidas á obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans para garda e defensa da Comunidade Autónoma de Galicia:

• Tribunal titular:

– Presidencia: Susana Cuesta Fariña, subdirectora xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

– Secretaría: Elisa Gago Moldes, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade.

– Vogal: Sergio Tejedor Giménez, educador canino profesional colaborador do Departamento de Etoloxía da Universidade Autónoma de Barcelona, especialista en educación e modificación de conduta en animais.

– Vogal: Gabriella Tami, educadora canina, doutora en Veterinaria, máster en Etoloxía e en Benestar e Comportamento Animal Aplicado.

– Vogal: Santiago Díaz Vidal, licenciado en Veterinaria.

• Tribunal suplente:

– Presidencia: Nieves López Sánchez, subdirectora xeral de Espazos Naturais

– Secretaría: Agustín Alberto Gil Ramos, xefe do Servizo de Caza e Pesca Fluvial

– Vogal: Benigno Francisco Paz Ramos, instrutor de mobilidade de can guía.

– Vogal: Ángela González Martínez, licenciado en Veterinaria, máster en Etoloxía Clínica e Benestar Animal, diplomada europea en Medicina do Comportamento Animal.

– Vogal: María Teresa Martínez Martínez, licenciada en Veterinaria.

Segundo. O exame teórico, que se desenvolverá segundo o establecido na base novena da Resolución do 4 de setembro de 2017, terá lugar o día 27 de abril de 2018, ás 16.30 horas, na aula número 2 da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, nº 2-4, As Fontiñas) en Santiago de Compostela.

As persoas aspirantes deberán ir acompañadas do documento nacional de identidade orixinal e en vigor, ou con outro documento fidedigno acreditativo da súa identidade e bolígrafo de cor azul.

Contra esta resolución, que non finaliza a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa exposición, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural