Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2018 Páx. 15971

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2018 pola que se convoca un posto de persoal directivo (subdirector/a de Planificación e Dinamización do Medio Rural).

De conformidade co Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), aprobado polo Decreto 78/2001, do 6 de abril (DOG nº 77, do 20 de abril), e en virtude do acordo do Consello de Dirección do 7 de xuño do 2016, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria as persoas candidatas utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Código: AGDR 04 00 00.

Denominación do posto: subdirector/a de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

Dependencia: Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro/Decreto 119/2012, do 3 de maio).

Directivo do grupo II, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección.

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de subdirector/a de Planificación e Dinamización do Medio Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de subdirector/a de Planificación e Dinamización do Medio Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

2. Funcións do posto convocado.

De conformidade co Acordo do Consello de Dirección do 20 de novembro de 2012, ao posto convocado correspóndelle a coordinación e seguimento da programación, formulación e avaliación de estratexias, programas e proxectos de desenvolvemento rural.

A través das súas áreas correspóndelle:

– Programar, formular e realizar o seguimento das estratexias, programas e proxectos de dinamización do medio rural levados a cabo pola Axencia.

– Colaborar na elaboración de estratexias e plans sectoriais que realicen outros organismos e departamentos da Xunta de Galicia en materias relacionadas co desenvolvemento rural.

– Propoñer os procedementos de convocatoria, presentación e selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural.

– Elaborar as bases reguladoras dos plans, programas e actuacións con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural xestionadas pola Axencia, e as convocatorias correspondentes.

– Xestionar e seleccionar as solicitudes presentadas no marco das convocatorias de plans, programas e actuacións con cargo aos fondos dedicados á promoción e dinamización das áreas rurais de Galicia.

– Elaborar e xestionar os plans marcos e calquera outra iniciativa de programas e actuacións de promoción directa do desenvolvemento rural, así como efectuar o seu seguimento, en colaboración coa Área de Seguimento de Investimentos.

– Propoñer e levar a cabo, en colaboración coas outras áreas da Axencia, a avaliación dos resultados dos plans, estratexias, programas ou calquera acción promovida pola Axencia, de forma que permitan a súa actualización e revisión.

– Preparar os documentos previos a calquera proposta normativa ou lexislativa da Axencia en materia de desenvolvemento rural.

– Xestionar financeira e economicamente os plans, programas e actuacións da subdirección financiadas con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural.

– Tramitar os pagamentos e certificar a conta final das actuacións financiadas con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural.

– Elaborar e xestionar os plans de controis das actuacións desenvolvidas pola subdirección con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural.

– Realizar o seguimento das actuacións financiadas con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural, co obxecto de controlar e informar os diferentes indicadores de cumprimento de obxectivos e propoñer, se é o caso, as medidas correctoras oportunas.

– Colaborar e realizar o seguimento das auditorías sobre actuacións desta subdirección, financiadas con cargo aos fondos dedicados á promoción do desenvolvemento rural.

– Elaborar as propostas de pagamento da subdirección, respecto das accións desenvolvidas por esta.

3. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feitos os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

e) Non encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para emprego ou cargo público por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario/a, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvía, en caso de persoal laboral, en que fose separado/a ou inhabilitado/a.

f) Estar en posesión dunha titulación superior universitaria de licenciatura ou grao en Economía, Empresariais ou Administración e Dirección de Empresas, ou na rama de Arquitectura e de Enxeñaría.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes como no de toma de posesión ou formalización do contrato.

4. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso deberá remitirse por fax ao número 881 99 72 60, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e a relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos. Na solicitude os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Así mesmo, deberá presentar copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizados os estudos para obter o título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

Coa solicitude tamén deberá relacionar de xeito individualizado cada un dos méritos que alegue e presentar a documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

Así mesmo, coa solicitude terá que achegarse o curriculum vitae do solicitante e o plan de actuación (recollido no punto 7 destas bases) en soporte papel e en formato electrónico.

