Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 27 de novembro de 2017 Páx. 54167

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 19 de outubro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Arteixo, para o cambio de uso na parcela 29 do polígono industrial de Sabón.

O Concello de Arteixo solicita a aprobación definitiva da modificación referida, ao abeiro do artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Plan parcial do Polígono Industrial de Sabón foi aprobado definitivamente o 30.10.1965. Tivo unha modificación puntual aprobada o 30.11.1989 para a creación dunha área de equipamentos públicos na parte contigua ao núcleo urbano de Arteixo.

2. O Concello de Arteixo dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 23.3.1995 (texto refundido do 4.5.1995), que na súa disposición transitoria primeira mantén en vigor o plan parcial coa súa modificación de 1989 coas alteracións que expresamente recolle.

3. Foron aprobadas con condicións dúas modificacións das normas subsidiarias no ámbito do polígono de Sabón, con datas do 26.9.2002 e do 31.10.2007, co obxecto de recualificar cadansúa parcela do uso industrial a comercial (mercados e centros comerciais) co establecemento de ordenanzas específicas.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 8.4.2014 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Constan consultas previas de Augas de Galicia e do Instituto de Estudo do Territorio.

5. Constan informes municipais: do arquitecto, do 8.9.2015, desfavorable, e do 14.9.2015, favorable á aprobación inicial; e da técnica de Administración xeral, do 17.9.2015, favorable á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

6. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, por non ser preceptivo de acordo co artigo 93.4 da LOUG.

7. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 24.9.2015. Foi sometida a información pública dous meses (La Opinión e El Ideal Gallego do 24.10.2015 e Diario Oficial de Galicia do 16.11.2015). Foron presentadas dúas alegacións. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, A Laracha e Culleredo. O Servizo de Planeamento e Xestión de Solo do Concello da Coruña respondeu o 9.11.2015, que a modificación non ten incidencia no planeamento urbanístico da Coruña.

8. En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén:

a) Augas de Galicia: informe do 18.1.2016, favorable con condicións.

b) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 13.4.2016, favorable coa condición de limitar a altura en metros das edificacións do ámbito.

Así mesmo, foi solicitado o informe da Axencia Galega de Infraestruturas mediante escrito do 6.10.2015, sen que conste no expediente a súa emisión.

9. Constan informes municipais: do arquitecto, do 18.7.2016 sobre as alegacións e a aprobación provisional); e da técnica de Administración xeral, do 18.7.2016, co conforme da secretaria xeral municipal, favorables á aprobación provisional.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.7.2016.

11. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu mediante Orde do 22.11.2016, non outorgar a aprobación definitiva á modificación proposta.

12. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu o 17.1.2017 informe favorable en materia de paisaxe.

13. Constan informes municipais: do arquitecto, do 13.6.2017, favorable; e da técnica de Administración xeral, do 19.6.2017, co conforme da secretaria xeral municipal, favorable á aprobación provisional, sobre un proxecto corrixido da modificación.

14. O pleno municipal do 29.6.2017 aprobou provisionalmente un novo proxecto.

II. Ámbito, obxecto e descrición da modificación:

1. O ámbito da modificación é a parcela 29 de 13.452 m2 (correspóndese co establecemento de mobles Gundín); e unha área de viario de 3.417 m2, comprensiva da rotonda entre a estrada autonómica AC-552 e a avenida da Ponte próxima.

2. A modificación ten por obxecto:

a) Recoller no planeamento o trazado da rotonda de intersección da estrada autonómica e a avenida da Ponte.

b) Prever dentro da parcela 29 unha zona verde pública de 1.048 m2 xunto ao río Arteixo; e cualificar o resto cunha nova ordenanza de actividades económicas e servizos (AES).

c) Establecer como obrigas para a propiedade a cesión da zona verde; e a cesión e urbanización da fronte viaria, con ocasión da obtención de licenza de obras; así como a cesión dun local comercial de 201,08 m2 en travesía de Arteixo nº 2.

III. Análise e consideracións:

En relación co proxecto non aprobado na Orde do 22.11.2016, obsérvase:

1. Tramitación: no expediente agora remitido figura (páxina 305) o informe favorable do Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe, con data do 17.1.2017.

2. Razóns de interese público da modificación: o proxecto incorpora no seu punto O.2 unha xustificación da capacidade da rede viaria con base en que a actuación supón unha mellora da urbanización do existente e na contigüidade coa estrada AC-552 ao seu paso polo núcleo urbano de Arteixo.

3. Relación co Plan de ordenación do litoral aprobado por Decreto 20/2011 (POL): na modificación xustifícase que o ámbito da modificación conserva a súa categoría de solo urbano consolidado, polo que non lle será de aplicación a ordenación establecida no POL (artigo 3.2 da normativa do POL).

4. Categorización do solo: o proxecto considera o solo como urbano consolidado, en relación coa ordenación do planeamento vixente. Xustifícase que non se incrementa o aproveitamento lucrativo máis dun 30 %, con base en valores de repercusión de solo, sen incorrer nunha actuación de dotación (artigo 17.3 da LSG); mais non se fixa a superficie lucrativa edificable máxima. En coherencia coa xustificación (estudo volumétrico, informe de sustentabilidade económica) será de 1 m2/m2 sobre a parcela (13.452 m2).

5. Ordenanza aplicable aos terreos:

a) O punto 0.5 clarexa o alcance do uso residencial permitido (garda e conservación) establecendo un límite para a superficie construída de 150 m2.

b) No proxecto agora presentado limítase a altura total en metros, como exixían os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución:

En consecuencia e, conforme o establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo para o cambio de uso na parcela 29 do Polígono Industrial de Sabón, coa consideración formulada no punto III.4 anterior.

2º. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Arteixo no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio