Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11480

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2018 pola que se convocan probas selectivas para o acceso á escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade arquivos, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como polos estatutos desta universidade, e en execución do previsto na Resolución do 30 de setembro de 2016 (DOG do 18 de outubro) pola que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2016, resolve convocar probas selectivas para acceso á escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade arquivos, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir unha praza na escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade arquivos da USC, subgrupo A1, pola quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición.

1.3. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I.

1.4. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.5. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia, e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír, no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:

a) Ser español ou ter a condición de nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión do título universitario oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

d) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, sección arquivos, subgrupo A2, en servizo activo, con destino definitivo ou en adscrición provisional na USC.

e) Ter prestado servizos efectivos durante polo menos dous anos como funcionario/a da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, sección arquivos, subgrupo A2.

f) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.

g) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.3.2 desta convocatoria para as persoas discapacitadas e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nestas probas selectivas deberá facelo constar na solicitude que se axustará ao modelo oficial publicado como anexo IV desta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Xustificante bancario acreditativo de ter aboados os dereitos de exame.

3.2. A presentación da solicitude e da documentación indicada nos puntos anteriores farase no Rexistro Xeral da Universidade, situado na Reitoría da USC (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, 15782 Santiago de Compostela), no rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros (avenida Bernardino Pardo Ouro s/n, polígono de Fingoi, 27002 Lugo), no rexistro electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.3. Os dereitos de exame serán de 41,56 €, que se ingresarán na conta de Abanca «oposicións» número: ES07 2080 0388 2031 1000 0646.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.3.1. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.3.2. Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e tamén as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación do grao de discapacidade e/ou do carné de familia numerosa segundo corresponda.

3.3.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.4. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na súa solicitude as necesidades de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.5. A Xerencia expedirá de oficio certificación que acreditará a antigüidade recoñecida, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional e, de ser o caso, as situacións recollidas na fase de concurso do anexo I, relativas ao exercicio do dereito de conciliación. Esta certificación engadirase á solicitude presentada pola persoa aspirante.

Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia na data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declarará aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, na cal constará o nome e apelidos das persoas excluídas, o número de DNI, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaron a exclusión.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.2. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes citadas.

5.4. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír a quen teña perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3.

5.5. Logo de convocatoria do/a presidente/a, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.6. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.7. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.8. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.9. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.4 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.10. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan a persoa proposta, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «G», de conformidade co establecido na Resolución do 17 de xaneiro de 2018, da Consellería de Facenda.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.3. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizase o primeiro deles, así como na Reitoría da universidade, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, vinte e catro horas á sinalada para o seu inicio.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas aspirantes. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante poderase interpor recurso ante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, na sede do tribunal, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida e do documento acreditativo da identidade.

7.2. As persoas aspirantes disporán de 3 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de 7 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Contra a baremación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da dita baremación.

7.5. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria.

7.6. O tribunal fará pública a listaxe de persoas aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, e que en ningún caso poderá conter un número de persoas superior que o de prazas convocadas.

7.7. A dita relación será elevada polo tribunal ao reitor da Universidade xunto coa proposta de nomeamento a favor da persoa aspirante que figure nela e será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría e na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva coa persoa seleccionada na Reitoría da universidade, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar no Servizo de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova 6, Santiago de Compostela) a documentación requirida para proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade arquivos, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeada/o funcionaria/o de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de persoal funcionario de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será nomeada funcionaria de carreira da escala facultativa de arquivos e bibliotecas, especialidade arquivos, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Listaxes de espera.

10.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición, distinto do de galego.

11. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

ANEXO I
Denominación da praza: escala facultativa de arquivos e bibliotecas,
especialidade arquivos

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, que terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente xunto coa solicitude estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta, correspondentes ao programa completo desta convocatoria.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 5 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima. Cada pregunta respondida incorrectamente detraerá ¼ de pregunta respondida correctamente.

Terceiro exercicio: as persoas aspirantes deberán desenvolver por escrito dous (2) temas que elixirán entre catro (4), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman os bloques 1 (Arquivística) e 2 (Fontes documentais e historia das institucións) do programa. As persoas aspirantes terán que escoller obrigatoriamente un (1) tema entre dous (2) do bloque 1, e un (1) tema entre dous (2) do bloque 2.

Para a realización deste exercicio os/as aspirantes disporán de catro horas.

Posteriormente, o tribunal convocará os/as aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificarao valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e orde de ideas e a calidade de expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a durante un período máximo de quince minutos, sobre aspectos dos temas desenvolvidos.

Este exercicio cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter un mínimo de 15 puntos para superalo. Cada tema cualificarase cun máximo de 15 puntos e será necesario obter en cada tema un mínimo de 7,5 puntos.

Cuarto exercicio: consistirá na resolución de dous (2) supostos prácticos que se elixirán entre catro (4) propostos polo tribunal relacionados cos bloques 1 (Arquivística) e 2 (Fontes documentais e historia das institucións) do programa que figura na convocatoria. As persoas aspirantes deberán realizar obrigatoriamente un (1) suposto que elixirán entre dous (2) do bloque 1, e un (1) suposto que elixirán entre dous (2) do bloque 2.

Para o desenvolvemento deste exercicio, os/as aspirantes só poderán utilizar os materiais e os soportes que o tribunal considere oportunos e que fará públicos con anterioridade ao desenvolvemento do exercicio.

Para realizar este exercicio os/as aspirantes disporán de catro horas.

Posteriormente, o tribunal convocará os/as aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificarao valorando o rigor analítico e os coñecementos xerais e específicos pertinentemente incorporados á análise e a capacidade de relacionalos, a claridade e orde de ideas e a calidade de expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a durante un período máximo de quince minutos, sobre aspectos dos supostos desenvolvidos.

O exercicio cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter un mínimo de 15 puntos para superalo. Cada suposto será cualificado cun máximo de 15 puntos e será necesario obter en cada suposto un mínimo 7,5 puntos.

II. Fase de concurso: ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición valoraráselles o seguinte:

a) Antigüidade: máximo 9 puntos.

– Por cada ano completo de servizos prestados: 0,65 puntos.

– Por cada mes completo de servizos prestados que reste: 0,054 puntos.

b) Nivel de complemento de destino: máximo 20 puntos.

Valorarase o nivel de complemento de destino correspondente ao posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo ou en adscrición provisional na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte táboa:

Nivel

Puntos

30

20

28

19

26

18

25

17

24

16

23

15

22

14

21

13

No caso de non ser titular dun posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e se non se ten grao consolidado, atenderase ao mínimo correspondente á escala a que pertenza a persoa funcionaria.

c) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes: máximo 1 punto.

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106 da Lei de emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética da puntuación correspondente á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I.

No suposto de que exista empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, resolverase a favor de quen obtivese unha maior puntuación na fase de oposición, e se isto non é suficiente, pola maior puntuación obtida no cuarto exercicio, no terceiro exercicio e na fase de concurso, por esta orde ata que se resolva o empate.

ANEXO II
Denominación da praza: escala facultativa de arquivos e bibliotecas,
especialidade arquivos

Programa

Bloque 1. Arquivística.

1. Concepto de arquivo e arquivística. Evolución histórica. Organismos internacionais de arquivos. A Arquivística fronte ás demais disciplinas documentais.

2. Principais ciencias e técnicas auxiliares da Arquivística: definición e obxecto da Paleografía, Diplomática, Sixilografía, Cronoloxía, Historia, Dereito, Lingüística e Tecnoloxías da Información.

3. Concepto e definición de documento. Definición, caracteres e valores do documento de arquivo. Concepto de información arquivística. Os principios de procedencia e respecto á «orde natural» dos documentos, o ciclo vital dos documentos e o continuum ou continuidade dos documentos.

4. Os sistemas de escritura de documentos do século IX ao XIV. Os sistemas de escritura de documentos do século XV ao XVIII. A diplomática española das idades Media e Moderna: principais tipos documentais.

5. A produción documental das administracións públicas. Tipoloxía dos documentos administrativos. Documentos administrativos de decisión, de transmisión e xuízo e de constancia.

6. A xestión documental. Concepto e modelos. A xestión do documento electrónico. Metadatos e repositorios dixitais. A normalización da xestión documental. Normas técnicas internacionais e españolas e modelos de requisitos para a xestión de documentos.

7. A planificación estratéxica nun arquivo. Programación e xestión. Indicadores.

8. Sistemas ordinarios e extraordinarios de ingreso e saída de documentos nos arquivos. As transferencias. Os préstamos de documentos.

9. A identificación. Órganos produtores. Competencias e funcións. Tipos e series documentais. A clasificación. Definición e principios. Elementos e sistemas de clasificación. O cadro de clasificación. A codificación. A ordenación. Definición e niveis de aplicación. Características dun sistema de ordenación. Labores relacionados coa ordenación. A instalación.

10. Valoración, selección e eliminación de documentos. Criterios de valoración e selección. As comisións de valoración de documentos: obxectivos e funcións.

11. A descrición arquivística. Instrumentos resultantes. Control de linguaxe: índices e tesauros. A normalización da descrición: normas, modelos e formatos de intercambio. O modelo conceptual para a descrición arquivística en España. A Comisión de Normas Españolas de Descrición Arquivística (CNEDA): obxectivos, funcións e composición.

12. A xestión da calidade nos arquivos: as normas ISO, os manuais de calidade e boas prácticas para a xestión de documentos e arquivos: conceptos, analoxías e diferenzas.

13. O edificio, os depósitos e outras instalacións do arquivo: características arquitectónicas. Áreas, circuítos de circulación e mobiliario. Medidas ambientais e de seguridade. Os plans de continxencias e desastres. Actuacións de emerxencia en caso de desastre.

14. Conservación de documentos. Causas e factores de degradación. A conservación preventiva. A conservación de materiais especiais. Plans de xestión de catástrofes. A restauración. Concepto, obxecto e proceso. O taller de restauración.

15. Sistemas de reprodución de documentos en arquivos. A dixitalización de documentos. Elementos dun programa de dixitalización de documentos. Pautas e normas. Proxectos nacionais e internacionais.

16. A valoración cultural e a taxación de documentos: criterios e fontes. Órganos de valoración. O Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

17. O dereito de acceso dos cidadáns á información pública. O marco normativo e o réxime de acceso aos documentos dos diferentes tipos de arquivos da Administración xeral do Estado: Lei 19/2013, RD 1708/2011 e Lei 16/1985. Límites ao dereito de acceso: normativa en materia de acceso e protección aos datos de carácter persoal, segredos oficiais, intimidade e honra das persoas, propiedade intelectual e outros límites e disposicións normativas.

18. A transparencia activa: a posta á disposición da información pública. Normativa reguladora da reutilización da información do sector público. A iniciativa Open Data: aplicación en arquivos.

19. Os portais de difusión da información arquivística. O Portal de Arquivos Españois (PARES) e o Portal Europeo de Arquivos (APEx) como provedores de contidos arquivísticos de EUROPEANA. O Portal do Censo-Guía de Arquivos de España e Iberoamérica.

20. Lexislación estatal en materia de arquivos. A Lei de patrimonio histórico español. Desenvolvemento normativo. Lexislación en materia de arquivos de Galicia. A Lei de patrimonio cultural de Galicia.

21. O sistema español de arquivos: composición, estrutura e funcións. O sistema galego de arquivos. Os arquivos da Xunta de Galicia. Os arquivos dos órganos estatutarios de Galicia. O Arquivo do Reino de Galicia e os arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

22. Os arquivos universitarios. Especial referencia a Galicia. O Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela. O seu regulamento.

Bloque 2. Fontes documentais e historia das institucións.

1. Fontes documentais e bibliografía para o estudo das chancelerías das coroas de Aragón, Castela e Navarra.

2. Fontes documentais e bibliografía para o estudo da Administración de xustiza e da institución notarial e rexistral. Da Idade Media ata a actualidade.

3. Fontes documentais e bibliografía para o estudo da facenda pública e os sistemas fiscais dos século XVI á actualidade.

4. Fontes documentais e bibliografía para o estudo da Administración no Antigo Réxime.

5. Fontes documentais e bibliografía para o estudo das administracións públicas do século XIX ata a actualidade.

6. Fontes documentais e bibliografía para o estudo das institucións do ensino, con especial referencia á Universidade.

7. Fontes documentais e bibliografía para o estudo do Exército e a Mariña. Do século XVI ata a actualidade.

8. Fontes documentais e bibliografía para o estudo das institucións eclesiásticas. Especial referencia a Galicia.

9. Fontes documentais e bibliografía para o estudo da nobreza e a fidalguía en Galicia desde a Idade Media ata o século XX.

10. Fontes documentais e bibliografía para o estudo da acción de España no exterior e da emigración. O caso galego.

11. Fontes documentais e bibliografía para o estudo do mundo agrario.

12. Fontes documentais e bibliografía para o estudo dos arquivos familiares e persoais.

13. Fontes documentais e bibliografía para o estudo das organizacións políticas, sociais, empresariais e sindicais.

14. A Chancelería castelán-leonesa, catalano-aragonesa e navarra. Organización, tipoloxía diplomática e sistemas de escritura.

15. A facenda pública e o sistema fiscal na Idade Media e no Antigo Réxime.

16. A Administración de xustiza na Idade Media e no Antigo Réxime.

17. A Administración territorial na Idade Media e no Antigo Réxime.

18. O municipio e a Administración municipal na Idade Media e no Antigo Réxime.

19. A Xunta do Reino de Galicia. Fontes documentais e bibliografía para o seu estudo.

20. A organización da igrexa católica en España. As ordes relixiosas. Especial referencia a Galicia.

21. As ordes militares. Goberno e administración territorial. Especial referencia a Galicia.

22. As institucións de beneficencia en España. Especial referencia a Galicia.

23. Orixe, organización e graos das primeiras universidades españolas. A educación universitaria en España ata a actualidade. A Universidade de Santiago de Compostela. As universidades da Coruña e Vigo.

24. As reformas político-administrativas do século XVIII.

25. A Administración central, territorial e municipal na Idade Contemporánea. Especial referencia a Galicia.

26. A Administración de xustiza na Idade Contemporánea. Especial referencia a Galicia.

27. A facenda pública e o sistema fiscal na Idade Contemporánea. Os procesos desamortizadores en España.

28. A institución notarial e rexistral en España. Evolución histórica.

29. As organizacións sociais, políticas, empresariais e sindicais na España contemporánea.

Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso entenderanse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III
Denominación da praza: escala facultativa de arquivos e bibliotecas,
especialidade arquivos

– Tribunal titular:

Presidenta: María Isabel Casal Reyes, funcionaria de carreira da USC.

Vogais:

Pablo Sánchez Ferro, funcionario de carreira da Xunta de Galicia.

Gabriel Quiroga Barro, funcionario de carreira da Xunta de Galicia.

Carmen Luisa Corgo Solleiro, funcionaria de carreira da Xunta de Galicia.

Secretario: José Manuel Caamaño Jerez, funcionario de carreira da USC.

– Tribunal suplente:

Presidenta: Elena Meaños Melón, funcionaria de carreira da USC.

Vogais:

María Carmen Prieto Ramos, funcionaria de carreira da Xunta de Galicia.

Miguel López Sánchez, funcionario de carreira da Xunta de Galicia.

Antonio Fernández Domínguez, funcionario de carreira da Xunta de Galicia.

Secretaria: Ana María Domínguez Gigirey, funcionaria de carreira da USC.

missing image file