Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 26 de outubro de 2017 Páx. 49843

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de outubro de 2017 pola que se establecen os modelos a que se deberán adaptar as memorias que edite a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece nos artigos 27.1, 27.18, 27.19 e 27.20, as competencias en materia de autoorganización, cultura e fomento da lingua galega.

A normativa reguladora das publicacións da Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes, ademais de polo artigo 8 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establécese fundamentalmente no Decreto 116/2002, do 1 de febreiro, e no Decreto 176/2011, do 1 de setembro, que modifican o Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, que no seu artigo 13 dispón que as publicacións da Xunta de Galicia se axustarán, no que se refire á impresión, execución de obras en artes gráficas, coedicións, contratos de autor, de tradución e de distribución, aos modelos tipo aprobados por orde da Consellería de Cultura e Turismo.

Pola Orde do 20 de maio de 2008 establécense os modelos a que deberán adaptarse as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, axencias, fundacións, entidades e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

A citada orde ditouse para completar a regulación das publicacións institucionais, no que atinxe ás características das memorias editadas polos distintos departamentos da Xunta de Galicia e entidades dela dependentes, e que debían adaptarse ao establecido no anexo da propia orde.

O Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia, creado polo artigo 1 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, ten entre as súas funcións aprobar os criterios xerais en materia de edición, impresión e comercialización.

Así, na reunión deste órgano celebrada o 20 de decembro de 2016 acordouse propoñerlle ao conselleiro competente na materia actualizar os contidos que regula a Orde do 20 de maio de 2008.

Debido ao tempo transcorrido, a práctica demostrou que pode existir unha tipoloxía moi ampla de memorias, con moi diferentes enfoques, destinos e propósitos, que dificilmente se axustan ás características marcadas na orde de 2008 que as regula ata agora. Acorde coa nova realidade, e por razóns de operatividade, accesibilidade e actualización, recoméndase utilizar preferentemente o formato electrónico na elaboración das ditas memorias.

Esta orde xorde para lles dar cumprimento aos principios establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, relativos á necesidade, eficiencia, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica e transparencia.

Así mesmo, pretende flexibilizar as estritas especificacións técnicas e formais que son incompatibles coas distintas necesidades derivadas da diversidade de departamentos e entes que dependen da Administración autonómica, e adaptar o seu contido á nova normativa en materia de publicacións.

Ademais, a necesidade de elaborar unha nova orde vén dada pola nova normativa que afecta as publicacións da Xunta de Galicia e entidades dela dependentes, aprobada con posterioridade á Orde do 20 de maio de 2008.

Así, o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, e a Orde do 18 de febreiro de 2010 pola que se aproba o Manual de normas de identidade visual corporativa institucional da Xunta de Galicia, establecen os elementos constitutivos da identidade visual da Xunta de Galicia e regulan os usos e aplicacións do logotipo e do símbolo corporativos da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o Decreto 121/2011, do 16 de xuño (DOG núm. 125, do 30 de xuño), aproba e regula as características e instrucións para o emprego da marca turística de Galicia.

Finalmente, a Resolución do 4 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais pretende unificar formas lingüísticas, aspectos formais de edición e criterios de redacción das publicacións institucionais.

En consecuencia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular as memorias que edite a Administración xeral e as entidades integrantes do sector público autonómico, flexibilizar o seu contido e harmonizar os seus aspectos técnicos e formais que se concretan nas especificacións técnicas que figuran no anexo I e nos modelos que figuran como anexo II.

Artigo 2. Definición

Para os efectos do disposto nesta orde, enténdese por memoria o documento en forma de publicación, calquera que sexa o seu formato, no que se recollen as actividades máis significativas, ou ben un resumo de todas as actividades efectuadas por unha unidade administrativa, referidas a un período de tempo, habitualmente anual.

Artigo 3. Características

1. As memorias que editen os organismos que se expresan no artigo 4 adaptarán as súas características formais, no que afecta exclusivamente as cubertas, contracubertas e lombos, ao modelo que consta nos anexos desta orde e, de acordo co disposto na Orde do 18 de febreiro de 2010 pola que se aproba o Manual de normas de identidade visual corporativa institucional da Xunta de Galicia, e o establecido no Decreto 121/2011, polo que se aproba a marca turística de Galicia e se regula a súa utilización, e demais normativa que lle sexa de aplicación; en especial, o disposto nos artigos 11, 12 e 13 do Decreto 196/2001, do 26 de xullo.

2. O contido interno de cada memoria, en canto á súa organización e deseño, decidirao libremente cada unidade editora, de acordo coa Resolución do 4 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, e demais normativa que lle poida ser de aplicación.

3. As memorias en soporte dixital editaranse en formato PDF, ou en calquera tipo de soporte electrónico accesible, e tratarase de respectar o establecido nesta orde para a estrutura de contidos en formato papel.

4. Cando as memorias se destinen á venda ao público, deberán incluír o número de ISBN, co correspondente código de barras.

Artigo 4. Procedemento de aprobación

1. As memorias que se vaian editar someteranse ao mesmo procedemento de aprobación que o resto das publicacións da Xunta de Galicia, de acordo coa normativa que lle é de aplicación, especialmente o Decreto 196/2001, do 26 de xullo.

2. Calquera modificación que se pretenda introducir no modelo que se establece, por mor de adaptalo a unha determinada estrutura, deberá aprobala, en cada caso concreto, a Comisión Permanente de Publicacións.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Orde do 20 de maio de 2008 pola que se establecen os modelos a que se deberán adaptar as memorias que editen os distintos departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos, axencias, fundacións, entidades e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar e modificar cantas disposicións sexan precisas para desenvolver e aplicar esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Especificacións de preparación e edición

FORMATO DA EDICIÓN/CARACTERÍSTICAS DA EDICIÓN

Tamaño 30×21 cm.

Papel interior estucado mate 130 g.

Papel cubertas 300 g.

Encadernación en rústica con portadas plastificadas en mate.

CORES

Grafismo «m»: Pantone Process Cian

TIPOGRAFÍA

ARIAL LIGHT

Abcdefghijklmnñopqrstuvwxyz

ABCDEFGHIJKLMNÑOPQRSTUVWXYZ

1234567890&$%@

ARIAL REGULAR

abcdefghijklmnñopqrstuvwxyz

ABCDEFGHIJKLMNÑOPQRSTUVWXYZ

1234567890&$%@

ARIAL BOLD

abcdefghijklmnñopqrstuvwxyz

ABCDEFGHIJKLMNÑOPQRSTUVWXYZ

1234567890&$%@ I

ARIAL BLACK

abcdefghijklmnñopqrstuvwxyz

ABCDEFGHIJKLMNÑOPQRSTUVWXYZ

1234567890&$%@

CUBERTA

Tamaño: 30×21 cm.

Tapa anterior ou anverso da cuberta.

– Imaxe: situarase na marxe superior.

– Título (unidade editora): tipografía: Arial Bold/black cp. 14 Arial light cp. 15.

Situarase a 5,5 cm da marxe superior e aliñarase á esquerda.

– Grafismo «m» de memoria na parte superior:

Cor Pantone Process Cian.

Situado a 7 cm da marxe superior.

Tamaño de 3×2 cm.

– Grafismo «m» de memoria na parte inferior:

Cor Pantone Process Cian.

Situado a 1 cm da marxe inferior.

Tamaño de 0,8×0,5 cm.

– Logotipo Xunta de Galicia: centrado a 1 cm da marxe inferior, en Pantone negro.

Tapa posterior ou reverso da cuberta.

– Grafismo «m» de memoria na parte superior:

Cor Pantone Process Cian.

Situado a 7 cm da marxe superior.

Tamaño de 3×2 cm.

– Marca gráfica da Xunta de Galicia, centrado e situado a 1 cm da marxe inferior.

LOMBO

Título (unidade editora) centrado e coa súa lectura en sentido descendente, o símbolo corporativo da Xunta de Galicia situarase a 1 cm da marxe inferior.

PORTADA

Tamaño: 30×21 cm.

O rectángulo terá un tamaño de 4×13,5 cm e de cor Pantone Process Cian.

– Título (unidade editora):

• Tipografía: Arial Bold/black cp. 14 Arial light cp. 15.

• Cor branca.

• Situarase a 1,5 cm da marxe superior e aliñarase á esquerda.

– Grafismo «m» de memoria na parte superior dereita a 1,5 cm da marxe superior, de tamaño 0,8×0,5 cm e cor branca.

– Logotipo da Xunta de Galicia centrado a 2,5 cm da marxe inferior en Pantone negro.

PÁXINA DE CRÉDITOS/IDENTIFICACIÓNS

Na parte inferior da páxina, en texto, deberá ir a seguinte información:

Edita:

Lugar:

Ano:

D.L.

Queda a criterio da unidade editora incorporar outro tipo de información como copyrights, licenzas Creative Comons...

NOTA

Para a edición das memorias terase en conta o disposto no Manual de identidade visual corporativa, institucional da Xunta de Galicia, aprobado pola Orde do 18 de febrero de 2010 (DOG do 19 de febreiro), o Decreto 121/2011, do 16 de xuño, polo que se aproba a marca turística de Galicia e se regula a súa utilización e o Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, aprobado pola Resolución do 4 de xullo de 2012.

ANEXO II
Modelos

missing image file
missing image file