Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2018 Páx. 6507

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 19 de xaneiro de 2018 pola que se nomea un vogal do Xurado de Expropiación de Galicia.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, dispón no seu artigo 11.1 que o Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa cando a Administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial. O devandito precepto establece, entre outros aspectos, as funcións deste xurado, que foron desenvolvidas mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e polo Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

O artigo 4.2 do citado regulamento establece na súa letra f), respecto da composición do Xurado, que os colexios profesionais proporán, cada un deles, un representante que actuará como vogal titular. Así mesmo, prevese a designación, do mesmo xeito, dun vogal suplente que actuará en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que imposibilite a asistencia daquel titular.

O artigo 4.8, no parágrafo segundo, deste regulamento establece que os vogais a que se refire o parágrafo anterior poderán ser substituídos polas entidades, organizacións e asociacións que os designasen, e que os así nomeados permanecerán no seu cargo, como máximo, polo tempo que lle restase ao substituído para o cumprimento do seu mandato.

En virtude da Orde do 16 de xuño de 2017 (publicada no DOG do 3 de xullo) pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia, realizouse o nomeamento de vogais, titulares e suplentes, en representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, entre outros.

Con data do 5 de decembro de 2017, o dito colexio profesional achegou unha solicitude de modificación do seu representante suplente e unha nova proposta de nomeamento de representante deste organismo, polo tempo que restaba ao substituído para o cumprimento do seu mandato.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

Noméase a José Antonio Rivas Paz, en representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, como vogal suplente do Xurado de Expropiación de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2018

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda