Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2017 Páx. 50668

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Carballo, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/19-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 20.10.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. tiña en oito núcleos de poboación da provincia da Coruña, entre os cales se atopa Carballo, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

O 14.6.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Carballo (A Coruña) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

O 22.6.2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución titulado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Carballo (A Coruña), que ten por obxecto procurar a subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Carballo, unha vez que esta sexa transformada para a distribución de gas natural (esta transformación será obxecto doutro proxecto).

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e extensión de rede en MOP 3,5 bar para subministración a Carballo (A Coruña), que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2017/19-0, someterase ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Descrición das instalacións:

A extensión de rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela ocupada actualmente pola planta de GLP (con referencia catastral 5571916NH2857S0001GL e situada no polígono industrial de Bértoa, ao norte do núcleo urbano de Carballo), desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Carballo. A súa lonxitude será de 101 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diámetros de 200 e 110 mm e dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 3,5 bar.

A planta de GNL estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 80 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 824 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 3,5 bar.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Carballo, na provincia da Coruña.

Orzamento: douscentos trece mil trescentos cincuenta e un euros con sesenta e cinco céntimos (213.351,65 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio; poden examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas