Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2018 Páx. 3606

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2018.

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurou os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento dos seus fins. A dita lei atribúelles a estes organismos a xestión da respectiva denominación xeográfica, o que supón a realización de diversas funcións, entre as que están a de velar polo prestixio da denominación e polo cumprimento das súas disposicións normativas e aplicar, de ser o caso, os sistemas de control necesarios para garantir a calidade e a orixe dos produtos certificados.

A realización destas tarefas de control supón un labor de notable complexidade cuxo desenvolvemento eficaz constitúe un factor clave na credibilidade da denominación e representa un importante custo económico para os consellos reguladores.

Para apoiar a realización destas actividades polos consellos reguladores aprobouse a Orde do 20 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2017.

Ao estar próximo o inicio do exercicio orzamentario 2018, procede facer algunhas modificacións puntuais nas ditas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente ao dito ano. Para unha maior seguranza xurídica e para facilitar o manexo da norma aos interesados, óptase pola publicación, xunto coa convocatoria, dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Consellería do Medio Rural para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento MR 302B).

CAPÍTULO I
Bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos
por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentaria existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 3. Actividades subvencionables

Serán subvencionables:

a) As actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores, encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación, de acordo co sinalado nas letras a), b) e c) do artigo 4. Estas actuacións inclúen auditorías, inspeccións, tomas de mostras, análises e ensaios para comprobar o cumprimento das especificacións do produto amparado pola denominación.

b) As actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección.

c) Os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma ISO 17065, aplicables a entidades que certifican produto, así como os das auditorías necesarias para o mantemento da acreditación. Tamén serán subvencionables os gastos para a acreditación na norma ISO 17025, e o mantemento desta, en que incorran os consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Consideraranse subvencionables:

a) Os gastos operativos e retributivos orixinados pola participación do persoal propio do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade. Estes gastos incluirán as nóminas do persoal que realice tarefas directamente relacionadas co control ou a certificación do produto acollido á denominación, así como os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento relacionados coa actividade deste persoal.

b) A adquisición de bens de equipamento e materiais, incluídos os equipamentos e aplicacións informáticas que se empreguen na execución dos programas de control. Tamén será subvencionable o alugamento e o leasing deste equipamento.

c) Os gastos derivados da realización de análises de laboratorio e outros ensaios relacionados coa certificación do produto.

d) Os gastos de consultaría externa en que incorra o consello regulador para a preparación da documentación necesaria para acadar a acreditación e os das auditorías a que se vexa sometido tanto para a acreditación nas normas ISO 17065 ou ISO 17025 como para o seu mantemento.

e) Os gastos en estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

Artigo 5. Límites e contías das axudas

1. Para a concesión destas subvencións resulta de aplicación o disposto no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. A subvención asignada para cada programa poderá acadar como máximo o 50 % do importe da actividade subvencionable.

3. A repartición das axudas farase polo sistema de rateo. Atenderanse en primeiro lugar os gastos relacionados coa acreditación dos consellos reguladores na norma de calidade para entidades que certifican produto (norma ISO 17065), cun máximo de gasto subvencionable de 18.000 € e de 9.000 € de axuda. Para consellos reguladores que teñan acreditados máis dun alcance, o investimento subvencionable incrementarase en 9.000 € e a axuda en 4.500 € por cada alcance adicional acreditado. Incluiranse aquí tamén os alcances acreditados no marco da norma ISO 17025 para aqueles consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Todos estes gastos estarán directamente relacionados co mantemento da acreditación e coas determinacións analíticas realizadas, por obriga da acreditación, por laboratorios acreditados para as ditas determinacións. Tamén poderán percibir esa cantidade os consellos reguladores aínda non acreditados para cubrir os gastos en que incorran polas actuacións relacionadas directamente co proceso de acreditación.

Para os demais gastos non incluídos no parágrafo anterior, o gasto máximo subvencionable será de 42.000 € e o importe máximo de axuda por entidade beneficiaria será de 21.000 €.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere o investimento subvencionable.

O beneficiario queda obrigado a comunicarlle de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

2. Ademais, e segundo o recollido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de minimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I desta orde.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que se recollan detalladamente todos os gastos que se pretende que sexan subvencionados, especificando o cronograma de execución e cales deles están directamente vinculados coa consecución da acreditación ou co seu mantemento.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Obrigas coa Seguridade Social.

c) Obrigas coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 10. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias a instrución do procedemento, para o cal poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2. As solicitudes serán resoltas pola persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo máximo de cinco meses contado desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude e, en todo caso, antes do 30 de xuño de 2018. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos investimentos realizados, que será, polo menos, posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de setembro dese ano.

Ademais, a resolución de concesión indicará que a subvención concedida ten o carácter de axuda de minimis, conforme o establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352 do 24 de decembro de 2013).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Tramitación e pagamento das axudas

1. Realizados os gastos o beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do programa desenvolvido e xustificantes dos gastos realizados, acompañados dunha relación numerada de todos eles. No caso dos pagamentos de salarios a traballadores, presentarase copia das nóminas e TC2. Presentarase tamén a documentación que acredite o pagamento dos gastos realizados (extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario). Na memoria especificaranse cales dos gastos realizados están, de ser o caso, directamente vinculados coa acreditación do consello regulador, conforme o establecido no artigo 5.3 desta orde.

b) Declaración do beneficiario sobre calquera outra axuda de minimis (Regulamento (UE) 1407/2013) solicitada ou recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As declaracións a que se refiren as letras b) e c) presentaranse conforme o modelo de declaracións do anexo II.

2. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da subvención concedida nin a cantidade de 18.000 €, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

Estes pagamentos a conta quedan exonerados da constitución de garantía ao serlles de aplicación o establecido na letra i) do número 4 do artigo 65 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 14. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente á realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser previamente comunicada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias . No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009 e de conformidade co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir as unidades correspondentes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar estas, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, de xeito que executa e xustifica todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, en que se aplicarán os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario non realice e non xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de mora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Réxime de recursos

1 Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo de un mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver non lle fose notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor o recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 desta lei a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da dita lei.

CAPÍTULO II
Convocatoria 2018

Artigo 18. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2018 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores. Para seren subvencionables, os gastos deberán terse realizado entre o 1 de setembro de 2017 e o 31 de agosto de 2018.

Artigo 19. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 20. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2018, na aplicación orzamentaria 13.03.713D.781.0, código de proxecto 2011 00765, cunha dotación de trescentos mil euros (300.000 €).

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada á súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2018, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado relacións administrativas coa cidadanía e entidades co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Disposición adicional segunda. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectos

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file