Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2018 Páx. 293

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 19 de decembro de 2017 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2017/18, e se modifica a denominación dunha titulación oficial de máster universitario.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, será acordada pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoitar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico.

O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación; a non impartición da titulación oficial autorizada; a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para proceder á revogación da autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades na súa sesión do 18 de decembro de 2017, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.. h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou informar favorablemente a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Revogar a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Título conxunto para a UDC, USC e UVIGO. Autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310393.

2. Máster universitario en Tecnoloxías de Edificación Sustentable. Autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG do 12 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4313637.

Artigo 2

Revogar a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Economía. Organización Industrial e Mercados Financeiros. Autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311755.

2. Máster universitario en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética. Autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310356.

3. Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Título conxunto para a UDC, USC e UVIGO. Autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310393.

4. Máster universitario en Innovación en Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria. Autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311767.

5. Máster universitario en Lóxica e Filosofía da Ciencia. Título conxunto para a Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Granada, Universidade de La Laguna, Universidade de Salamanca, Universidade de Valladolid e Universidade de Valencia (Estudi General). Autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 (DOG do 31 de xaneiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314388.

Artigo 3

Revogar a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control. Autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310624.

2. Máster universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa. Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310384.

3. Máster universitario en Enxeñaría Térmica. Título conxunto para a Universidade de Vigo e Universidade do País Vasco. Autorizado pola Orde do 4 de xuño de 2015 (DOG do 17 de xuño), e que figura inscrito no RUCT co código 4315277.

4. Máster universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Título conxunto para a UDC, USC e UVIGO. Autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310393.

5. Máster universitario en Lingua e Comunicación nos Negocios. Autorizado polo Decreto 245/2011, do 15 de decembro (DOG do 3 de xaneiro de 2012), e que figura inscrito no RUCT co código 4313082.

6. Máster universitario en Teatro e Artes Escénicas. Autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314381.

7. Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural. Autorizado pola Orde do 4 de xuño de 2015 (DOG do 17 de xuño), e que figura inscrito no RUCT co código 5601128.

Artigo 4. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Artigo 5

Modifícase a denominación do máster universitario en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo que pasará a denominarse máster universitario en Náutica e Transporte Marítimo.

Para dar cumprimento á Sentenza ditada pola Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo o 11 de novembro de 2016, a Universidade da Coruña solicita autorización para o cambio de denominación do máster universitario en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo que pasa a denominarse máster universitario en Náutica e Transporte Marítimo e que figura inscrito no RUCT co código 4314857.

A Universidade da Coruña de acordo co disposto na Lei orgánica 6/2001, de universidades, deberá proceder á publicación nos diarios oficiais correspondentes do plan de estudos do máster coa nova denominación, co fin de manter informado ao estudantado interesado neste título.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria