Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2018 Páx. 6252

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 8/2018, do 11 de xaneiro, polo que se aproban as actualizacións e revisións dos plans de emerxencia exterior de Arteixo Química e de Syngenta España.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (actualmente Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Os plans de emerxencia exterior de Arteixo Química en Arteixo (A Coruña), e Syngenta Agro (hoxe Syngenta España) no Porriño e Mos (Pontevedra), foron aprobados polo Decreto 49/2011, do 17 de marzo (DOG núm. 63, do 30 de marzo) e homologados no Pleno da Comisión Nacional de Protección Civil do 1 de marzo de 2011.

As actualizacións e revisións dos plans de emerxencia exterior de Arteixo Química e de Syngenta España foron sometidas a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante resolucións da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 29 de maio de 2017, en aplicación do disposto no número 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foron remitidas aos concellos de Arteixo (Arteixo Química) e do Porriño e Mos (Syngenta España) no 22 de maio de 2017, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que indica no número 2 que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, coa consulta previa ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 18 de setembro de 2017, emitiu informe favorable ás actualizacións e revisións destes dous plans e acordou a súa remisión ao Consello Nacional de Protección Civil para informe.

No 12 de decembro de 2017, a Permanente do Consello Nacional de Protección Civil emitiu informe favorable ás actualizacións e revisións dos plans de emerxencia exterior de Arteixo Química e Syngenta España.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbanse as revisións e actualizacións dos plans de emerxencia exterior das seguintes empresas, situadas na Comunidade Autónoma de Galicia:

– Plan de emerxencia exterior de Arteixo Química en Arteixo (A Coruña).

– Plan de emerxencia exterior de Syngenta España, no Porriño e Mos (Pontevedra).

Dous. Estes plans de emerxencia exterior atoparanse ao dispor do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan nos plans como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade dunha nova homologación dos plans.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza