Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 22 de marzo de 2018 Páx. 16730

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se nomean os membros que integran a Comisión Heráldica da Xunta de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula os aspectos esenciais da Comisión de Heráldica de Galicia, configurándoa como órgano consultivo da Xunta de Galicia a quen lle corresponde emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos ou bandeiras das entidades locais.

Mediante o Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, se regula a composición e funcionamento da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, así como a adscrición desta á consellería competente en materia de réxime local.

O artigo 6 do Decreto 19/2010 recolle a composición e designación dos seus membros. O número 3 deste artigo 6 sinala que as persoas membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia serán nomeadas por un período de cinco anos. Entre os cinco vogais, un deles será designado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que é a asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os actuais membros da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia foron nomeados mediante a Orde do conselleiro competente en materia de réxime local do 8 de setembro de 2011, a excepción de José Manuel García Iglesias, designado pola Fegamp, e nomeado pola Orde do 14 de outubro de 2011, e de Jaime Bugallal y Vela que foi nomeado pola Orde do 22 de outubro de 2015 tras o falecemento dun vogal.

Transcorridos xa cinco anos desde o nomeamento do vicepresidente e de catro dos cinco vogais, cómpre realizar a renovación deses cinco cargos, manténdose o nomeamento de Jaime Bugallal y Vela nomeado en 2015.

Tendo en conta a proposta de designación da directora xeral de Administración Local, así como a designación da Fegamp,

DISPOÑO:

Nomear as persoas que a seguir se relacionan membros da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia:

Vicepresidente:

• Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, doutor en Historia Medieval, profesor de investigación do CSIC, Académico de número da Académie Internationale d´Heráldique e da Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía e presidente do Instituto Internacional de Genealogía y Heráldica.

Vogais:

• Carlos Acuña y Rubio, diplomado en Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria polo Instituto Salazar y Castro e presidente da Asociación de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia.

• Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, doutor en Historia, científico titular do CSIC no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento.

• Marta Cendón Fernández, doutora en Historia da Arte, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela.

• José Manuel García Iglesias, doutor en Historia da Arte, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, designado pola Fegamp.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza