Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2017 Páx. 54473

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de outubro de 2017 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Sada.

O Concello de Sada eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (en diante, PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Sada réxese polas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 10.1.1997 (en diante, NSP), afectadas polo Decreto 29/2006, do 16 de febreiro, polo que se suspende a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Sada e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento. Este decreto foi modificado polos decretos 193/2008, do 28 de agosto, e 53/2012, do 19 de xaneiro.

En desenvolvemento das NSP aprobáronse os seguintes instrumentos:

– Plan parcial SAUR-8 en Meirás (AD 25.1.2001).

– Plan parcial SAU-3 (revisión do PP) Praia de San Pedro de Veigue (AD 14.6.1996).

– Plan parcial SAU-10 Fortiñón (AD 1.7.1994).

– Plan parcial SAU-2 As Brañas (AD 7.4.1994).

– Plan parcial SAU-6 Souto da Igrexa en Meirás (AD 30.3.1993).

– Plan parcial actuación industrial no Espírito Santo. Sada-Cambre (AD 7.10.1992).

– Plan parcial SAU-5 Ferradura (AD 18.6.1992).

– Plan parcial SAU-5 Solo Industrial. Soñeiro (AD 10.4.1992).

– Plan especial PE-3 As Brañas (AD 7.4.1994).

– Plan especial zona de contacto co porto. Fontán (AD 23.2.1979).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O Concello de Sada está afectado polo Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, en diante POL); polo Plan sectorial da rede viaria da Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo (AD 29.7.2004, DOG 20.9.2004); e polos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal: ampliación do centro de atención especial a persoas con parálise cerebral, ASPACE (AD 16.11.2006, DOG 28.12.2006) e ampliación da estación de ITV de Espírito Santo (AD 20.12.2012, DOG 25.1.2013).

I.3. Tramitación.

1. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, constan informes do arquitecto e do secretario municipal, do 23.12.2011; así como do arquitecto asesor, do 22.12.2011.

2. O 30.5.2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial (IPAI) do PXOM de Sada redactado en decembro de 2011 e marzo de 2012.

3. Constan informes municipais previos á aprobación inicial: técnico, do 11.12.2012; Intervención, do 14.12.2012; e Secretaría, do 13.12.2012.

4. Na sesión do 21.12.2012, o Concello Pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM e sometelo a información pública mediante anuncios nos xornais El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, do 22.1.2013, así como no Diario Oficial de Galicia do 21.1.2013. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Bergondo, Cambre e Oleiros e solicitáronse informes aos organismos con competencias de carácter sectorial.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do Concello de Sada, o 25.2.2015 (DOG 30.3.2015).

6. Constan os informes municipais previos á aprobación provisional:

• Intervención do 2.3.2016.

• Técnico de urbanismo (informe xurídico) do 3.3.2016.

• Secretaría do 10.3.2016.

• Arquitecto da Deputación Provincial, do 26.2.2016, por carecer o concello de arquitecto.

7. O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 17.3.2016.

8. Mediante Orde do 30.1.2017, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Sada, e sinalou unha serie de deficiencias para emendar.

9. Constan os seguintes informes municipais, previos á aprobación provisional derivada desa orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio:

• Informe xurídico do técnico de urbanismo do 18.4.2017.

• Informe do arquitecto técnico do 19.4.2017.

• Informe complementario conxunto do arquitecto técnico e do técnico de urbanismo do 15.5.2017.

• Informe do interventor do 18.5.2017.

• Informe do secretario do 18.5.2017.

10. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 25.5.2017.

11. Constan informes favorables da Axencia Galega de Infraestruturas do 28.8.2017, con respecto á afección da Vía Ártabra, treito. N-VI-AP-9, e Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, do 29.9.2017, de ratificación do emitido anteriormente de resultas da entrada en vigor da Lei 9/2014, do 9 de maio, xeral de telecomunicacións.

12. O Concello achega proposta do tomo IV da normativa do PXOM, onde se recolle a emenda do requirido polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, xunto co informe do equipo redactor explicativo das correccións requiridas.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación do PXOM de Sada datada en marzo de 2017, redactada por Monteoliva Arquitectura, S.L.P., e dilixenciada polo secretario municipal con razón da aprobación provisional 2 en sesión plenaria do 25.5.2017, púidose verificar o cumprimento das deficiencias sinaladas na anterior Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 30.1.2017, así como a súa adaptación á lexislación urbanística vixente, se ben cómpre sinalar as seguintes puntualizacións:

II.1. Informes sectoriais.

A redacción dos artigos 1.5.1; 5.7.1.c); e 7.1.1.5 da normativa debe axustarse á validada polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital no informe favorable do 29.9.2017, recollida no informe do equipo redactor do 21.9.2017.

No título X da normativa de protección do patrimonio histórico artístico, cultural e natural, engadirase un artigo que recolla o último punto das conclusións do informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 6.9.2013 respecto da necesidade de informe das actuacións que poidan afectar os valores naturais.

II.2. Solo urbano.

Na área de planeamento transitorio APT-UEI-8, na cal se realizan modificacións que afectan o proxecto de equidistribución, o PXOM poderá incorporar o planeamento anterior, recoñocéndoo estritamente; ou, noutro caso, e de conformidade coa disposición transitoria primeira, letra c), da LOUG, deberá axustarse integramente ao establecido pola LOUG e pola lexislación sectorial para o solo urbano non consolidado.

II.3. Adecuación ao Plan de ordenación do litoral.

Na ficha do plan especial previsto na contorna das praias de San Pedro e Cirro (PEPOID Veigue) constará a obriga de realizar un estudo de carga desas praias, para o efecto previsto no artigo 90 do POL de resolver as necesidades respecto a accesos e aparcadoiros; así como de incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística, segundo o artigo 71 da normativa do POL, no ámbito de recualificación delimitado nese plan especial.

II.4. Erros documentais.

Na serie grafarase correctamente a liña límite de edificación da estrada VG 1.3-Porto de Lorbé, adecuando a categorización do solo rústico afectado.

Na páxina 180 do anexo á normativa (procedemento de aviación civil) debe remitirse ao plano SA-5 da serie Estrutura xeral-Servidumes aeronáuticas, no canto de ao anexo 11.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal de Sada, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no número II anterior; deixando en suspenso a área de planeamento transitorio APT-UEI-8.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Sada no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio