Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2018 Páx. 11894

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, nos termos do previsto nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución.

A disposición adicional terceira da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, sinala que todas as actuacións en materia de formación e educación se realizarán a través da Escola Galega do Consumo como órgano integrado no Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

O artigo 51.2 da Constitución establece o dereito básico dos consumidores á formación e á educación en materia de dereitos dos consumidores. Neste sentido, o artigo 47 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, sinala que a Comunidade Autónoma de Galicia, a través do órgano competente en materia de consumo, fomentará a formación e a educación dos consumidores coidando a integración da perspectiva de xénero e, de xeito especial, o coñecemento dos seus dereitos para que os poidan exercer de acordo con pautas de consumo responsable nun mercado global, altamente tecnificado e cambiante.

Para acadar o obxectivo anteriormente sinalado, o artigo 49 da Lei 2/2012 habilita a Administración competente en materia de consumo para a elaboración de plans e programas de actuación conducentes ao impulso do tratamento da educación para o consumo nos diferentes niveis e etapas do ensino regrado.

Coa finalidade de que as persoas que teñan unha titulación universitaria de licenciado/a ou de grao no ámbito das ciencias da educación poidan complementar os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, e de facilitar a formación directa de futuros docentes en materia de consumo responsable, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia convoca unha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo de xeito que se posibilite a incorporación ao mercado laboral de profesionais no eido do ensino capacitados para dar cumprimento ao mandato constitucional de garantir a formación e a educación das persoas consumidoras e usuarias.

Abórdase así a necesidade de poñer en marcha esta actuación formativa desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral. Por outra banda, neste contexto de crise económica, posibilitar aos/ás mozos e mozas con titulación universitaria de licenciado/a ou de grao obteren unha formación práctica no eido da educación sobre consumo responsable que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste sentido, por medio desta resolución establécense as bases da convocatoria dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo para o ano 2018.

Con este fin, na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG núm. 245, do 28 de decembro), existen nas aplicacións 09.80.613A.480.0 e 09.80.613A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 10.800,00 € e 500,00 €, respectivamente, para atender a bolsa de formación da presente resolución.

Por outra banda, coa finalidade de que a persoa adxudicataria da bolsa poida comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión da bolsa pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión dunha bolsa de formación no Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, na Escola Galega do Consumo, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria (código do procedemento IN117A).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 11.300,00 €, que se imputará ás aplicacións 09.80.613A.480.0, «Formación en materia de educación para o consumo responsable» (10.800,00 €), e 09.80.613A.484.0, «Cotas Seguridade Social bolseiros» (500,00 €), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2018, e que se destinará ao pagamento da persoa bolseira e das cotas da Seguridade Social. O importe da bolsa non excederá a contía de 10.800 €.

2. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 500,00 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte do Instituto Galego do Consumo e da Competencia por continxencias comúns e profesionais.

3. O procedemento de concesión desta bolsa tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Órganos competentes

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa e correspóndelle á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditar a correspondente resolución.

Artigo 4. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, http://consumo.xunta.gal.

b) Nos teléfonos 881 99 90 91 e 881 99 90 75 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

c) No enderezo electrónico igc.escuela@xunta.gal.

d) Nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2018

Sol Mª Vázquez Abeal
Directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha bolsa de formación na Escola Galega do Consumo para o ano 2018

Artigo 1. Obxecto e duración das bolsas de formación

1. A bolsa de formación na Escola Galega do Consumo ten como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da docencia e o seu ámbito.

2. A Escola Galega do Consumo elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos aos dereitos e deberes das persoas consumidoras e usuarias; a educación en materia de consumo responsable, tanto no eido do ensino regrado como non regrado; a innovación educativa e a educación e a formación en valores, e a investigación sobre os hábitos de consumo da sociedade galega. O programa formativo poderase estender a todas aquelas actividades de formación en materia de consumo responsable realizadas na Escola Galega do Consumo.

3. Así mesmo, a Escola Galega do Consumo nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverá a persoa bolseira.

4. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2018 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación da persoa bolseira ata o 30 de decembro. Non se concederán bolsas para suplir baixas ou renuncias por tempo inferior a un mes.

Artigo 2. Dotación económica

A bolsa estará dotada cun importe máximo de 10.800,00 € brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 900 € por mes.

Artigo 3. Condicións e incompatibilidades

1. A persoa beneficiaria adquire exclusivamente a condición de bolseira, coas súas obrigas e dereitos e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción desta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 4. Centro de destino

A formación terá lugar nas dependencias da Escola Galega do Consumo, así como nos espazos das entidades que lle soliciten a súa colaboración para a realización das actividades formativas, como centros educativos, espazos habilitados polos concellos, polas asociacións de consumidores e usuarios, e en calquera outro lugar en que a Escola Galega do Consumo teña que realizar calquera actuación de carácter educativo e formativo.

Artigo 5. Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Só se lles concederá validez ás titulacións ou aos cursos homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias de licenciatura ou de grao: Maxisterio; Ciencias da Educación, especialidade de Educación Infantil, Primaria e Social; Pedagoxía; Psicoloxía; Socioloxía, ou equivalentes. A persoa solicitante deberá estar en posesión do correspondente título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter finalizado os estudos conducentes para a súa obtención no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non desfrutar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Non ter sido beneficiario/a desta mesma bolsa en convocatorias anteriores por un tempo superior a catro meses.

h) Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

i) Non incorrer en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Proceso de selección

1. Para a concesión da bolsa realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo co proceso de selección e cos criterios de valoración establecidos a continuación.

2. Resultará adxudicataria a persoa que acade unha maior puntuación como resultado da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección:

a) A primeira fase consistirá na valoración dos méritos segundo os criterios establecidos no artigo seguinte, que se puntuará de 0 a 18 puntos.

A puntuación mínima exixida para pasar á segunda fase é de 6,75 puntos.

b) A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal, que se puntuará de 0 a 2 puntos.

3. A puntuación máxima no proceso de selección será de 20 puntos.

Artigo 7. Criterios de valoración dos méritos

1. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, de acordo cos seguintes criterios:

a) Titulación:

1º. Por estar en posesión dunha titulación universitaria de licenciatura ou de grao en Maxisterio; Ciencias da Educación, especialidade de Educación Infantil, Primaria e Social; Pedagoxía; Psicoloxía; Socioloxía, ou equivalentes: 2 puntos por cada titulación, ata un máximo de 4 puntos.

2º. Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

b) Expediente académico:

1º. Pola nota media obtida na titulación con que concorre:

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

2º. Forma de acreditación: certificación académica oficial.

c) Outras titulacións:

1º. Por estar en posesión doutras titulacións universitarias de licenciatura ou de grao: 1 punto por cada titulación, ata un máximo de 2 puntos.

2º. Forma de acreditación, só para o caso de non autorizar a súa comprobación de acordo co artigo 10: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Formación complementaria recibida, ata un máximo de 6 puntos, conforme o seguinte baremo:

1º. Formación complementaria universitaria, ata un máximo de 3 puntos:

– Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados: 1 punto.

– Por cada curso de experto/a ou especialista universitario/a: 0,70 puntos.

Os ditos estudos deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

2º. Por cada curso de formación en materia de innovación educativa, consumo, márketing, publicidade ou informática, ata un máximo de 3 puntos:

– De 20 horas ata 50 horas: 0,20 puntos.

– De máis de 50 horas ata 100 horas: 0,40 puntos.

– De máis de 100 horas: 0,60 puntos.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

3º. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificado de participación nas actividades formativas.

e) Por coñecemento de idiomas: 0,50 puntos por cada un, ata un máximo de 1 punto.

Non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas, institución ou centro recoñecido oficialmente.

2. En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

3. Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias da presente bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente no presente procedemento.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial, na cal conste a nota media do expediente académico da titulación universitaria coa cal concorre.

b) Curriculum vitae, no cal se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a experiencia profesional.

c) Documentos acreditativos de todos os méritos alegados no curriculum vitae.

d) Xustificante do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente, se é o caso.

e) Títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, se é o caso.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) Certificado de empadroamento.

c) Celga 4 ou documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego expedido polos órganos competentes en materia de política lingüística.

d) Título/s universitario/s de licenciado ou grao. No caso de títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, será necesario presentar o documento orixinal ou unha copia compulsada e dixitalizada.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa facenda pública da Comunidade Autónoma.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

b) Non desfrutar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, ou non a autoricen expresamente cando sexa preciso, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. O prazo concluirá o mesmo día en que tivo lugar a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, o prazo expirará o último día do mes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Prazo de duración do procedemento

Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas presentes bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non o fixer así, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das comprobacións obtidas de conformidade co artigo 10 resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal). Se a instrución do procedemento o aconsella, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 40 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as súas causas.

Artigo 15. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 7, de efectuar a entrevista persoal e de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– A persoa titular da Xerencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– O/a director/a técnico/a da Escola Galega do Consumo.

– O/a xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

– Un/unha funcionario/a da Escola Galega do Consumo.

3. A comisión de valoración constituirase na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 16. Primeira fase: valoración de méritos

1. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, publicarase na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) unha lista coas puntuacións provisionais outorgadas ás persoas solicitantes.

2. Contra estas puntuacións provisionais poderase presentar reclamación no prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación. Neste prazo de reclamacións non se terá en conta a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

3. Resoltas as reclamacións contra as puntuacións provisionais, publicarase na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) a lista coas puntuacións definitivas obtidas na primeira fase.

Artigo 17. Segunda fase: entrevista persoal

1. As persoas que obteñan un mínimo de 6,75 puntos na primeira fase serán convocadas para realizar unha entrevista persoal coa comisión de valoración, na sede do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na cal se valorará a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa.

2. A convocatoria para a entrevista persoal realizarase mediante publicación na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal), na cal se indicarán a data e a hora de realización da entrevista para cada unha das persoas convocadas.

3. De non se presentar á entrevista, entenderase que a persoa convocada renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

4. Realizadas as entrevistas persoais, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatos/as por orde de puntuación, que se publicará na páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal).

Artigo 18. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñeráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 19. Resolución

1. A comisión de valoración elevaralle á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega do Consumo, a persoa proposta segundo a orde de prelación acadada e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia da persoa proposta.

2. A directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará resolución mediante a cal se lle adxudicará a bolsa á persoa que obtivese maior puntuación. A dita resolución será publicada na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (http://consumo.xunta.gal) e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlles a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 20. Notificación

1. As notificacións das resolucións e os actos administrativos que se diten neste procedemento efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Aceptación ou renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, a persoa beneficiaria deberá comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles.

2. Transcorrido o dito prazo, se a persoa beneficiaria non se declara en ningún sentido, entenderase que renuncia á bolsa.

3. No caso de que a persoa beneficiaria non acepte a bolsa, non se poida incorporar por calquera outro motivo ou renuncie á bolsa, poderá ser substituída polas persoas que figuren na lista de reserva en función da orde de prelación.

Artigo 22. Natureza xurídica da relación

1. A condición de beneficiario/a desta bolsa non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da seguridade social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

Artigo 23. Pagamento da bolsa

1. O pagamento da bolsa realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida a certificación na cal se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa beneficiaria percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que desfrute a bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), a persoa beneficiaria da bolsa queda exenta da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no parágrafo anterior e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos xestionaranse pola habilitación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Artigo 24. Obrigas da persoa beneficiaria

A persoa beneficiaria da bolsa terá as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa dentro do prazo de cinco días posteriores ao da notificación da resolución de concesión.

b) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III.

c) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa, segundo o modelo do anexo III.

d) Presentar, xunto coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Incorporarse á bolsa na data sinalada na resolución de concesión e cumprir un horario de trinta e cinco horas semanais, de acordo coa distribución que lle asigne a Escola Galega do Consumo.

f) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

g) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine a Escola Galega do Consumo. Así mesmo, deberá asistir ás actividades que o dito centro considere convenientes para a súa formación.

h) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como persoa bolseira.

i) Manter a confidencialidade e a reserva sobre a totalidade dos documentos que lle sexan confiados ou sexan elaborados en cumprimento das súas funcións como persoa bolseira. Esta confidencialidade é extensible a calquera dato que poida coñecer con ocasión do desfrute da bolsa, especialmente os de carácter persoal, que non poderá copiar ou utilizar cun fin distinto ao da bolsa, nin tampouco ceder a outros nin sequera para efectos de estudo, consulta ou divulgación.

j) Comunicarlle á Escola Galega do Consumo a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

k) Comunicarlle a súa renuncia á Escola Galega do Consumo con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

l) Presentar ante a Escola Galega do Consumo, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, na cal especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

m) Desfrutar dun período de vacacións de vinte e dous días hábiles ou o tempo proporcional ao período de desfrute da bolsa.

n) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, logo de proposta motivada do/a director/a técnico/a da Escola Galega do Consumo, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas para a súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

4. Á persoa beneficiaria da bolsa regulada nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.gal.

Artigo 27. Control e publicidade

1. Esta bolsa estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 28. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

missing image file
missing image file
missing image file