Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2018 Páx. 15308

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se outorga a autorización administrativa de construción dunha instalación de distribución de enerxía eléctrica no concello de Arteixo (expediente IN407A 2012/47-1).

Solicitante/promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: modificado I subestación 66 kV Morás, nova construción.

Antecedentes:

Con data do 22 de xullo de 2005, o Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto sectorial do Parque de Actividades Económicas de Arteixo (Acteca).

De conformidade co proxecto sectorial aprobado e en virtude do convenio subscrito entre Xestur A Coruña e Unión Fenosa Distribución, S.A. con data do 1 de xullo de 2001, determinouse como solución eléctrica para atender a ampliación de potencia da inicialmente solicitada de 15.400 kW ata 24.750 kW, necesaria para dotar de subministración eléctrica o parque empresarial de Morás, a construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada subestación Morás 66 kV.

Feitos:

Primeiro. Con data do 22 de marzo de 2012, Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución do proxecto denominado subestación Morás 66 kV, nova construción, co cal lle foi asignado para a súa tramitación o número de expediente IN407A 2012/47-1.

Segundo. Formalizados os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, con data do 22 de xuño de 2012 a entón denominada Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña resolveu outorgar a autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura denominada subestación Morás 66 kV, nova construción (DOG núm. 141, do 24 de xullo, BOP núm. 130, do 10 de xullo).

Terceiro. Con data do 12 de setembro de 2017, Juan José Picón Couselo, que actúa en nome e representación de Unión Fenosa Distribución, S.A. na súa condición de director da zona de Galicia, presentou a solicitude de autorización administrativa de construción do proxecto denominado modificado ao proxecto oficial subestación Morás 66 kV, nova construción.

Cuarto. Tras a análise do documento técnico achegado xunto coa solicitude anterior, esta xefatura territorial requiriu con data do 14 de novembro de 2017 a Unión Fenosa Distribución, S.A. para que xustificase ou acreditase que as instalacións da subestación incluídas na autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do 22 de xuño de 2012 cumpren co disposto no Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

Quinto. En resposta ao anterior requirimento, con data do 30 de xaneiro de 2018 Unión Fenosa Distribución, S.A., presentou unha nova solicitude de autorización administrativa de construción do proxecto denominado modificado I subestación Morás 66 kV, nova construción, achegando o preceptivo proxecto técnico que substitúe e anula o presentado con data do 12 de setembro de 2017, e xustificou a súa redacción con base no seguinte:

– Describir as modificacións respecto do proxecto orixinal que conta con autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución desta xefatura territorial de data 22 de xuño de 2012.

– Acreditar o cumprimento do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, das modificacións con respecto ao proxecto orixinal da totalidade das instalacións que compoñen a subestación Morás 66 kV.

Consideracións legais e técnicas:

1. Lexislación de aplicación:

1.1. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

1.2. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

1.3. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

1.4. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).

1.5. Real decreto 1048/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de distribución de enerxía eléctrica (BOE núm. 312, do 30 de decembro).

1.6. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

1.7. Lei 21/2013, do 9 de decembro, da Xefatura do Estado, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro).

1.8. Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

1.9. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. O artigo 36.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, dispón que a posta en funcionamento, modificación, transmisión e peche definitivo das instalacións de distribución de enerxía eléctrica estará sometido, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecido no artigo 53.

3. O artigo 36.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, dispón que a autorización, que non concederá dereitos exclusivos de uso, se outorgará atendendo tanto ao carácter do sistema de rede única e monopolio natural, propio da distribución eléctrica, como ao criterio de menor custo posible para o conxunto do sistema, propio de toda actividade regulada, e evitando o prexuízo aos titulares de redes xa establecidas obrigadas a atender as novas subministracións que se soliciten.

4. No artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, determínase que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, produción e liñas directas recollidas na presente lei ou modificación das existentes, requiriranse as seguintes autorizacións administrativas:

a) Autorización administrativa previa, que se tramitará co anteproxecto da instalación como documento técnico e, de ser o caso, conxuntamente coa avaliación de impacto ambiental, segundo o disposto no texto refundido da Lei de impacto ambiental e proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008 (actualmente substituída pola Lei 21/2013, do 9 de decembro, da Xefatura do Estado, de avaliación ambiental), e outorgará á empresa autorizada o dereito a realizar una instalación concreta en determinadas condicións.

b) Autorización administrativa de construción, que permite ao titular realizar a construción da instalación cumprindo os requisitos técnicos exixibles. Para solicitala, o titular presentará un proxecto de execución xunto cunha declaración responsable que acredite o cumprimento da normativa que lle sexa de aplicación. Para a súa resolución deberanse analizar os condicionados exclusivamente técnicos daquelas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, unicamente no relativo a bens e dereitos da súa propiedade que se encontren afectados pola instalación.

A tramitación e resolución das autorizacións definidas nos parágrafos a) e b) poderán efectuarse de xeito consecutivo, simultáneo ou conxunto.

c) Autorización de explotación, que permite, unha vez executado o proxecto, pór en tensión as instalacións e proceder á súa explotación.

5. A disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, ditamina que as autorizacións das instalacións de produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, se tramitarán de acordo co procedemento establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, ou norma estatal que o substitúa, agás que a Xunta de Galicia promulgue as disposicións que regulen as materias obxecto daquel na nosa comunidade autónoma. As publicacións das solicitudes e resolucións a que fai referencia o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, realizaranse no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial das provincias respectivas.

6. Na resolución de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura denominada subestación Morás 66 kV, nova construción, outorgada con data do 22 de xuño de 2012 pola entón denominada Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, concedíaselle a Unión Fenosa Distribución, S.A. un prazo non superior a un ano para a construción da citada infraestrutura, pero non constaba nela que, en caso de non cumprir co prazo de execución, se procedería a caducidade do expediente administrativo IN407A 2012/47-1.