A formación acreditarase mediante a presentación de orixinais ou fotocopia cotexada dos títulos ou certificados que se aleguen.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de pagamento de cotas ao réxime de autónomos se se alegan servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público ou certificado de servizos prestados, de ser o caso, e documento acreditativo do período de tempo no desempeño dos contratos ou postos referenciados para os efectos do cómputo da experiencia profesional.

Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados conforme o disposto anteriormente, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/a aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para presentar solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ditará resolución na cal se aproben as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural http://agader.xunta.gal/ e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución na cal se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: http://agader.xunta.gal/.

Todas as publicacións referidas a esta convocatoria faranse ademais no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

6. Tribunal de selección.

O tribunal de selección será nomeado por resolución do director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e constituirase unha vez publicada na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

7. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a continuación, cuxa puntuación máxima é de 100 puntos.

O procedemento selectivo constará de dúas fases:

7.1. Primeira fase: baremación de méritos alegados (ata un máximo de 55 puntos):

A puntuación máxima é, nesta primeira fase, de 55 puntos e será́ necesaria a obtención dun mínimo de 30 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución.

7.1.1. Formación (puntuación máxima de 20 puntos).

– Por asistencia a cursos impartidos por organismos ou entidades oficiais cunha duración igual ou superior a 30 horas lectivas no ámbito das institucións comunitarias, xestión e coordinación de persoal, procedementos administrativos, de contratación administrativa e xestión orzamentaria e contable: 0,05 puntos por cada hora, ata un máximo de 10 puntos.

– Por dispoñer de doutorados, másteres e formación en posgrado, todos eles impartidos por centros oficiais de titularidade pública: 5 puntos por cada un deles ata un máximo de 10 puntos.

7.1.2. Experiencia (puntuación máxima de 35 puntos).

– Por experiencia laboral dun mínimo de cinco anos, cando menos, no desenvolvemento de postos na Administración pública no ámbito de xestión de persoal, coordinación ou dirección de equipos de traballo, xestión económica ou xustificación de fondos públicos: 2 puntos por cada ano acreditado, ata un máximo de 15 puntos.

– Por experiencia laboral dun mínimo de cinco anos, cando menos, no desenvolvemento de postos en entidades públicas no ámbito de xestión de persoal, coordinación ou dirección de equipos de traballo, xestión económica ou xustificación de fondos públicos: 2 puntos por cada ano acreditado, ata un máximo de 20 puntos.

7.1.3. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproba a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

7.1.4. Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da 1ª fase, para a defensa do plan de actuación.

7.2. Segunda fase: plan de actuación (ata un máximo de 45 puntos).

7.2.1. A puntuación máxima nesta segunda fase é de 35 puntos para o plan de actuación, e será necesaria a obtención dun mínimo de 20 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados do proceso selectivo.

Este plan deberá conter as principais accións que se poñerían en marcha, indicando unha planificación estimada delas.

O plan non poderá́ superar os 30 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11, incluídos gráficos.

7.2.2. As persoas aspirantes deberán presentar e defender un plan de actuación, que se desenvolverá a medio prazo na área de planificación e dinamización do medio rural no ámbito das competencias da Axencia. Esta presentación e defensa valorarase con 10 puntos.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuacións serán publicados no taboleiro de anuncios e na web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural cunha antelación mínima de corenta e oito horas á sinalada para o seu inicio. Logo de petición do candidato, poderán facilitarse os medios técnicos ou informáticos habituais para proxección ou exposición da presentación.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de resposta compute para os efectos da duración prevista neste punto.

7.2.3. O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

• Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

• Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e conseguir os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

• Eficacia, entendida como grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

• Eficiencia, entendida como relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

• Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser sustentados no tempo.

• Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

• Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

7.2.4. A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/as aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución mediante a cal se aproba a lista coas puntuacións definitivas da segunda fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

8. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases.

En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel. De persistir o empate, resolverase por sorteo.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural as puntuacións obtidas polos/as aspirantes con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

O tribunal elevará á persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación.

De non se presentaren solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9. O vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección; no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O/a aspirante seleccionado/a estará suxeito/a ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

10. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderán declararse desertos os postos de traballo de considerarse oportuno.

missing image file