Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2018 Páx. 10095

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

CORRECCIÓN DE ERROS. Orde do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se convocan para o ano 2018.

Advertidos erros na citada orde, publicada no Diario Oficial de Galicia número 24, do venres 2 de febreiro de 2018, procédese a efectuar as seguintes correccións:

Na páxina 7552, no número 4 do artigo 7, onde di:

«O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación deberanse presentar no prazo dun mes desde a data de formalización do contrato.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior, de acordo co anexo I-A da convocatoria. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.».

Debe dicir:

«O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

As solicitudes dos bonos de contratación e formación polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses desde a data en que se inicie a relación laboral pola que se solicita a axuda.

O prazo para presentar as solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.».

Na páxina 7562, no artigo 25.1.c), onde di: «Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, anexo I-B. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras indefinidas contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.3 da orde de convocatoria.», debe dicir: «Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia nos tres meses anteriores ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, anexo I-B. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras contratadas que causaron baixa polas causas previstas no artigo 22.3 da orde de convocatoria.».

Na páxina 7564, no artigo 26.1.g), onde di: «Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia», debe dicir: «Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia ou certificado de prestacións sociais públicas, según proceda, relativo ás persoas polas que se solicita subvención».

En consecuencia, modifícase o anexo I-D da páxina 7576.

Na páxina 7565, o número 2 do artigo 28 queda redactado como segue:

«Unha vez finalizado o período dun ano desde a realización da contratación pola que se concedeu a axuda, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes, as nóminas correspondentes aos 12 primeiros meses da contratación.

Corresponderalle á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa.».

Na páxina 7566, suprímese a letra b) do artigo 29, o cal queda redactado como segue:

«Procederá o reintegro das axudas cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 28.1 desta orde. Por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no dito artigo, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que hai que reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre doce meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

b) Se se efectuou a substitución, pero esta non foi feita cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa.

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre doce meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da persoa traballadora substituta, e divídese tamén entre doce meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os doce, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.».

Na páxina 7568, no artigo 30, letra b), onde di: «Ten que ofrecerse unha acción formativa, que terá lugar dentro dos tres primeiros meses de formalización do contrato», debe dicir:

«Ten que ofrecerse unha acción formativa, que terá lugar dentro dos tres primeiros meses de formalización do contrato.

Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2017 e a data de publicación desta orde a acción formativa levarase a cabo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Para as contratacións realizadas entre o 15 de setembro de 2018 e o 15 de outubro de 2018 a acción formativa terá como data límite para a súa finalización o 15 de decembro de 2018.».

missing image file