7. Durante o período de tempo transcorrido entre a data da autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución e a actualidade produciuse a entrada en vigor do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño), e non resultaran de aplicación os criterios técnicos e construtivos do Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro), baixo o que foi autorizado o proxecto de execución subestación Morás 66 kV, ao non poder acollerse a tramitación do expediente aos prazos e procedementos establecidos na disposición transitoria segunda do dito Real decreto 337/2014.

8. O proxecto da instalación non se encontra entre os supostos previstos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, da Xefatura do Estado, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11 de decembro), aos cales se debería exixir o sometemento a avaliación ambiental, ben ordinaria ben simplificada.

9. As características técnicas máis salientables das instalacións para as cales solicita a autorización administrativa de construción, son obxecto da infraestrutura proxectada: atender a demanda eléctrica do Parque Empresarial de Actividades Económicas de Arteixo (Acteca), promovido por Xestur.

– Parque de intemperie: composto por dous (2) transformadores trifásicos con regulación de tensión en carga, refrixeración ONAN, grupo de conexión primario/secundario YNd11, de 25 MVA de potencia unitaria e relación de transformación 66/15 kV.

– Parque 66 kV de interior, con espazo para ser ampliado, cunha configuración de dobre barra e constituído por seis (6) celas blindadas encapsuladas, con illamento en SF6, que corresponden ás posicións seguintes:

• Dúas (2) posicións 601/604, de protección de primario de transformador T-I/T-II.

• Dúas (2) posicións 602/603, de protección de liña 66 kV Carral/de liña 66 kV Sabón.

• Unha (1) posición 605, de acoplamento transversal.

• Unha (1) posición 6 BA/6 BB, de medida de tensión en barras, composta por dous (2) xogos de transformadores de tensión con relación de transformación 66:√3/110:√3-110:√3-110:√3 kV e potencias 30-30-50 VA.

Conexións mediante terminais flexibles (primarios T-I e T-II) e enchufables (celas), en condutor tipo RHZ1-2 OL (S) 36/66 kV 3 (1×630 mm2 Al).

– Parque 15 kV de interior, con espazo para ser ampliado, cunha configuración de dobre barra e constituído por nove (9) celas blindadas, con illamento en SF6, que corresponden ás posicións seguintes:

• Dúas (2) posicións 704/709, de protección de secundario de transformador T-I/T-II.

• Catro (4) posicións 705/706/707/708, de protección de liña 15 kV Parque Actividades Económicas Arteixo-1/de liña 15 kV Parque Actividades Económicas Arteixo-2/de liña 15 kV Parque Actividades Económicas Arteixo-3/de liña 15 kV Parque Actividades Económicas Arteixo-4.

• Unha (1) posición 702, de acoplamento transversal, con medida de tensión en barras 7 BAB, composta por dous (2) xogos de transformadores de tensión con relación de transformación 16,5:√3-110:√3-110:3 kV e potencias 20-50 VA.

• Dúas (2) posicións 701/703, de protección de transformador de servizos auxiliares T-I/T-II.

Conexións mediante terminais flexibles (secundarios T-I e T-II) en condutor tipo RHZ1-2 OL (S) 12/20 kV 3 (1×630 mm2 Cu) e enchufables (celas), en condutor tipo RHZ1-2 OL (S) 12/20 kV 3 (1×240 mm2 Al).

– Servizos auxiliares: dous (2) transformadores de 160 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 15/0,4-0,23 kV, un armario de BT para a distribución para os circuítos auxiliares da subestación, os circuítos de mando, control e protección e para os circuítos de telecontrol, un equipo cargador-batería de 125 V c.c., un equipo cargador-batería de 48 V c.c., un armario UCI (unidade de control integrada) e un equipo de comunicacións.

– Sistema de proteccións, control, comunicacións e medida.

– Rede de terras: en cobre de 95 mm2 de sección mínima, en mallado de 2,5×2,5 m e soterrada a 0,8 metros de profundidade.

Localización das instalacións: lugar de Aguieiros, termo municipal de Arteixo, na parcela delimitada pola poligonal de coordenadas UTM (ETRS89) seguintes:

Punto

UTM/X

UTM/Y

A

541.724,20

4.794.361,37

B

541.723,83

4.794.403,59

C

541.711,81

4.794.419,28

D

541.693,88

4.794.384,43

Orzamento: 3.978.033, 00 €.

10. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa de construción do proxecto técnico denominado modificado I subestación Morás 66 kV, nova construción.

2. Considerando a planificación de Unión Fenosa Distribución, S.A., as instalacións serán executadas no prazo de dezaoito (18) meses, contado a partir da data da resolución do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. A posta en servizo da instalación (autorización de explotación) deberá ser expresamente solicitada polo titular dela perante esta xefatura territorial, para o que se xuntará a citada solicitude da seguinte documentación:

– Declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e certificacións ou homologacións, se procede, segundo establece o punto 3.d) da ITC-RAT 22, do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 ou xustificación da non necesidade.

– Certificado do director da montaxe, no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así coma das regulamentacións e normas que sexan de aplicación na montaxe e posta a punto.

4. Dado que o obxecto da construción da subestación Morás 66 kV é atender a demanda eléctrica do Parque Empresarial de Arteixo (Acteca), todos os compoñentes da dita subestación que figuran no proxecto baixo as referencias futuro/futura non forman parte da presente resolución. No caso de que nun futuro for necesaria a construción dalgún dos compoñentes recollidos baixo as denominacións indicadas, deberanse recoller no proxecto ou proxectos de execución que sexan necesarios para ser sometidos á súa tramitación regulamentaria nos termos dispostos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.

A Coruña, 9 de febreiro de 2018

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña