Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2017 Páx. 53687

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 116/2017, do 2 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, no concello de Tui (clave PO/03/009.01.1.1).

Antecedentes.

Primeiro. Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 18 de marzo de 2016 aprobouse provisionalmente o proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, de clave PO/03/009.01.1.1.

Segundo. Con data do 6 de maio de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 86) o Anuncio do 28 de abril de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, de clave: PO/03/009.01.1.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise das certificacións presentadas, o 27 de xuño de 2016 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, de clave: PO/03/009.01.1.1.

Este proxecto ten por obxecto definir o trazado do semienlace de acceso ao polígono de Areas (Tui), desde a vía de alta capacidade Tui-A Guarda, aproveitando o paso inferior existente nela. O dito semienlace permite a comunicación directa do polígono cara as distintas vías de alta capacidade, comunicando este cunha ampla zona xeográfica comprendida entre Galicia e Portugal.

As obras previstas comprenden a construción de dúas glorietas en ambas as marxes da autovía, unidas a través do paso inferior; delas parte o ramal de acceso á autovía e remata no ramal de saída dela. Tamén se canalizará a canle do regato San Martiño e restituiranse os camiños de servizo afectados, co fin de establecer unha continuidade neles.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dea lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de novembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de trazado do semienlace de acceso ao polígono industrial de Areas-Tui, desde a VAC Tui-A Guarda, treito I, de clave PO/03/009.01.1.1.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda