Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2017 Páx. 58360

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova, no ámbito do Plan de transporte metropolitano de Galicia, para o ano 2018.

A Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, do 8 de agosto de 2016, regula o establecemento dunha tarifa específica para a xente nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia (DOG nº 161, do 26 de agosto).

A dita tarifa resulta aplicable ao colectivo de persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral incluídas na categoría de xente nova. Para os efectos da indicada orde, terán a consideración de xente nova as persoas usuarias do transporte público regular interurbano de uso xeral por estrada con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, inclusive.

As persoas titulares da TMG Xente Nova terán acceso, mediante ás súas tarxetas, a unha tarifa gratuíta nos desprazamentos que realicen en calquera dos servizos de transporte metropolitano interurbano no ámbito das áreas de transporte metropolitano de Galicia implantadas. Sen prexuízo da posibilidade de utilización da TMG Xente Nova para o pagamento dun maior número de viaxes, a tarifa Xente Nova supón o reintegro do 100 % do importe das viaxes metropolitanas interurbanas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais. É dicir, o importe aboado polas persoas usuarias, de acordo coa tarifa aplicable no eido do Plan de transporte público de Galicia, seralles devolto integramente co único límite dun máximo de 60 viaxes ao mes.

Na súa disposición transitoria, Aplicabilidade da tarifa Xente Nova, establece o seguinte: «a tarifa Xente Nova será de aplicación a partir da entrada en vigor da presente orde e resultará de aplicación mentres manteñan a súa vixencia os convenios administrativos polos cales se implantou ou se implante en novas áreas o Plan de transporte metropolitano de Galicia e, inicialmente, ata o 31 de decembro de 2017. Logo da prórroga dos indicados convenios, ou da formalización dos acordos ou instrumentos que os substitúan, este prazo poderá ser ampliado por resolución da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes».

Os convenios de colaboración do Plan de transporte metropolitano de Galicia que afectan a tarifa Xente Nova son os das áreas de transporte metropolitano da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Vigo. Os 4 primeiros foron prorrogados expresamente ata o 31 de decembro de 2018. O convenio de colaboración en virtude do cal se creou a Área de transporte metropolitano de Vigo e se implantaron as condicións do Plan na devandita área de transporte metropolitano establece a súa duración ata o 31 de decembro de 2019.

O Goberno galego apostou por mellorar a calidade de vida da infancia e da mocidade na Comunidade Autónoma de Galicia, fomentando a mobilidade e o uso do transporte público colectivo entre a xente nova, para o que se estableceron unhas condicións tarifarias especialmente favorables no sistema de transporte público metropolitano. Desde a súa implantación beneficiáronse desta tarifa 41.274 mozos/mozas, que realizaron 1.577.249 viaxes cunha bonificación de 1.800.207,02 €. No ano 2016 realizáronse 538.045 viaxes, bonificadas con 515.629,12 € e, nos 10 primeiros meses do ano 2017 (xaneiro-outubro), realizáronse xa 1.039.204 viaxes, bonificadas con 1.284.577,90 €. Dada a aceptación e as vantaxes que para a mocidade representa esta tarifa Xente Nova, considérase conveniente o seu mantemento máis alá da data inicialmente establecida, polo que procede ampliar o prazo de vixencia da Orde do 8 de agosto de 2016.

Para atender as obrigas asumidas con base na orde pola cal se crea a tarifa Xente Nova, a Administración dispón de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria con base na cal se financia o Plan de transporte metropolitano de Galicia (08.02.512A.470.1), para o ano 2018, por importe de 2.000.000,00 €.

Esta ampliación da orde tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que a súa eficacia quedará condicionada á existencia de crédito abondo e axeitado nos orzamentos da Xunta de Galicia para o exercicio 2018, de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expediente de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Cumpridos os trámites administrativos e contables,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2018.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade