Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2018 Páx. 11956

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico Pena Forcada-Catasol II, situado no concello de Laxe e promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (expediente IN661A 2010/3-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico Pena Forcada-Catasol II (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais ao abeiro da Orde do 20 de xaneiro de 2010, pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro), admitiuse a trámite o parque eólico cunha potencia de 7,35 MW.

Segundo. O 26.7.2010, Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 10.1.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas tomou razón da subrogación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. (en diante, o promotor) na posición de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. no expediente relativo ao parque eólico.

Cuarto. O 11.8.2011, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Quinto. O 22.10.2015, o promotor presenta unha nova solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico e achega, así mesmo, o correspondente estudo de impacto ambiental. Esta nova solicitude vén motivada por unha optimización do parque eólico e polo cambio na solución de evacuación prevista inicialmente, polo que cómpre introducir modificacións no proxecto de execución do parque eólico.

Sexto. Mediante a Resolución do 17 de novembro de 2015, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 11.12.2015, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 27.11.2015 e no xornal La Voz de Galicia do 1.12.2015. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e do concello afectado (Laxe).

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións indicadas no punto 1 do anexo desta resolución. A continuación, resúmese o seu contido:

– Erros na titularidade dos predios afectados e solicitude de información sobre as compensacións económicas que se recibirán pola expropiación.

– Poñen de manifesto unha ampla relación de valores naturais da zona incluídos na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Protexidos, entre eles: ZEPVN Costa da Morte, ZEPVN Costa da Morte (Norte), Paisaxe Protexida Penedos de Pasarela e Traba, ZEC Costa da Morte, ZEPA Costa da Morte (Norte), e as zonas húmidas Rego de Soesto, Trasadunas de Soesto, Lagoa de Traba, Mórdomo, Redondelo e Brañas Mouras. Expoñen que os aeroxeradores afectan algúns destes espazos.

– Solicitan que a Consellería de Medio Rural emita informe sobre os valores forestais e silvícolas da zona afectada e as súas repercusións; Turismo, en relación co impacto no turismo verde ou interior do Concello de Laxe e a súa área de afección; Paisaxe, en relación cos impactos na paisaxe da área afectada; o Igape, sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto eólico; e Natureza, en relación coa conectividade ecolóxica.

– Solicitan que se teña en conta a posibilidade da situación deste proxecto noutros concellos en que xa existen outros parques eólicos ou se opte por repotenciar outros existentes.

– Solicitan que se emita o informe da Administración sobre as medidas de seguridade e o risco de incendios forestais.

– Solicitan que se rexeite o proxecto pola súa incompatibilidade coa paisaxe, co ambiente, co turismo e cos montes.

– Solicitan que a empresa analice os impactos directos e indirectos sobre a poboación e as distancias ás poboacións máis próximas.

– Solicitan medidas para compensar os efectos adversos sobre o ambiente.

– Presentan queixas sobre a limitación de acceso ao expediente en fase de información publica ao non poder facelo por medio da web institucional.

– Solicitan mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves no parque proxectado e determinación dos obxectivos de conservación da biodiversidade.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Solicitan que o Concello de Laxe emita informe sobre o impacto do parque no turismo, xa que é un concello que oferta turismo nunha paisaxe libre de eólicos.

– Manifestan a ausencia do trámite de aceptación social do proxecto e que falta a análise das posibles afeccións á veciñanza afectada.

– Solicitan que se revise a normativa sectorial para evitar unha desmesurada ocupación do territorio polos eólicos en detrimento dos valores paisaxísticos, turísticos, ambientais e forestais.

– Solicitan que se establezan medidas compensatorias para a veciñanza afectada.

– Solicitan que a consellería competente exixa ao promotor os avais e garantías necesarios para facer fronte ás responsabilidades ambientais e os danos derivados da execución e do funcionamento do parque eólico.

– Solicitan que se opte por instalar o parque eólico noutro concello ou apostar por outros parques xa en funcionamento.

– Solicitan que se exixa á empresa un mellor estudo dos ruídos, fumigacións e fertilizantes que se utilizarán e o estudo do patrimonio inmaterial da área afectada.

– Manifestan a ausencia de visado do proxecto e ausencia de indicación da capacidade técnica e profesional dos redactores do proxecto e estudo de impacto ambiental.

– Solicitan que non se autorice o parque eólico, por ser inviable ambientalmente, polo impacto negativo sobre a economía das familias da zona, sobre o aproveitamento forestal e o turismo.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que non houbo intento de acordo cos afectados para evitar a expropiación, que o lugar elixido non é o apropiado, pois vulnera distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, que é inxustificable a construción de novos parques se se poden repotenciar os xa existentes ou colocar estes tres aeroxeradores noutros parques eólicos da zona, perigo para a seguridade das persoas, impacto negativo para as aves locais e migratorias, sinerxías negativas sobre a paisaxe e a afección á avifauna, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, continuando coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda, ausencia de aceptación social do proxecto, cómpre buscar unha mellor alternativa co ambiente para este parque eólico.

– Solicitan que se pospoña a aprobación deste proxecto ata a publicación do POL (Plan de ordenación do litoral).

– Alegan que o monte Chan (onde está prevista a instalación dos tres aeroxeradores) forma parte dun conxunto paisaxístico dos Penedos de Pasarela e Traba, que é paisaxe protexida, que o proxecto afectaría permanentemente o lugar, e que o Concello de Laxe e os seus habitantes non obterían ningún beneficio deste proxecto e que é preciso protexer o monte Chan por estar catalogado no Plan de ordenación do litoral.

– Solicitan que a empresa reconsidere o proxecto e que o Concello de Laxe defenda os seus intereses.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do parque eólico.

– Manifestan que afecta a Rede Natura 2000 pola conectividade ecolóxica observada, e que se debería incluír unha epígrafe para a avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do espazo.

– Solicitan que se paralice o proceso de autorización mentres non se aprobe o catálogo de protección da paisaxe da Costa da Morte e as súas directrices, e que se rexeite a solicitude por non ser autosuficiente e non revestir un carácter global ao non ter en conta todos os aspectos e infraestruturas necesarios para a posta en funcionamento do parque eólico.

Sétimo. O 17.11.2015, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Laxe, Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal e Retevisión.

Oitavo. O 18.11.2015, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados pola poligonal do parque eólico.

Noveno. O 2.12.2015, Retevisión emitiu o correspondente condicionado. O 29.1.2016 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo. O 4.12.2015, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 29.1.2016, o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 11.1.2016, o Concello de Laxe emitiu o correspondente condicionado. O promotor achegou resposta o 15.2.2016.

Décimo segundo. O 18.2.2016, a xefatura territorial reiterou as solicitudes dos condicionados técnicos á Axencia Galega de Infraestruturas.

Décimo terceiro. O 2.3.2016, a xefatura territorial iniciou o trámite de compatibilidade de utilidades públicas concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico.

Décimo cuarto. O 28.3.2016, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu o correspondente condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 12.4.2016.

Décimo quinto. O 29.4.2016, a xefatura territorial emitiu o informe sobre a compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Décimo sexto. O 30.9.2016, o promotor achegou nova documentación en que se describe a adecuación do proxecto á nova solución de evacuación. Esta adecuación consiste basicamente na substitución da subestación eléctrica inicialmente proxectada por un centro de seccionamento.

Décimo sétimo. O 28.3.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Laxe, Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal e Retevisión.

Décimo oitavo. O 17.4.2017, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 1.6.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo noveno. O 27.4.2017, Retevisión emitiu o correspondente condicionado. O 1.6.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Vixésimo. O 27.4.2017, a Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe desfavorable sobre a separata remitida. O 7.6.2017, o promotor presentou documentación complementaria para dar resposta ao mencionado informe. O 14.6.2017, a Axencia emitiu un novo informe desfavorable. O 12.7.2017, o promotor presenta nova documentación, que recibiu o informe favorable da Axencia o 20.7.2017.

Vixésimo primeiro. O 8.6.2017, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 26 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 140, do 24 de xullo).

Vixésimo segundo. O 4.7.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Vixésimo terceiro. O 6.7.2017, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto do parque eólico. Coa mesma data, remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo cuarto. O 18.7.2017, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais informou sobre o trámite de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Vixésimo quinto. O 4.8.2017, o promotor achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental da modificación do modelo de aeroxerador. Esta modificación implica a eliminación do aeroxerador 3 e aumenta a potencia nominal dos outros dous ata os 3.600 kW, fronte aos 2.500 kW do modelo inicial. Posteriormente, o 29.8.2017, achegou o documento Proxecto Parque Eólico Pena Forcada-Catasol II. Addenda nº 2. Agosto 2017, co fin de incorporar ao proxecto de execución as modificacións derivadas do cambio do modelo do aeroxerador.

Vixésimo sexto. O 14.8.2017, a Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns presentou un escrito co obxecto de interpor un recurso administrativo contra a Resolución do 26 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se deu publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 8 de xuño de 2017, relativa ao proxecto do parque eólico. O 9.11.2017, esta dirección xeral deu resposta ao escrito do 14.8.2017 comunicándolle á Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns que a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto. O 3.11.2017, o promotor deu resposta ás alegacións contidas no citado escrito do 14.8.2017.

Vixésimo sétimo. O 22.8.2017, a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, a Asociación Amigos e Amigas dos Bosques O Ouriol do Anllóns e a Asociación Ambiental Cova Crea presentaron unha alegación relativa aos proxectos eólicos Pena Forcada Catasol II e Mouriños. Neste escrito solicitouse o rexeitamento dos proxectos dos parques eólicos Pena Forcada Catasol II e Mouriños, e das súas infraestruturas de evacuación asociadas. O 3.11.2017, o promotor deu resposta ás alegacións contidas no citado escrito do 22.8.2017.

Vixésimo oitavo. O 28.8.2017, a Comunidade de Augas Fonte do Rechabo de Corcoesto presentou unha alegación relativa aos proxectos eólicos Pena Forcada Catasol II e Mouriños. Neste escrito, solicitouse o rexeitamento dos proxectos dos parques eólicos Pena Forcada Catasol II e Mouriños, e das súas infraestruturas de evacuación asociadas. O 3.11.2017, o promotor deu resposta ás alegacións contidas no citado escrito do 28.8.2017.

Vixésimo noveno. O 31.8.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe en que considera que non existen obxeccións ao cambio de modelo de aeroxerador solicitado polo promotor.

Trixésimo. O 26.9.2017, a xefatura territorial informou que as modificacións introducidas no proxecto non alteran as condicións analizadas no informe do 29.4.2016 sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados.

Trixésimo primeiro. O 29.9.2017, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitiu informe favorable sobre a compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Trixésimo segundo. O 25.10.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa modificación de modelo do aeroxerador proxectado, ratificou o contido do informe do 4.7.2017, por entender que a nova documentación achegada polo promotor deu resposta ás cuestións formuladas no mencionado informe.

Trixésimo terceiro. O 26.10.2017, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, introducida pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor solicitou a declaración de proxecto de interese especial para o parque eólico.

Trixésimo cuarto. O 13.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Trixésimo quinto. O 11.12.2017, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Trixésimo sexto. O 15.12.2017, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación co Proxecto Parque Eólico Pena Forcada-Catasol II. Addenda nº 2. Agosto 2017.

Trixésimo sétimo. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución e resumidas no antecedente de feito sexto, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coas alegacións sobre a titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como as compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución.

2. Co obxecto de aclarar as alegacións presentadas en relación cos procedementos realizados durante a tramitación do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático, o 8.6.2017, formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico.

3. Con respecto á necesidade de visado, débese indicar que o artigo 36.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, tan só recolle a necesidade de que o proxecto de execución sexa subscrito por un técnico competente.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas, resolvo:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Pena Forcada-Catasol II, situado no concello de Laxe (A Coruña) e promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., para unha potencia de 7,35 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico composto polos seguintes documentos, todos eles asinados pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso, colexiada nº 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e visados polo dito colexio nas datas e cos números que se indican:

– Parque Eólico Pena Forcada-Catasol II. Proxecto de execución. Maio 2015, visado o 11.6.2015 co nº 201502122.

– Addenda nº 1: proxecto de execución Parque Eólico Pena Forcada-Catasol II. Setembro 2016, visado o 29.9.2016 co nº 201502122.

– Proxecto Parque Eólico Pena Forcada-Catasol II. Addenda nº 2. Agosto 2017, visado o 22.8.2017 co nº 201502122.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Domicilio: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Pena Forcada-Catasol II.

Potencia admitida a trámite: 7,35 MW.

Potencia instalada: 7,2 MW.

Concellos afectados: Laxe (A Coruña).

Produción media anual neta estimada: 28.459 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 7.195.041,91 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. Pena
Forcada-Catasol II

Vértices poligonal

Coordenadas UTM

(ETRS89, fuso 29)

X

Y

1

497.874

4.783.785

2

498.224

4.783.785

3

499.874

4.783.286

4

499.874

4.780.636

5

497.624

4.780.636

6

497.624

4.783.636

Situación dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

Nº aeroxerador

X

Y

1

498.284

4.782.065

2

498.482

4.781.848

Características técnicas das instalacións:

• 2 aeroxeradores Vestas V-117 de 3.600 kW de potencia nominal unitaria cun diámetro de rotor de 117 m e montados sobre fuste tubular metálico cunha altura de 80 m.

• 2 centros de transformación de 4.000 kVA de potencia nominal, cunha relación de transformación de 0,75/20 kV, grupo de conexión Dyn5, situados no interior do fuste de cada aeroxerador cos correspondentes aparellos de manobra e protección.

• Liñas eléctricas soterradas a 20 kV de tensión nominal, para a interconexión dos aeroxeradores co centro de seccionamento do parque eólico, compostas por condutor unipolar de AL tipo RHZ1-2OL, con nivel de illamento 12/20 kV e sección 3×(1×95) mm2.

• Centro de seccionamento composto por celas de alta tensión, transformador e cadro de servizos auxiliares, banco de condensadores, equipamento rectificados-cargador de baterías e equipamento de control e protección.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 64.175 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se autoriza.

5. De conformidade co artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no número 1 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 8.6.2017 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e Cambio Climático.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito sexto:

Alba Vázquez Lema, o 11.1.2016; Xulia Mira Suárez, en representación do BNG de Laxe, o 15.1.2016; María José Ajuria Peón, o 9.1.2016; Ignacio Ajuria Peón, o 8.1.2016; Santiago Ajuria Peón, o 8.1.2016; Asociación Galega e Ambiental Cova Crea, o 7.1.2016 e o 10.8.2017; Asociación Medioambiental Contramínate, o 11.1.2016; Asociación Galega e Ambiental Cova Crea e a Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, o 7.2.2016; Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, o 30.11.2015, o 22.12.2015 o 12.1.2016 e o 9.8.2017; Ana Martina Varela Velo, o 12.1.2016; Josefa Pose Lema, o 21.12.2016; Iñaki Varela Pérez, en representación da Asociación Ecoloxista Verdegaia, o 23.12.2016; Francisco García Trigo, o 20.12.2016; Braulio Amaro Caamaño, o 20.12.2016; Ramón Varela Rivera, en representación da Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, o 16.8.2017; Carmen Lema Vázquez, o 12.1.2016; Mari Carmen Lema Fuentes, o 29.12.2015; María Josefa Porteiro Mouzo, en nome propio e en representación de Herdeiros de María Mouzo Musi, o 22.12.2015; Lourdes Vázquez Pérez, o 15.12.2015; Perfecto García García, o 21.12.2015; Mª Carmen Lema Vázquez, o 4.12.2015; Jesús Vázquez Lavandeira, o 14.12.2015.