Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2018 Páx. 5361

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza o peche e o desmantelamento da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de gas natural licuado (GNL) de subministración ao municipio de Carral, cuxa titularidade corresponde a Gas Galicia SDG, S.A.

Despois de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 14.2.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Carral, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2007/11-1); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 29.2.2008 e no Boletín Oficial da provincia do 1.3.2008.

Segundo. O 19.1.2009 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións correspondentes á rede de distribución de gas natural e planta satélite de GNL en Carral (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2007/11-1).

A subministración de gas natural ao termo municipal de Carral (A Coruña) realizarase nunha primeira fase desde unha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará na parcela 91 do polígono industrial dos Capelos, no concello de Carral. Unha vez rematado o ramal de alta presión de gas natural a Carral, disporase dun punto de entrega, e este pasará a realizar a subministración de gas natural á rede de distribución da poboación de Carral.

Terceiro. O 28.3.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa, se aprobou o proxecto de execución e se recoñeceu, en concreto, a utilidade pública do gasoduto de distribución de gas natural denominado ramal de subministración en 10 bar a Carral (expediente IN627A 2011/5-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14.5.2012 e no Boletín Oficial da provincia do 8.5.2012.

Cuarto. O 20.7.2017 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para o peche da planta de GNL de subministración ao municipio de Carral, acompañada do proxecto titulado Desmantelamento da planta de GNL de subministración ao municipio de Carral (A Coruña) e da separata técnica para o Concello de Carral.

Quinto. O 10.8.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do proxecto de autorización administrativa de desmantelamento da planta de GNL, presentado por Gas Galicia SDG, S.A., ao Concello de Carral pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O Concello de Carral non contestou esta petición de informe, nin a reiteración desta petición efectuada o 5.10.2017, polo tanto, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización de referencia, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Sexto. O 28.8.2017 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron informe favorable sobre a solicitude de peche da planta de GNL de subministración ao municipio de Carral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, o peche das instalacións de distribución de gas natural requirirá autorización administrativa previa, cuxo procedemento vén regulado nos artigos 88 a 91 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

• Autorizar o peche, incluíndo o desmantelamento, da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de gas natural licuado (GNL) de subministración ao municipio de Carral, cuxa titularidade corresponde a Gas Galicia SDG, S.A.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O peche e desmantelamento de instalacións que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de autorización administrativa presentado pola empresa titular das instalacións baixo a denominación Desmantelamento de planta de gas natural licuado de subministración ao municipio de Carral (A Coruña), asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), con referencia GDP41117040008; e no que figura un orzamento de 83.837,73 euros.

Segunda. Durante a execución do proxecto cumpriranse as condicións técnicas e de seguridade dispostas nos regulamentos vixentes que lle sexan de aplicación e, en particular, o disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e na súa ITC-ICG 04 plantas satélite de gas natural licuado (GNL), aprobados polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

Terceira. O prazo para o peche e desmantelamento que se autoriza será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa que sexa necesario obter para a execución dos traballos, e unha vez rematados estes traballos, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a xefatura territorial, quen deberá redactala tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Quinta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para o peche autorizado.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas