Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 30 de novembro de 2017 Páx. 54643

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2017 pola que se convoca o curso monográfico A nova Lei de contratos do sector público.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico A nova Lei de contratos do sector público, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

O pasado 9 de novembro publicouse no BOE a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Ademais da transposición das citadas directivas, a lei establece un novo marco regulador do sistema de contratación pública, con vocación de ser máis eficiente, transparente e íntegro, e mellorar as condicións de acceso ao mesmo facilitando, en particular, a participación das pemes.

Coa celebración deste curso perséguense os obxectivos de analizar as principais modificacións introducidas pola lei e propiciar o debate arredor daqueles aspectos máis innovadores e relevantes desde o punto de vista xurídico e da xestión pública.

2. Contidos.

Neste curso monográfico serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Bo goberno, integridade e transparencia na contratación pública.

• A nova regulación da chamada responsabilidade patrimonial da Administración (RPA) nos contratos de concesión.

• Ámbito de aplicación da lei, as consecuencias da translación das directivas e valoración xeral da reforma.

• A contratación nos sectores excluídos.

• Actuacións previas, procedemento de adxudicación e encargo a medios propios.

• O recurso especial en materia de contratación.

• Contrato de concesión de servizos e contrato de prestación de servizos aos cidadáns.

• Réxime de modificación dos contratos.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 19 e 20 de decembro de 2017.

Horario: o día 19 de decembro, en horario de mañá e tarde; o día 20 de decembro, en horario de mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 12 de decembro de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal, achegando, se é o caso, a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público que non presenten a dita certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 12 de decembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

Terá preferencia na selección o persoal empregado das administracións públicas de Galicia e o número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a lista definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública