Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2017 Páx. 47357

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 2 de outubro de 2017 pola que se modifica a Orde do 6 de maio de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

O 23 de maio de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 6 de maio de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

O programa de creación e posta en marcha de casas niño diríxese a apoiar a posta en funcionamento de experiencias piloto nos núcleos rurais de Galicia que, por mor da súa escaseza de poboación, carecen de recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, coa finalidade de que as ditas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de conciliación formalmente regulados baixo a denominación de casas niño.

Mediante a Orde do 6 de maio de 2016 realizouse a primeira convocatoria destas experiencias piloto para os exercicios 2016 a 2019.

No Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño de 2017 publícase a Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se convocan de novo estas axudas para os exercicios 2017 a 2020. Nesta segunda convocatoria mellórase o procedemento de xestión das axudas. En concreto, para a prima polo desenvolvemento do proxecto, ademais de incluír un pagamento anticipado de ata o 80 % da subvención concedida para a primeira anualidade, inclúense anticipos de pagamento de ata o 35 % da subvención concedida para o resto das anualidades. Esta mellora ten por finalidade que as persoas beneficiarias conten coa liquidez suficiente para facer fronte aos gastos da primeira fase do proxecto.

Polo tanto, resulta coherente modificar a orde de convocatoria para os exercicios 2016 a 2019 para incluír esta mellora do programa coa incorporación dos pagamentos anticipados de ata o 35 % na prima polo desenvolvemento do proxecto, nos próximos exercicios 2018 e 2019.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de maio de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019.

Engádese un segundo parágrafo no punto 2.2.2 do artigo 21 da Orde do 6 de maio de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2016, 2017, 2018 e 2019, coa seguinte redacción:

«Nas anualidades 2018 e 2019 realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 35 % da subvención que corresponda por este concepto. O importe restante destas anualidades librarase logo da xustificación por parte das persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde e da comprobación material destes puntos».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social