Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2017 Páx. 55419

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2017, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción, e se declara de utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica LMT, CT e RBT derivada Fiolleda-Figueira, no concello de Monforte de Lemos (expediente 003/2016 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense) aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 9 de xuño de 2017, a citada empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica LMT, CT e RBT derivada Fiolleda-Figueira, no concello de Monforte de Lemos, xunto co preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante resolución desta xefatura territorial do 30 de agosto de 2017. Esta resolución foi publicada no xornal La Voz de Galicia do 5 de outubro de 2017, no BOP de Lugo do 23 de setembro e no DOG do 27 de setembro, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Monforte de Lemos. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados e fíxose a correspondente publicación no BOE do 23 de outubro de 2017 para os descoñecidos e/ou non notificados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública Rosalina Pérez Fernández presenta unha alegación en que manifesta que é a unica herdeira de Sara Fernández Rodríguez (predio nº 3) e que as sucesivas comunicacións se fagan con ela, e solicita información sobre o procedemento.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta xefatura territorial correspóndelle resolver sobre a presente solicitude, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro) polos que se crea e se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tendo en conta o Decreto 36/2001, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista da alegación presentada, da contestación que formula a empresa promotora, dos informes técnicos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede continuar coa súa tramitación e ter a alegante por interesada.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir nun mutuo acordo e causar así a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto, e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT derivada Fiolleda-Figueira, no concello de Monforte de Lemos, coas seguintes características técnicas principais:

Tramo I:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV cunha lonxitude de 1.361 m con orixe nun poste de formigón existente co código 52-40-A-19 (nº 0 no presente proxecto) condutor tipo LA-56/54,6 e final no centro de transformación intemperie proxectado Fiolleda.

Tramo II:

1. Liña de media tensión soterrada a 20 kV cunha lonxitude de 881 m con orixe no P.A.S. proxectado sobre celosía metálica proxectada nº 11, condutor tipo RHZ1 e final no P.A.S. proxectado sobre celosía metálica proxectada nº 13.

2. Liña de media tensión aérea a 20 kV cunha lonxitude de 284 m con orixe na celosía metálica proxectada nº 13, condutor tipo LA-54/54,6, e final na celosía metálica existente nº 16.

3. Centro de transformación 50/24/20 B2 intemperie, cunha potencia de 50 kVA, e unha relación de transformación de 20.000/400 V.

4. Liña de baixa tensión aérea, cunha lonxitude de 12 m con orixe no centro de transformación intemperie proxectado Fiolleda, condutor RZ e final no poste de formigón proxectado tipo HV/9-630.

5. Liña de baixa tensión soterrada, cunha lonxitude de 59 m con orixe no P.A.S. sobre poste de formigón proxectado tipo HV-9/630, condutor tipo XZ1 e final na conexión coa rede de baixa tensión existente do centro de transformación Fiolleda.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica LMT, CT e RBT Fiolleda-Figueira, asinado polo enxeñeiro industrial Darío Sánchez Maeso, colexiado número 2564, e visado polo ICOIIG o 23 de maio de 2016 co número 20161261.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 5 de outubro de 2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 23 de setembro e no Diario Oficial de Galicia do 27 de setembro, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Monforte de Lemos. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito ante esta Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT, CT e RBT derivada Fiolleda-Figueira, presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto da normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación ou ben, tentada a notificación, non se puido realizar, e así dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prezuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 14 de novembro de 2017

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo