Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2018 Páx. 5182

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 382223.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Concellos beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes.

Segundo. Finalidade

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha edificación ou nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas nesta orde.

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.0, por importe de 300.000 euros, e con cargo á anualidade 2018 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 15.000 euros por vivenda rehabilitada.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de xuño de 2018 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral da Consellería de Infraestruturas e Vivenda