Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 21 de novembro de 2017 Páx. 53376

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de novembro de 2017 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición adicional primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava punto 2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Galicia Europa require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego que depende orgánica e funcionalmente do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

Segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 11/2015, do 5 de febreiro, a Vicepresidencia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ten, entre outras funcións, a de proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para poder conceder subvencións para a formación práctica de persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha bolsa de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha bolsa de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M)

Artigo 1. Introdución

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa (FGE) ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A FGE prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos de Gain atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sustentable da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

Por este motivo, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e a Axencia Galega de Innovación asinaron un acordo de colaboración para establecer un programa de bolsas, que se desenvolverá na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación, que estarán destinadas ao seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, incluíndo a revisión dos documentos, a identificación das convocatorias, a elaboración de solicitudes e a xestión dos proxectos que sexan concedidos no período de desfrute da bolsa.

Artigo 2. Obxecto, finalidade e duración

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión dunha bolsa de formación práctica para persoas tituladas superiores universitarias en materia de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

O programa formativo terá unha duración máxima de doce meses, contados desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2018.

O lugar de desenvolvemento da bolsa será a oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. Poderanse realizar breves períodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela.

Para ser beneficiario da bolsa deberá presentarse unha solicitude segundo os termos establecidos nestas bases.

A bolsa regulada nesta orde concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 3. Obxectivo da bolsa

O obxectivo da bolsa é que a persoa bolseira adquira coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, incluíndo a revisión dos documentos, a identificación das convocatorias, a elaboración de solicitudes e a xestión dos proxectos que sexan concedidos no período de desfrute da bolsa.

Artigo 4. Condicións xerais

A bolsa será indivisible e improrrogable. Será tamén incompatible con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

As persoas solicitantes non poderán estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión e goce da bolsa non supoñerá vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2015.

3. Titulación: estar en posesión dun título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes con posterioridade ao 31 de decembro de 2010.

4. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a tres meses.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do obxecto desta bolsa.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A documentación complementaria presentarase preferentemente por vía electrónica. Tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños e límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar e declaracións responsables

1. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

– Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

– Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

– Copia da certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario. Deberase presentar certificado expedido pola universidade en que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003.

– No caso de presentar un título académico estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

– Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título universitario).

– Currículo en que se relacionen os estudos cursados e, de ser o caso, experiencia en proxectos de innovación e investigación.

– Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

– Relación de méritos puntuables conforme o anexo V.

Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Os ditos méritos alegados no currículo que non estean acreditados documentalmente non serán tidos en conta.

2. A persoa solicitante asinará as seguintes declaracións responsables:

– No anexo II: solicitude.

• Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

• Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

– No anexo III: aceptación ou renuncia da concesión da bolsa, no caso de resultar beneficiaria dela.

– No anexo IV, no caso de resultar beneficiaria da bolsa, declaración responsable de:

• Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

• Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

• Que en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, non solicitou nin ten concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto e conceptos para os que solicita a bolsa.

• Que cumpre co requisito establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras desta orde.

– No anexo V: relación de méritos puntuables da persoa solicitante.

3. Sen prexuízo do disposto no puntos anteriores, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Consulta de datos de residencia da persoa solicitante.

– Título oficial universitario.

– Título Celga 3 ou 4 expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta convocatoria, o director da FGE designará unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados na seguinte base, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das bolsas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

Secretaría: a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Gain e FGE.

A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web da FGE.

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

4. A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 10. Avaliación das solicitudes

A comisión fará a avaliación das solicitudes en dúas fases e de acordo cos seguintes criterios:

1. Primeira fase: valoración de méritos.

Concepto

Máximo 40 puntos

Titulación universitaria superior

– 5 puntos por estudos universitarios relacionados coa investigación e a innovación

Expediente académico

– Ata 10 puntos pola nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (ata 10 puntos)

Mestrado ou posgrao

– 5 puntos por mestrado ou posgrao universitario recoñecido oficialmente e específico en materias relacionadas co obxecto da bolsa

Nesta epígrafe só se valorará unha titulación

Cursos relacionados en materia de investigación
ou innovación

– 0,25 puntos por curso de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas

– 0,50 puntos por curso de duración igual ou superior a 75 horas

A puntuación máxima que se pode obter nesta epígrafe é de 5 puntos

Por participación en proxectos de investigación
ou innovación

– 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo acreditados

– A puntuación máxima nesta epígrafe será de 5 puntos

Lingua galega

– 2 puntos polo Celga 4 ou titulación equivalente ou superior

– 1 punto polo Celga 3 ou titulación equivalente

Lingua inglesa e francesa

– Nivel B2: 3 puntos

– Nivel C1: 4 puntos

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 3 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas

A acreditación dos estudos e titulacións realizarase mediante copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

A participación proxectos de formación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto, ou ben copia compulsada do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante o correspondente certificado oficial expedido pola escola oficial de idiomas ou institucións ou centros recoñecidos oficialmente, segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL).

Nas epígrafes referidas a idiomas e cursos de formación relacionados co obxecto destas bolsas non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

A comisión non valorará aqueles méritos das persoas candidatas que non estean acreditados documentalmente, os cursos que non acrediten as horas de duración e os inferiores a 20 horas lectivas, os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares, e aqueles que teñan data posterior á de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 10 puntos.

Consistirá nunha entrevista que será valorada de 0 a 10 puntos. As persoas seleccionadas serán convocadas, mediante a publicación na páxina web, a participar na entrevista persoal coa comisión de valoración que se valorará:

1º. Coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia.

2º. Coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3º. Coñecemento sobre o programa Horizon2020.

4º. Claridade na exposición dos contidos.

5º. Grao de fluidez nas linguas inglesa e/ou francesa.

Os membros da comisión poderán realizar preguntas en inglés ou francés.

Artigo 11. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral Relacións coa Unión Europea que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará as listaxes provisionais das persoas aspirantes admitidas e excluídas, que será publicada na páxina web da Fundación Galicia Europa e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación das causas determinantes das exclusións que procedan.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva das persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse na páxina web da FGE e serán remitidas á comisión de valoración.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A comisión de valoración convocará as persoas candidatas admitidas á realización da entrevista persoal. A data e lugar da celebración da devandita entrevista publicarase na páxina web da FGE. A concorrencia é obrigatoria. As persoas candidatas que non se presenten serán automaticamente excluídas do procedemento de selección.

4. A comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado nas bases, e formulará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitida ao órgano instrutor.

5. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

6. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

7. Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará un informe, xunto coa proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor, ao director da Fundación Galicia Europa que, no prazo máximo de quince días, resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de seis meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. A concesión da bolsa seralles notificada ás persoas adxudicatarias que, nun prazo de tres días hábiles, están obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito, conforme o modelo que figura como anexo III desta convocatoria. Se, transcorridos os sinalados tres días, non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente á bolsa, esta concederase á persoa candidata con mellor puntuación.

9. Se, durante o desenvolvemento das prácticas, se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da puntuación obtida.

10. De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima exixida na fase de valoración dos méritos ou na fase de entrevista, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Fundación Galicia Europa que se publicará na páxina web da FGE.

Artigo 12. Recursos

A resolución do director da Fundación Galicia Europa non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 26.2.c) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 13. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicarase na sede electrónica e na páxina web da Fundación Galicia Europa. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 14. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, así como a lista de reserva e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Acreditación de dispoñer dun seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade, con cobertura internacional para as persoas bolseiras destinadas no exterior e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar, por calquera medio admitido en dereito, dispor da devandita cobertura.

3. Comezar o goce da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

4. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Artigo 16. Compromisos da Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa comprométese a:

– Facer fronte ao pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa, con base no acordo de colaboración asinado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coa Axencia Galega de Innovación.

– Efectuar as retencións á conta correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas así como as cotas da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

– Asignar ao beneficiario unha persoa que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

– Proporcionar un plan de formación co obxectivo de que o/a bolseiro/a adquira experiencia e un coñecemento prácticos.

Ao remate do período de formación a persoa que exerza a titoría expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 17. Incidencias

A Fundación Galicia Europa resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

En calquera momento, a persoa responsable da oficina da FGE poderá propoñerlle ao seu director cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria que, logo de dar trámite de audiencia ao interesado, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

A Fundación Galicia Europa poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado por motivos de forza maior.

A renuncia durante o goce da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola FGE.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Notificación electrónica

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 19. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Fundación Galicia Europa. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Fundación Galicia Europa, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu

Artigo 20. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file