Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2017 Páx. 53669

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia-Europa

ANUNCIO do 16 de novembro de 2017 polo que se convoca unha bolsa de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

O día 21 de novembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de novembro de 2017 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo o establecido no artigo 15 dos estatutos da Fundación Galicia Europa, en ausencia do presidente da Fundación corresponde ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da fundación.

Á vista do anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

Convocar unha bolsa de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación para o ano 2018, de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 6 de novembro de 2017 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario da bolsa deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II das bases da convocatoria que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das devanditas bases.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Importe e financiamento da bolsa

1. O financiamento desta bolsa realizarase conforme o establecido no Convenio de colaboración do 27 de setembro de 2017 asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia Galega de Innovación para establecer un programa de bolsas de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Na cláusula segunda deste convenio a Axencia Galega de Innovación comprométese a transferir á Vicepresidencia a cantidade de 17.540,00 € con cargo aos orzamentos de 2018 para o financiamento da bolsa. Pola súa banda, a Vicepresidencia comprométese a realizar a oportuna ampliación de crédito con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.111E.443.02 que ten asignada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

A adxudicación da bolsa queda condicionada á materialización da devandita modificación orzamentaria e a correspondente nos seus propios orzamentos.

2. O orzamento para o financiamento da bolsa para todo o período será de 17.540,00 €. Neste importe inclúense 1.100 € en concepto de axuda de viaxes. O pagamento da bolsa dividirase en doce mensualidades.

Logo de solicitude xustificada da persoa beneficiaria, a FGE poderá anticiparlle o importe máximo de dúas mensualidades, e efectuará, durante os meses seguintes, as compensacións precisas.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 491,00 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais.

Cuarto. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses, que comezará a contar o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo (PR770M) poderase obter documentación normalizada segundo as bases reguladoras na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal ou información adicional na Fundación Galicia Europa, a través dos seguintes medios:

Páxina web oficial da Fundación Galicia Europa: http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu

O teléfono: 981 54 10 18 ou enderezo electrónico: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu

Presencialmente: Fundación Galicia Europa. Rúa do Hórreo, 61, Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Sexto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa