Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2018 Páx. 6144

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de sentenza (761/2015).

Eu, Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento ordinario 761/2015 deste xulgado do social, seguido por instancia de Javier Ríos Rodríguez contra Irmandade TV e o Fondo de Garantía Salarial, sobre reclamación de dereito e cantidade, foi ditada a seguinte resolución:

«Decido:

Que debo admitir e admito a demanda presentada por instancia de Javier Ríos Rodríguez, asistido pola letrada Sra. Romero Salgado; contra Irmandade TV, S.L., que non compareceu ao xuízo oral; despois de ser citado o Fogasa, que non compareceu ao xuízo oral, sobre recoñecemento de dereito e cantidade; e, en consecuencia, debo declarar e declaro que a relación que uniu o demandante coa mercantil demandada no período de 1.2.2015 a 30.6.2015 é relación laboral indefinida, e debo condenar e condeno a mercantil demandada a aboar ao demandante a cantidade de 4.328,77 euros polos conceptos indicados no feito probado sétimo desta sentenza, incrementada cos xuros previstos no artigo 29.3 do ET desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

Debo absolver e absolvo o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade subsidiaria nos casos previstos no art. 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese ás partes a presente resolución.

Modo de impugnación: advírtese ás partes que contra a presente resolución poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtase igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público de seguridade social, ou habente causa dun deles, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta no Banesto a nome desta oficina xudicial co núm. 1596 clave 65, coa indicación “recurso” no campo concepto, seguida do código “34 Social Suplicación”, e demostralo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido pola devandita cantidade no cal se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

A anterior resolución entregarase á letrada da Administración de xustiza para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente na primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E para que sirva de notificación en legal forma a Irmandande TV, en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017

A letrada da Administración de xustiza