Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 12 de decembro de 2017 Páx. 56010

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de novembro de 2017 pola que se clasifica de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva do sector marítimo e pesqueiro de Galicia a Fundación Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesqueros (MarInnLeg).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesqueros (MarInnLeg), con domicilio no Edificio de Sesións do Peirao de Trasatlánticos de Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 22 de setembro de 2017, José Ramón Costas Alonso, secretario do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesqueros (MarInnLeg), constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 21 de xullo de 2017, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número de protocolo 1.146, pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, representada por Rosa María Quintana Carballo; a Autoridad Portuaria de Vigo, representada por Enrique César López Veiga; a entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por Víctor Casal Antón; a Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Arvi, Sociedade Cooperativa Galega Limitada, representada por Francisco Javier Touza Touza; a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, Asime, representada por Julio Gómez Rodríguez; a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura, Conxemar, representada por José Luis Freire Freire; e a Confederación Española de Pesca, Cepesca, representada por Javier Garat Pérez.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto contribuír a un desenvolvemento socio-económico sustentable da economía produtiva do sector marítimo e pesqueiro galego. Participará activamente nas tarefas de fomento e transferencia do coñecemento xurídico marítimo e pesqueiro e, para iso, realizará distintas actividades, principalmente tarefas de asesoramento, formación especializada, investigación e recompilación de información e datos en asuntos xurídicos marítimos e pesqueiros.

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia, representada por Rosa María Quintana Carballo, como presidenta; a Autoridade Portuaria de Vigo, representada por Enrique César López Veiga, como vicepresidente; a entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por Javier Fraga Díaz, como tesoureiro; a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, representada por María Isabel Concheiro Rodríguez Segade; a Autoridad Portuaria de Vigo, representada por Beatriz Colunga Fidalgo; a entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., representada por Víctor Casal Antón e José Lino Comesaña Calvo; a Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo, Arvi, Sociedade Cooperativa Galega Limitada, representada por Francisco Javier Touza Touza; a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia, Asime, representada por Enrique Miguel Mallón Otero; a Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura, Conxemar, representada por José Luis Freire Freire, Constante Bueno Freire González e Manuel Suárez Lemus; e a Confederación Española de Pesca, Cepesca, representada por Javier Garat Pérez como vogal; consta, tamén, como secretario non padroeiro José Ramón Costas Alonso.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva do sector marítimo e pesqueiro de Galicia da Fundación Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesqueros (MarInnLeg), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva do sector marítimo e pesqueiro de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Mar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 13 de novembro de 2017,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva do sector marítimo e pesqueiro de Galicia a Fundación Centro de Innovación de Estudios Jurídicos Marítimos y Pesqueros (MarInnLeg), adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Mar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza