Os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, establecidos pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017, teñen como finalidade recoñecer a excelencia do proceso produtivo das explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia na obtención dun leite cru da mellor calidade hixiénico-sanitaria.
Este recoñecemento realízase mediante a distinción a explotacións en tres categorías en función do seu tamaño, pequenas, medianas e grandes. Pola súa vez estas categorías subdividiranse cada unha delas en tres grupos en función do sistema de produción, entendido este como a posibilidade de aproveitamento de recursos propios da explotación. Recoñécense tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.
En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e na Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación e publicación da convocatoria
1. A presente orde ten por obxecto convocar, para o ano 2018, os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, nas condicións establecidas pola Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.
2. A presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.
Disposición adicional única. Réxime supletorio
No non previsto nesta orde será de aplicación o disposto na Orde do 22 de agosto de 2017 pola que se establecen as bases que regulan a concesión dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia e se convocan para o ano 2017.
Disposición derradeira única. Efectos
A presente orde comezará a producir efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2018
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural