Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2018 Páx. 1436

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de decembro de 2017 pola que se convoca concurso público de méritos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir a dirección do centro residencial docente de Ourense.

Mediante o Decreto 52/2006, do 30 de marzo, modificouse parcialmente o Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes, e estableceuse que á fronte do centro residencial docente haberá unha dirección, nomeada pola xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración, seleccionada previamente por concurso público de méritos entre o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias.

Ao encontrarse vacante a dirección do centro residencial docente de Ourense resulta procedente cubrila.

É polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Convocar concurso público de méritos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para adxudicar en comisión de servizos a dirección do centro residencial docente de Ourense.

Artigo 2. Participantes e requisitos

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que estea en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2017/18.

Enténdese tamén en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia en 31 de agosto de 2018 aquel persoal docente que, desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia, accedeu a un posto docente no estranxeiro e que debe reincorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

O prazo para presentar de instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas á Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nos rexistros das xefaturas territoriais ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se opte por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario ou funcionaria de Correos antes de ser certificada.

Artigo 4. Solicitude e documentación

As persoas que concursen presentarán unha instancia seguindo o modelo que se publica como anexo I, xunto cunha folla de autobaremación que aparece como anexo II, e simultaneamente presentarán para a demostración dos méritos os documentos que se indican no baremo que aparece como anexo III.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados que fosen presentados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais.

O persoal concursante presentará, ademais:

Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, tendo en conta as características deste, cunha extensión máxima de 30 folios.

Artigo 5. Comisión de selección

1. A selección do persoal aspirante será realizada por unha comisión provincial integrada polos seguintes membros:

Presidencia: a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.

Vogais: tres inspectores ou inspectoras de educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa, designados pola xefa territorial e a xefatura do Servizo de Recursos Humanos da mesma Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.

Un funcionario ou funcionaria da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria con voz e sen voto, designado pola Xefatura Territorial de Ourense.

2. A comisión de selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. Ademais, poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na Xunta de Persoal, con voz e sen voto.

3. Todo o persoal aspirante que obteña unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto poderá ser convocado pola comisión de selección a realizar unha entrevista para apreciar mellor as circunstancias que concorren neles, e que versará sobre o proxecto presentado.

4. Os membros da comisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2008, do 26 de xullo (DOG do 18 de xullo), que estarán cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6. Proposta de nomeamento

A persoa aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto e de 4 puntos na entrevista, no caso de ter lugar, non poderá ser proposta pola comisión. Será seleccionada a persoa aspirante que, obtendo as puntuacións mínimas sinaladas, acade as maiores puntuacións no total dos puntos incluídos no baremo establecido no anexo III.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nas epígrafes 5, 1, 3.3, 4.2, 3.1, 3.2, 4.1 e 2.

Unha vez realizado todo o proceso anterior, a comisión de selección proporalle ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación do posto, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderá notificado, para todos os efectos, o persoal concursante a quen afecte. Contra esta resolución poderá interpor recurso de alzada perante o director xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación.

Artigo 8. Toma de posesión

O persoal seleccionado deberá incorporarse á praza obtida no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

As prazas adxudicadas serano por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración logo do proceso de avaliación do exercicio da súa actividade.

Artigo 9. Devolución da documentación

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva, as persoas interesadas, ou a súa representación legal, disporán dun prazo de seis meses para retirar a documentación ante a presidencia da comisión. En caso contrario entenderase que renuncian á súa devolución.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Solicitude para participar no concurso público de méritos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para adxudicar en comisión de servizos a dirección do centro residencial docente de Ourense

DATOS DE IDENTIFICACIÓN:

CORPO A QUE PERTENCE

DISCIPLINA

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

XÉNERO

DNI

NRP

ENDEREZO PARA OS EFECTOS DE NOTIFICACIÓN:

CORREO ELECTRÓNICO

RÚA E Nº

TELÉFONO

LOCALIDADE

CÓDIGO POSTAL

DATOS DE DESTINOS:

CENTRO DE DESTINO DEFINITIVO 2017/18

LOCALIDADE

CENTRO DE DESTINO PROVISIONAL 2017/18

LOCALIDADE

________________________________, _________ de ______________________ de 20___

DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ANEXO II

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NOME

DNI

NRP

Concepto

Puntuacións parciais

Total

1. Antigüidade (máximo 5 puntos).

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes previos recoñecidos conforme a Lei 70/1978.

0,50 puntos

2. Méritos académicos (máximo 2 puntos).

2.1. Polo título de doutor.

1 punto

2.2. Titulacións segundo ciclo.

0,5 puntos

2.3. Titulacións primeiro ciclo.

0,25 puntos

3. Formación e perfeccionamento (máximo 6 puntos).

3.1. Por cusos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 3 puntos

3.2. Por outras actividades de formación (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 3 puntos

4. Publicacións, proxectos, innovacións técnicas (máximo 3 puntos).

4.1. Por publicacións de carácter didáctico de carácter xeral.

Ata 1 punto

4.2. Por publicacións de carácter didáctico, relacionadas coa praza que solicita.

(Deberán conter o ISBN, agás as excepcións recollidas na lexislación vixente).

Ata 2 puntos

ANEXO III

Conceptos

Puntuación

Total puntos máximo

Documentos xustificativos

1. Antigüidade:

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes previos recoñecidos conforme a Lei 70/1978.

0,50 puntos

5 puntos

Folla de servizos expedida polo organismo correspondente.

2. Méritos académicos:

2 puntos

Copia compulsada das titulacións alegadas.

2.1. Polo título de doutora/doutor.

1 punto

2.2. Titulacións de segundo ciclo: por cada licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou títulos declarados legalemente equivalente.

0,5 puntos

2.3. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura.

0,25 puntos

3. Formación e perfeccionamento:

6 puntos

Copia compulsada da documentación alegada.

3.1. Por cursos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas que estean en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por instituticións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións precitadas, así como os organizados polas universidades (0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados).

Ata 3 puntos

3.2. Por outras actividades de formación e perfeccionamento en materia educativa, incluída a impartición de cursos (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 3 puntos

4. Publicacións, proxectos, innovacións técnicas:

3 puntos

Documentación orixinal ou copia compulsada.

4.1. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, de carácter xeral.

Ata 1 punto

4.2. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, relacionadas coa praza que se solicita.

(Deberán conter o ISBN, agás as excepcións recollidas na lexislación vixente).

Ata 2 puntos

5. Proxecto de traballo:

O proxecto de traballo deberá conter os obxectivos, planificación xeral, actividades, xustificación e definición a que corresponde a praza que se solicita.

(puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos).

Ata 6 puntos polo proxecto

Ata 6 puntos

Orixinal, cunha extensión máxima de 30 folios.

6. Entrevista sobre o proxecto presentado (puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos).

Ata 6 puntos pola entrevista

Ata 6 puntos