Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2017 Páx. 50128

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Axencia Estatal de Administración Tributaria

ANUNCIO de poxa (S2018R1586001001).

Poxa número S2018R1586001001.

Faise saber que, de conformidade co disposto no artigo 101 do Regulamento xeral de recadación aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, se ditaron acordos con data do 21 de marzo de 2017 nos cales se decreta o alleamento, mediante poxa, dos bens embargados que se detallan na relación de bens que se va poxar, incluída neste anuncio como anexo I. A poxa terá lugar o día 7 de febreiro de 2018, ás 10.30 horas na sala de poxas da delegación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de Vigo, rúa Lalín, 2.

En cumprimento do citado artigo, publícase este anuncio e infórmanse as persoas que desexen participar na poxa do seguinte:

Primeiro. Os bens que se poxarán están afectos polas cargas e gravames que figuran na súa descrición, e que constan no expediente, os cales quedan subsistentes sen que se lles poida aplicar á súa extinción o prezo do remate.

Segundo. A poxa suspenderase en calquera momento anterior á adxudicación dos bens, se se realiza o pagamento do importe da débeda non ingresada, os xuros que se devindicasen ou se devindiquen ata a data do ingreso no Tesouro, as recargas do período executivo e as custas do procedemento de constrinximento.

Terceiro. Os licitadores poderán enviar ou presentar as súas ofertas en sobre pechado desde o anuncio da poxa ata unha hora antes do comezo desta, sen prexuízo de que poidan participar persoalmente na licitación con ofertas superiores ás do sobre. As devanditas ofertas, que terán o carácter de máximas, serán presentadas no rexistro xeral da oficina en que teña lugar a poxa, facendo constar no exterior do sobre os datos identificativos dela. No sobre incluiranse, ademais da oferta e do depósito constituído conforme o punto catro, os datos correspondentes ao nome e apelidos ou razón social ou denominación completa, número de identificación fiscal e domicilio do licitador.

Os licitadores poderán participar na poxa pola vía telemática, mediante a presentación de ofertas e/ou poxas automáticas, a través da páxina web da Axencia Tributaria www.agenciatributaria.es, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE do 24 de maio), da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se regula a participación pola vía telemática nos procedementos de alleamento de bens desenvolvidos polos órganos de recadación.

Cuarto. Todo licitador terá que constituír ante a mesa da poxa, con anterioridade á súa realización, un depósito do 20 % do tipo de poxa en primeira licitación, agás no caso daqueles lotes en que se acordase unha porcentaxe menor, que en ningún caso será inferior ao 10 %. O importe do depósito para cada un dos lotes está determinado na relación de bens que se van poxar incluída neste anuncio.

O depósito deberá constituírse mediante cheque que cumpra os requisitos establecidos no artigo 35.1 do Regulamento xeral de recadación ou por vía telemática a través dunha entidade colaboradora adherida a este sistema, que asignará un número de referencia completo (NRC) que permita a súa identificación, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE do 24 de maio), do director xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Se os adxudicatarios non satisfán o prezo do remate, este depósito aplicarase á cancelación da débeda, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer polos maiores danos que orixine a falta de pagamento.

Quinto. No caso de que non resulten adxudicados os bens nunha primeira licitación, a mesa de poxa poderá realizar unha segunda licitación, se o considera procedente, fixará o novo tipo de poxa no 75 % do importe da primeira licitación, ou anunciará a iniciación do trámite de adxudicación directa que se levará a cabo de acordo co artigo 107 do Regulamento xeral de recadación.

Sexto. O adxudicatario deberá ingresar na data de adxudicación, ou dentro dos quince días seguintes, a diferenza entre o depósito constituído e o prezo da adxudicación.

O ingreso poderá realizarse en bancos, caixas de aforro e cooperativas de crédito, nos cales non é preciso ter conta aberta. Tamén poden realizar o pagamento mediante cargo na súa conta corrente, a través da internet no enderezo www.agenciatributaria.es, na opción Sede electrónica-procedementos, servicios e trámites-trámites destacados, pagamento de impostos. Para facer o pagamento a través da internet é necesario dispor dun sistema de sinatura electrónica dos admitidos pola Axencia Tributaria.

Así mesmo, se llo solicita á mesa de poxa no acto da adxudicación, o adxudicatario poderá realizar o ingreso do importe total do prezo da adxudicación; neste caso, unha vez comprobado o ingreso, a Axencia Tributaria levantará a retención realizada sobre o depósito constituído polo adxudicatario.

Sétimo. Cando na licitación non se cubrise toda a débeda e faltasen bens por adxudicar, a mesa de poxa anunciará o inicio de trámite de adxudicación directa.

As ofertas poderanse presentar no prazo que para tales efectos comunique a mesa de poxa. Deberanse presentar en sobre pechado no rexistro xeral da oficina onde se realizase a poxa, e deberán ir acompañadas, se é o caso, do depósito.

Así mesmo, poderanse presentar ofertas a través da páxina web da Axencia Tributaria www.agenciatributaria.es, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE de 24 de maio), da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se regula a participación pola vía telemática nos procedementos de alleamento de bens desenvolvidos polos órganos de recadación.

Transcorrido o prazo sinalado pola mesa de poxa, abriranse as ofertas presentadas e poderanse adxudicar dos bens se algunha delas se considera suficiente nese momento. No caso contrario, anunciarase a extensión do prazo para a presentación de novas ofertas ou mellora das xa existentes, sen prexuízo da validez das ofertas presentadas ata ese momento e así sucesivamente, co límite total de seis meses.

O prezo mínimo de adxudicación directa será o tipo de poxa na primeira licitación cando non se considerase procedente realizar unha segunda licitación; se existise segunda licitación, non haberá prezo mínimo.

Oitavo. Cando se trate dun ben inmoble, o adxudicatario poderá solicitar expresamente no acto da adxudicación o outorgamento da escritura pública de venda de inmoble.

Noveno. Cando se trate de bens inscritibles nos rexistros públicos, os licitadores non terán dereito a exixir outros títulos de propiedade distintos aos que se achegan no expediente; os devanditos títulos estarán á disposición dos interesados nas oficinas desta dependencia de recadación, onde poderán ser examinados todos os días hábiles a partir da publicación deste anuncio, ata o día anterior ao da poxa. No caso de non estaren inscritos os bens no rexistro, o documento público de venda é un título mediante o cal se pode efectuar a inmatriculación nos termos previstos na lexislación hipotecaria; nos demais casos en que sexa preciso, poderá procederse como dispón o título VI da Lei hipotecaria para levar a cabo a concordancia entre o rexistro e a realidade xurídica.

Décimo. O tipo de poxa non inclúe os impostos indirectos que gravan a transmisión dos ditos bens. Todos os gastos e impostos derivados da transmisión, incluídos os derivados da inscrición no rexistro correspondente do mandamento de cancelación de cargas posteriores, serán por conta do adxudicatario.

O adxudicatario exonera expresamente á AEAT, ao abeiro do artigo 9 da Lei 49/1960, do 21 de xuño, de propiedade horizontal, modificado pola Lei 8/1999, do 6 de abril, da obriga de achegar certificación sobre o estado das débedas da comunidade, e serán por conta deste os gastos que queden pendentes do pagamento.

Décimo primeiro. O procedemento de constrinximento só se suspenderá nos termos e condicións sinalados no artigo 165 da Lei xeral tributaria (Lei 58/2003, do 17 de decembro).

Décimo segundo. Tamén serán de aplicación as condicións que se recollen no anexo II. Para todo o non previsto neste anuncio observarase o preceptuado nas disposicións legais que regulen o acto.

A Coruña, 19 de setembro de 2017

M. Montserrat Casal Bascoy
Xefa da Dependencia Rexional de Recadación da Delegación Especial
da Axencia Estatal da Administración Tributaria de Galicia

Anexo I
Relación de bens que se van poxar

Poxa número S2018R1586001001.

– Lote único.

Número de dilixencia: 541323311778Y.

Data da dilixencia: 4.10.2013.

Tipo de poxa na primeira licitación: 152.398,00 euros.

Tramos: 2.000,00 euros.

Depósito: 30.479,60 euros.

Tipo de dereito: pleno dominio.

– Ben número 1.

Tipo de ben: local comercial.

Tipo de dereito: pleno dominio.

Localización: Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, Beade, 6, 36312 Vigo.

Inscrita no Rexistro número 2 de Vigo. Tomo: 2448. Libro: 1284. Folio: 150. Finca: 73174. Inscrición: 5.

Descrición: modulo número 6.6 da nave industrial sobre a parcela 6, integrantes do proxecto de parcelación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, situado entre as parroquias de Beade e Valadares de Vigo, provincia de Pontevedra. Superficie construída: 4.110,16 m2, dos que corresponden á planta baixa 3.240 m2 e á planta alta de oficinas 870,16 m2. Lindeiros: norte: módulo número 6.5 da división horizontal; sur: con muro do edificio que o separa da zona de aparcamento; oeste: con zona de manobra situada na fachada oeste cuxo dominio e uso se lle atribúe en exclusiva a través da cal se comunica coa zona de circulación común da parcela; leste: con zona de manobra situada na fachada leste cuxo dominio e uso se lle atribúe en exclusiva.

Valoración: 2.600.000,00 euros.

Cargas:

Importe total actualizado: 2.447.602,00 euros.

Carga número 1: hipoteca a favor de Banco Popular formalizada o 29.5.2009.

Carga número 2: hipoteca a favor de Banco Popular formalizada o 29.5.2009.

Anexo II

Outras condicións

Poxa número S2018R1586001001.

Non existen outras circunstancias, cláusulas ou condicións que deban aplicarse nesta poxa.