Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2018 Páx. 1672

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se convocan para o ano 2018, con financiamento plurianual.

O 12 de febreiro de 2015, o Consello da Xunta aprobou o Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe 3º un programa específico, tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugueiro social.

O 18 de xaneiro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de decembro de 2016 pola que se establecían as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta; Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2017, con financiamento plurianual. Non obstante, co fin de incorporar melloras na tramitación deste programa, así como para adaptar o contido das bases reguladoras aos textos normalizados recomendados pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, é preciso actualizar as citadas bases.

A presente orde, que consta de 29 artigos, 2 disposicións adicionais e 2 derradeiras, define as bases reguladoras das subvencións, nas cales se inclúe o seu obxecto, os requisitos das persoas beneficiarias, o seu importe, o procedemento para resolver as axudas, o xeito de xustificación e o seu pagamento, o procedemento de reintegro, a súa publicidade, o réxime de compatibilidades e a convocatoria para o ano 2018.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2018 habilítanse créditos para o financiamento da axuda do bono de alugueiro social.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Códigos de procedemento VI482A e VI482B.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas subvencións para o exercicio 2018, con financiamento plurianual.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. As subvencións do Programa do bono de alugueiro social están destinadas a atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:

a) Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.

b) As das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración pública.

c) Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

d) Aquelas que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos nove (9) meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono de alugueiro social.

e) Aquelas ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), lles finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da entrada en vigor desta orde.

f) Aquelas ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa.

2. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estas axudas concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, a través de convocatoria pública, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia durante, polo menos, os doce (12) meses anteriores á data da presentación da solicitude da axuda.

b) Que sexan titulares ou estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 5.

e) Que os ingresos da unidade de convivencia da persoa beneficiaria, computados conforme establece o artigo 4, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o indicador público de efectos múltiples (en diante, IPREM).

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que se atope en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non poidan ser arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que as persoas membros da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursas en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No caso de persoas afectadas pola interposición dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que entre a comunicación da interposición da demanda e a presentación da solicitude da axuda non transcorresen máis de seis (6) meses.

b) Que o contrato de arrendamento que motivou o procedemento de desafiuzamento tivese unha duración superior aos doce (12) meses.

3. No caso de mulleres pertencentes ao colectivo de vítimas de violencia de xénero, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que a situación de violencia de xénero se producise no seo dunha relación de convivencia.

b) Que teña cesado a dita convivencia dentro dos doce (12) meses anteriores á presentación da solicitude.

c) Que na data de presentación da solicitude leven residindo alomenos dous (2) meses nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de acollemento para mulleres que sofren violencia de xénero e adscrito a unha Administración pública.

d) Que o documento acreditativo da situación de violencia sinalado no artigo 8 desta orde fose emitido dentro dos seis (6) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

e) Que a orde de protección ou calquera outra medida cautelar adoptada estea vixente na data de presentación da solicitude e se manteña na data da resolución desta axuda.

4. No caso de unidades de convivencia privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc., ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia imprevisible e sobrevida acaecese dentro dos seis (6) meses anteriores á presentación da solicitude.

5. No caso de unidades de convivencia que, tendo sido beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa e lles rematase o período máximo de desfrute desta axuda dentro dos nove (9) meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención do Programa do bono de alugueiro social, deberán cumprir, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, os seguintes:

a) Que non lles interpuxesen unha demanda por danos causados na vivenda alugada a través do citado programa.

b) Que non teñan débedas derivadas de subministracións dos recibos de auga, electricidade e/ou gas da vivenda alugada a través do programa Aluga por un período superior aos dous meses.

c) Que non perdesen o dereito nin renunciasen á subvención do programa Aluga antes de rematar o seu período máximo.

6. No caso de unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lles finalizase a vixencia do seu contrato, ademais dos requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que entre a finalización do contrato de arrendamento e a presentación da solicitude de axuda non transcorresen máis de tres (3) meses.

7. No caso de unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda no marco do citado programa. Ademais de cumprir os requisitos sinalados no número 1 deste artigo, será necesario que a circunstancia excepcional que motiva a proposta de adxudicación da comisión de seguimento e coordinación do Programa de vivendas baleiras resulte acreditada en virtude do informe dos servizos sociais do respectivo concello, a que se refire o artigo 8.1.d).

8. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedida esta axuda nos tres (3) anos anteriores á data de presentación dunha nova solicitude, así como aquelas outras que esgotasen o período máximo de tres (3) anos de desfrute desta axuda.

Artigo 4. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores aos límites previstos neste artigo.

Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres (3) meses anteriores ao da presentación da solicitude.

A contía resultante non poderá superar o límite máximo de ingresos que a seguir se indica. Estes límites foron calculados tomando como base do cálculo a contía do IPREM anual en 14 pagas (7.519,59 €) para o ano 2017 multiplicado por 1,5.

Non obstante, esta contía dividiuse polos seguintes factores de ponderación en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia:

• Familias dun membro: 1,25.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,70.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

Como resultado obtivéronse os valores que figuran no seguinte cadro:

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos

(1,5 veces IPREM 2017 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

751,96 €

2

1.044,39 €

3

1.174,94 €

4

1.342,78 €

5 ou máis

1.566,58 €

3. Ás unidades familiares en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

4. No caso de que as axudas as solicite unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o punto segundo, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Artigo 5. Renda das vivendas

1. A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

a) 400 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) 350 €, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

c) 300 €, para as vivendas situadas no resto de concellos.

2. Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesite unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Artigo 6. Contía da axuda

1. O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:

– 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire a alínea 1.a) do artigo 5.

– 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire a alínea 1.b) do artigo 5.

– 150 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire a alínea 1.c) do artigo 5.

No suposto de que a persoa beneficiaria non dispoña de contrato de alugueiro no momento da concesión, recoñeceráselle inicialmente unha axuda por importe de ata un máximo de 200 euros mensuais, condicionada á achega do correspondente contrato. Non obstante, a contía definitiva da concesión virá determinada en función do concello en que estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento que se achegue.

O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.

2. A axuda ten carácter anual, de xeito que cada unidade de convivencia só poderá percibir unha subvención de 12 bonos mensuais consecutivos, que será susceptible de dúas prórrogas sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de tres (3) anos.

3. Ademais, poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para os efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros.

No caso das persoas beneficiarias a que se refire o artigo 2.1.d), procedentes do programa Aluga, só terán dereito á concesión da axuda complementaria no suposto de non manter a residencia na mesma vivenda que ocupaban no citado programa no momento de ditarse a resolución de concesión da subvención.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g).

d) Declaración responsable de que nin o solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugueiro dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintos da persoa solicitante. No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa do bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social, como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, co contido recollido no anexo IV, para tal efecto, poderase utilizar o citado anexo.

e) Contrato de arrendamento da vivenda e presentación do xustificante do depósito da fianza no IGVS ou indicación do código de procedemento, número de expediente e ano de presentación do depósito da fianza. No caso de descoñecer se foi presentada a fianza, indicarase esta circunstancia na solicitude.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous (2) meses, contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda, xunto co xustificante do depósito da fianza, dos certificados de empadroamento das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido na alínea c) deste artigo.

f) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

g) Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

h) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

i) No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, deberase achegar a copia da demanda interposta.

j) No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero, para os efectos de acreditar esta condición, deberase presentar algún dos seguintes documentos:

– Certificación, testemuño ou copia autenticada pola/o secretaria/o xudicial da orde de protección ou de calquera outra medida cautelar adoptada.

– Sentenza que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

– Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

– Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

k) No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, deberanse achegar os seguintes documentos:

– Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos.

– Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

– Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de extranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

d) Certificado acreditativo de discapacidade para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, no caso de que a persoa solicitante, ou calquera das persoas que figuran no anexo II, faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia. No suposto de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

2. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade familiar ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II e no anexo III, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prórroga da subvención

1. Todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución poderán solicitar a prórroga da axuda do bono de alugueiro social dentro dos dous (2) meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, da primeira prórroga. Para tal efecto, deberán presentar, de conformidade co artigo 7, parágrafos 2 e 3, a solicitude que figura incorporada como anexo V a esta orde. Código de procedemento VI482B.

2. Xunto coa solicitude de prórroga, presentarase a seguinte documentación:

a) Informe dos servizos sociais municipais en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres (3) meses anteriores á data de solicitude de prórroga, de conformidade co previsto no artigo 4.

b) Declaración formalizada polas/os asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

3. A axuda percibida en concepto de prórroga, será a mesma que a que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste para o caso de cambio de domicilio, conforme o artigo 21. As persoas beneficiarias das prórrogas non terán dereito á concesión da axuda complementaria prevista no artigo 6.3.

Artigo 12. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Artigo 13. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e rematará, en todo caso, co esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que se fará constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

5. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario, resolverá o que en dereito proceda.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 16. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos esixidos nesta orde.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou a súa revogación.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación ou revogación da resolución de concesión da subvención. De ser o caso, comunicaralle á persoa beneficiaria a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. A xustificación da concesión da subvención realizarase mediante o correspondente contrato de alugamento.

2. Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual para poder cobrar a subvención. No suposto de que a renda de alugamento sexa superior ao importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento que lle corresponde satisfacer no número de conta sinalado pola persoa arrendadora no anexo III, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes.

No suposto de que a renda de alugamento sexa igual ao importe da axuda, a persoa arrendataria deberá acreditar, dentro dos dez (10) primeiros días naturais de cada mes da vixencia do contrato de alugamento, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, que segue residindo na vivenda alugada, mediante a presentación dunha declaración responsable.

3. A axuda complementaria prevista no artigo 6.3 desta orde xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza, dos contratos de altas de subministracións e/ou os xustificantes de pagamento das cantidades pendentes. Esta documentación xustificativa deberase presentar na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro do prazo de dous (2) meses, contado desde a data de notificación da resolución da concesión da subvención.

Artigo 19. Pagamento anticipado

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados da subvención concedida, ata un importe do 25 %, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Para realizar o citado pagamento anticipado será necesario enviar a xustificación do pagamento referida no artigo 18 mediante correo electrónico dirixido á correspondente unidade tramitadora na área provincial do IGVS.

Artigo 20. Pagamento da subvención

Unha vez acreditada pola persoa beneficiaria a xustificación do pagamento da súa parte da renda mensual, realizarase o pagamento da subvención mensual do bono de alugueiro social mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora. O pagamento da axuda complementaria realizarase, unha vez que se xustifique, conforme o sinalado no artigo 18.3, mediante transferencia bancaria na conta da persoa beneficiaria.

Artigo 21. Cambio de domicilio

1. Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de alugamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial, no prazo máximo de cinco (5) días, contado desde a sinatura do novo contrato de arrendamento. Así mesmo, deberá achegar o novo contrato de alugamento xunto co xustificante do depósito da fianza no IGVS, o certificado de empadroamento na nova vivenda e o anexo III, debidamente cuberto.

2. A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras e na correspondente convocatoria e, ademais, o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior. Neste caso, a subvención reaxustarase en función do concello onde estea a nova vivenda, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Acreditar o pagamento da renda conforme o previsto nestas bases reguladoras.

2. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 23. Perda e reintegro da subvención

1. Serán causas de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, a resolución do contrato de arrendamento subvencionado.

2. Na resolución de convocatoria de axudas deste programa poderá establecerse que os remanentes derivados das perdas de subvencións se reasignen á concesión doutras solicitudes, o que se fará atendendo á orde de prelación establecida no artigo 16.2.

Artigo 24. Compatibilidade e incompatibilidade

As subvencións previstas nesta orde serán compatibles coas axudas desta ou doutras administracións públicas, así como de calquera outra entidade, xa sexa pública ou privada, sempre que o importe total concedido por todas elas non supere o custo da renda do contrato de alugamento.

Artigo 25. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia – Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2016, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde serán publicadas na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no DOG.

CAPÍTULO III
Convocatoria con financiamento no ano 2018

Artigo 27. Obxecto

A convocatoria no exercicio 2018 das subvencións do bono de alugueiro social do Plan rehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, rexerase polo establecido nesta orde.

Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e terminará cando se agote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 20 de novembro de 2018.

Artigo 29. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2018, 2019, 2020 e 2021 faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 650.000 euros para a anualidade 2018, 600.000 euros para a anualidade 2019, 500.000 euros para a anualidade 2020 e 500.000 euros para a anualidade 2021.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante a Secretaría Xeral do IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file