Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2018 Páx. 11575

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2018, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións en réxime de arrendamento para o concello de Vilagarcía de Arousa (expediente PO-2007/701).

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 8 de febreiro de 2018,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións en réxime de arrendamento (vivendas vacantes), expediente PO-2007/701, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Expediente: PO-2007/701.

Localización das vivendas: Bosque dos Desamparados, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tipoloxía das vivendas e composición familiar:

– Vivendas dun dormitorio: para unidades familiares de un ou dous membros (maiores de 60 anos e menores de 35 anos).

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas do expediente PO-2007/701 foron cualificadas definitivamente mediante a Resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra con data do 13 de xuño de 2011 como vivendas de protección oficial de promoción pública, en réxime de arrendamento e destinadas a colectivos especiais:

– Persoas maiores de 60 anos.

– Persoas menores de 35 anos.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Cuarto. Condicións das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, sendo maiores de 60 anos e menores de 35 anos de idade, como titulares dunha unidade familiar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter expedida a credencial de inscrición ou a solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa á data desta resolución de inicio, e que estean anotadas para as vivendas de protección oficial de promoción pública (sección I).

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón é inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012 do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto quedarán obrigados a ofertar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) a dita vivenda para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da que non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015 do Instituto Galego da Vivenda e Solo).

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de cinco anos prorrogables por períodos anuais e estarán prohibidos, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, se é o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas ou con solicitude de inscrición presentada no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa ata a data de hoxe.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, en canto non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Número de solicitantes que integrarán as listas

Serán trinta as persoas demandantes seleccionadas entre todas as que figuren inscritas ou con solicitude de inscrición presentada ata a data desta resolución de inicio do procedemento.

A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación, para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

Cando se produzan as vacantes no concello de Vilagarcía de Arousa, estas serán adxudicadas ás persoas integrantes da lista, por rigorosa orde de prelación, e notificaráselles a adxudicación.

Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación e, no caso de aceptaren, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase as 10.00 horas do día 22 de marzo de 2018, ante persoa que dea fe pública, na sala de xuntas da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sita na rúa Alcalde Hevia, nº 7, de Pontevedra.

Décimo primeiro. Vixencia das listas

Ao abeiro do artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a vixencia das listas resultantes deste sorteo será dun ano, contado a partir da data en que se aproben as listas definitivas de persoas adxudicatarias en espera, e utilizarase por rigorosa orde de prelación, para as vacantes que se produzan neste concello, no grupo de vivendas do expediente PO-2007/701, situado no Bosque dos Desamparados, durante a súa vixencia.

Pontevedra, 8 de febreiro de 2018

José Luis Díez Yáñez
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra