Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 20 de decembro de 2017 Páx. 57671

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se lles oferta ás empresas editoras que participen na Orde do 22 de novembro de 2017, pola que se informan as empresas editoriais con publicacións en galego en formato físico da apertura do catálogo en liña de novidades editoriais para que poidan incorporar as súas publicacións, co obxecto de que os titulares de bibliotecas públicas poidan solicitalas para a actualización das súas coleccións bibliográficas para o ano 2018.

Antecedentes.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as restantes normas vixentes en materia de procedementos administrativos, fan ver a necesidade de poñer en marcha un novo sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde á nova realidade dos servizos públicos.

Esta é a razón deste sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, ao tempo que se inicia a súa comercialización. Con este sistema garántese a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego nas bibliotecas públicas á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as empresas editoriais.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Requisitos para a inscrición e condicións de participación na plataforma das novas empresas editoras

1. Requisitos.

As empresas editoras que desexen participar por primeira vez nesta convocatoria deben acceder á plataforma cumprindo os seguintes requisitos:

– Poderá inscribirse toda persoa física ou xurídica que teña a condición de editora. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra na cal quede claro a súa condición de editora.

– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Inscribirse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 18 de setembro de 2018 na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, co obxecto de presentar as súas ofertas editoriais, e que estas se poidan adquirir desde as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas públicas e/ou axencias de lectura, beneficiarias da subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, establecida na correspondente orde de convocatoria para o exercicio 2018.

2. Condicións.

Para se inscribiren na plataforma, as empresas editoras que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución poden acceder a ela, a través de: https://novidadeseditoriais.xunta.gal, premer en «rexistrar editorial» e cubrir o formulario de alta.

3. Autorización.

A inscrición na plataforma electrónica comporta a autorización á Secretaría Xeral de Cultura, unidade tramitadora da plataforma electrónica: https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a empresa editora ou o representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe enviar entón as certificacións á Secretaría Xeral de Cultura, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Segundo. Requisitos e condicións de participación na plataforma para as empresas editoras xa inscritas en convocatorias anteriores

1. Requisitos.

– As empresas editoras que participasen en convocatorias anteriores deberán cumprir os requisitos establecidos no punto primeiro: manter a condición de editoras e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Solicitar a activación da alta na plataforma dixital desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 18 de setembro de 2018.

2. Condicións.

As empresas editoras, xa inscritas na plataforma, e que desexen volver participar na nova convocatoria deben acceder á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e solicitar a activación da alta, premendo en «solicitar activación» e indicando o número de NIF con que a empresa está dada de alta na plataforma.

3. Autorización.

Esta «activación da alta» na plataforma comporta a autorización á Secretaría Xeral de Cultura para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a empresa editora ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe indicalo na correspondente comunicación e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Terceiro. Condicións xerais para as editoriais participantes

1. Se a empresa editora, ao longo do período de inscrición das súas publicacións, non cumpre cos requisitos mencionados, a Secretaría Xeral de Cultura anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

2. As empresas editoras que participen na presente convocatoria non poderán incorporar libros á plataforma electrónica: https://novidadeseditoriais.xunta.gal, con data posterior ao 1 de outubro de 2018.

Cuarto. Requisitos das novidades editoriais

As novidades editoriais ofertadas polas empresas editoras presentadas na plataforma dixital deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Estaren publicadas en lingua galega e en formato impreso.

– A primeira edición deberá estar publicada entre o 3 de setembro de 2017 e o 1 de outubro de 2018.

– Non superaren os 70 euros (IVE incluído) de prezo de venda ao público.

– Non seren libros de texto ou outro material curricular.

Quinto. Obrigas das empresas editoras

1. As novidades editoriais que se inscriban estarán dispoñibles na plataforma dixital, ben como publicacións xa editadas ben como futuras; neste último suposto, a entidade editora deberá cambiala de estado na plataforma dixital no momento en que inicie a súa comercialización; en ambos os dous casos deben estar publicadas dentro do seguinte período: 3.9.2017-1.10.2018.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo do Libro e Publicacións, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados. O incumprimento relativo ao ano de edición do libro suporá, ademais, a exclusión da entidade editora da plataforma para as dúas seguintes convocatorias.

2. A plataforma dixital xestionará os pedidos recibidos desde os titulares de bibliotecas da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo os custos da distribución. O pedido deberá ser enviado e recibido coa maior brevidade posible, sen que poida superar un prazo máximo de 15 días naturais desde a data de recepción de cada un.

Sexto. Pagamento

A entidade local, titular das bibliotecas ou axencias de lectura pública que realizase os pedidos de libros a través da plataforma será a encargada de realizar o pagamento ás editoriais que os entregaron.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2017

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Secretario xeral de Cultura