Dentro das actividades programadas para o ano 2018, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da primeira práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/as policías locais de Galicia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
Obxectivos:
– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4. da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.
– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.
– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal mediante un control e unha cartilla de tiro individual.
– Establecer distintos niveis para categorías de tirador, segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.
Destinatarios/as:
A actividade vai dirixida aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso da arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.
Para tal fin, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública establece un plan anual de adestramento, no cal se inclúen dúas prácticas anuais para o persoal dos concellos interesados.
Solicitudes:
Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se atopa na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 23 de marzo de 2018.
As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp núm. 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellería ou xefe de persoal, segundo proceda.
Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo coa seguridade e habilidade necesarias.
Medios:
Para o desenvolvemento da actividade, o alumnado deberá traer cadansúa arma regulamentaria da dotación e a munición correspondente para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.
Determinación da data das prácticas:
A primeira práctica do plan terá lugar os días 3, 5, 9, 10, 12, 16, 17 e 19 de abril das 10.00 ás 20.30 horas.
Os días 6 e 13 de abril será das 10.00 ás 14.30 horas.
Os días 4, 11 e 18 de abril será das 16.00 ás 20.30 horas.
Configurado o calendario segundo ás solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.
Control e cartilla de tiro:
O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.
Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador/a amose nos aspectos tanto de seguridade como de manexo das armas, niveis a que irá accedendo paulatinamente cada policía, se é o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba no punto anterior.
Lugar:
As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Modificacións:
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 5 de marzo de 2018
Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública