Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2017 Páx. 47439

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 14 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 14 de setembro de 2017, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común dos montes veciñais Foral de Rubillón e Comunal de Couso, no concello de Avión.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común de Foral de Rubillón e de Comunal de Couso, no concello de Avión, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 13 de febreiro de 2017, José Manuel Amaro Merelles, como presidente da Xunta Reitora da CMVMC de Rubillón, presentou un escrito no Rexistro do Portelo Único do Concello de Beariz (nº de entrada 7) en que comunicou ao Servizo de Montes a realización dun acto de deslindamento entre os montes veciñais de Foral de Rubillón e Comunal de Couso.

O citado acto foi celebrado no Xulgado de Paz de Avión o día 27 de xaneiro de 2017, logo de autorización das asembleas xerais respectivas.

Segundo. O Servizo de Montes remitiu ao Xurado Provincial a documentación relativa ao citado acto, co obxecto de que se ditase resolución aprobatoria, de acordo co previsto no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Terceiro. Na acta de deslindamento recoñécese que o lindeiro destes montes é o seguinte:

Iníciase a liña de deslindamento de ambos os montes comunais co establecemento do primeiro marco, denominado Caseta do Forestal (número 1), que é unha caseta que foi utilizada para vixilancia no seu día polo servizo forestal (...) Desde o vértice noroeste da caseta imos cara ao seguinte marco (número 2), situado a uns metros, ao norte, do depósito forestal do Comunal de Couso e coas coordenadas expresadas na memoria, desde onde arranca un regato, xunto á pista forestal, ao que denominan Regato de Arandeira, continuando o deslindamento polo curso do regato ata a presa (número 3), feita en formigón, pertencente á vila de Liñares e, desde este punto, trázase unha liña recta cara ao marco denominado Cruz de Poutegal (número 4), cruz realizada sobre unha rocha, que ten unhas medidas de 20×20 cm. Desde aquí vaise ao seguinte marco denominado Outeiro Furado (número 5), que é unha rocha estreita e lineal sobre o terreo que ten un oco que permite a visión a un lado e a outro da rocha. Desde o marco Outeiro Furado trázase unha liña recta imaxinaria cara ao seguinte marco denominado Caseta do Polvorín de Valiño ou da Mina (número 6), que tamén está e estivo sempre fóra do monte veciñal, polo que o linde conclúe cos predios particulares.

Cuarto. As estremas acordadas están perfectamente definidas mediante a acta de deslindamento e as coordenadas e planos que figuran na memoria. O deslindamento supón a modificación das superficies dos montes en 70.07 ha, de xeito que a superficie do monte veciñal Foral de Rubillón se incrementa, pasando dunha superficie de 145 ha a 215,07 ha, e a superficie do monte veciñal Comunal de Couso diminúe, pasando dunha superficie aproximada de 1.136 ha a 1.065,93 ha.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común acordou por unanimidade o día 24 de maio de 2017:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre as comunidades propietarias dos montes veciñais de Foral de Rubillón e Comunal de Couso, do concello de Avión, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 14 de setembro de 2017

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense