Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2018 Páx. 9324

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2018 pola que se concede a acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol e se procede ao nomeamento dos seus membros.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia (DOG núm. 77, do 22 de abril) ten por obxecto determinar os fins, obxectivos, funcionamento, composición e procedemento de acreditación do Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia e dos comités territoriais de ética da investigación, como órganos colexiados encargados da valoración ética, metodolóxica e legal dos estudos de investigación con seres humanos, o seu material biolóxico ou os seus datos de carácter persoal no seu respectivo ámbito de actuación.

O capítulo III do citado Decreto 63/2013 –artigos 7 a 10– regula os comités territoriais de ética de investigación, e prevé a súa constitución, logo de acreditación, para tres ámbitos xeográficos de actuación:

– A Coruña e Ferrol.

– Santiago de Compostela-Lugo (que inclúe as áreas sanitarias de Santiago de Compostela, Lugo Cervo-Burela e Monforte de Lemos).

– Pontevedra-Vigo-Ourense (que inclúe as áreas sanitarias do Salnés, Pontevedra, Vigo, Ourense e O Barco de Valdeorras).

O 26.1.2018 tivo entrada na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade o escrito que presentou Lucía Fuster Sanjurjo, vicepresidenta do Comité Territorial de Ética de Investigación da Coruña-Ferrol no que, ao abeiro do que dispón o artigo 11 do Decreto 63/2013, solicita a renovación da acreditación do citado comité territorial.

Unha vez examinada a documentación presentada xunto coa devandita solicitude, e logo de comprobación do cumprimento do disposto nos artigos 9 e 11.4 do Decreto 63/2013, do 11 de abril, o 31.1.2018 o secretario xeral técnico desta consellería efectuou, de acordo co disposto no artigo 11.7 do dito decreto, unha proposta favorable á renovación da acreditación daquel comité, así como unha proposta de designación dos seus membros.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto nos números 5 do artigo 9, e nos números 1, 8 e 9 do artigo 11, do Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, e de acordo coa proposta efectuada pola Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a acreditación do Comité Territorial de Ética de Investigación da Coruña e Ferrol, a cal se outorga por un período de catro anos, contados a partir da data da presente resolución.

Segundo. A súa sede coincidirá coa do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) en Santiago de Compostela, no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Nomear como membros do Comité Territorial de Ética de Investigación da Coruña e Ferrol as persoas que se relacionan no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Membros do Comité Territorial de Ética da Investigación A Coruña-Ferrol:

• Natalia Cal Purriños

• Juana María Cruz del Río

• Lucía Fuster Sanjurjo

• Portal González Lorenzo

• Begoña Graña Suárez

• Ángel López-Silvarrey Varela

• María del Carmen Mella Pérez

• Alejandro Pazos Sierra

• Gonzalo Peña Pérez

• Sonia Pertega Díaz

• José María Rumbo Prieto

• Carlos Rodríguez Moreno

• Isabel Sastre Gervas