Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2017 Páx. 57444

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 18 de decembro de 2017 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 31 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2017, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Na súa disposición adicional primeira precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas. Na disposición adicional segunda sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, a Consellería de Facenda autorizou un expediente de ampliación de crédito polo importe de 14.979.492,93 €, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

O incremento do importe da convocatoria non implica a apertura do prazo para a presentación de novas solicitudes nin o inicio dun novo prazo para resolver en tanto que se aplicará ao pagamento das solicitudes xa presentadas de acordo coa Orde do 31 de xaneiro de 2017 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, logo de terse efectuado o anticipo previsto na normativa comunitaria. Dado que se cumpren os requisitos do artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia, Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os propios da orde reguladora inicial, con esta publicación dáse cumprimento ao principio de publicidade por incremento do crédito orzamentario establecido na referida lei.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

DISPOÑO:

Artigo 1. Incremento de crédito

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 31 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, increméntase no importe de 21.354.345,15 euros, e con cargo á aplicación 13.80.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, polo que o importe total para as axudas desta alínea e desta aplicación orzamentaria, despois deste incremento é de 188.158.068,39 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2. Ausencia de efectos sobre o prazo de solicitudes

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 31 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Artigo 3. Recursos

A presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá ser impugnada potestativamente en reposición no prazo dun mes desde a súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural