Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 22 de marzo de 2018 Páx. 16751

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de marzo de 2018 pola que se modifica a Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

A Orde do 25 de xaneiro de 2012 regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica, das diferentes secretarías xerais, dalgunhas direccións xerais, e das xefaturas territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

No seu artigo 2, correspondente ás delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura establece:

c) Exercer as facultades que a normativa en materia de patrimonio cultural atribúe ao titular da Consellería en relación aos expedientes do ámbito competencial de cultura.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 13, atribúe á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a dirección e coordinación das actuacións da Consellería en materia de patrimonio histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, artístico, arquitectónico e etnolóxico en todas as súas manifestacións, así como a conservación e difusión das coleccións museográficas e a delimitación e protección dos Camiños de Santiago.

A aprobación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, somete a informe ou autorización da consellería competente en materia de patrimonio cultural numerosas intervencións, plans, programas e proxectos.

A pretensión que se persegue con esta orde, é acadar unha maior eficacia na tramitación e resolución dos asuntos atribuídos a esta consellería, de acordo co actual escenario de xestión.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

A Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria queda modificada como segue:

Suprímese a alínea c) do artigo 2.

Engádese o artigo 2 bis que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 2 bis. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a seguinte atribución:

Exercer as facultades que a normativa en materia de patrimonio cultural atribúe ao titular da Consellería en relación aos expedientes do ámbito competencial de cultura».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria