Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2018 Páx. 4985

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 381722.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas nas cales máis do 50 % da súa facturación proveña do sector do viño, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.

b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas no ámbito nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

d) Organizacións profesionais: entenderase como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño e que estean recoñecidas a nivel nacional ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, reguladora do dereito de asociación sindical, da Lei 27/1999, do 16 de xullo, de cooperativas, da Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre réxime fiscal de cooperativas, ou do Real decreto 1779/1981, do 3 de agosto, polo que se aproba o Estatuto que regula as sociedades agrarias de transformación, e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.

e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.

f) As asociacións temporais ou permanentes de dous ou máis produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de produtores, persoas físicas o xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos ou actividades para as cales se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2013, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Os organismos públicos con competencia legalmente establecida para desenvolver actuacións de promoción de produtos e mercados en terceiros países.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2018.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

Para a concesión das axudas convocadas destinarase un crédito máximo total de 1.700.000 € dos orzamentos de 2018 e 2019. Este importe poderase incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán ser presentadas antes do día 15 de febreiro de 2018.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2017

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural