Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2018 Páx. 10565

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2018 pola que se aproba a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo xefe de servizo II desta institución.

Vista a proposta formulada pola xefa do Servizo de Administración e Persoal para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe de servizo II da institución do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.k) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe de servizo II da institución do Valedor do Pobo, conforme as seguintes bases:

Bases que rexerán na convocatoria pública para a provisión,
polo sistema de libre designación, do posto de xefe de servizo II da institución
do Valedor do Pobo

Primeira. Apróbase a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de xefe de servizo II da institución do Valedor do Pobo que figura na relación de postos de traballo, aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia en sesión do 17 de outubro de 2017 (BOPG núm. 196, do 19.10.2017).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: A1.

2. Nivel de complemento de destino: 28.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario a corpo superior.

4. Titulación: licenciado/graduado en Dereito.

5. Complemento específico: 30.098,88 €.

6. As funcións a desenvolver: as sinaladas para este posto no Acordo do 17 de outubro de 2017, da Mesa do Parlamento de Galicia (BOPG núm. 196, do 19.10.2017).

7. Centro directivo: Valedor do Pobo.

Segunda. Poderán concorrer á convocatoria os funcionarios e as funcionarias de carreira de calquera Administración pública, grupo A1, que pertenzan a corpos ou escalas superiores que estean en posesión da licenciatura ou grao en Dereito.

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo, rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, no prazo de quince días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na cal deixará constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución.

Os aspirantes deberán achegar á súa petición un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos alegados.

Os méritos alegados e non probados de acordo co establecido no parágrafo anterior non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, corresponde á valedora do Pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A dita resolución farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

Sexta. O prazo de toma de posesión das persoas seleccionadas será de tres días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade, de sete días se comporta cambio de residencia ou de vinte días se comporta o reingreso no servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte á súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante a valedora do Pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018

Milagros María Otero Parga
Valedora do Pobo

missing image file