Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 5 de outubro de 2017 Páx. 47064

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2017 pola que se aproban os criterios e procedemento para autorizar a ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos autonómicos da competencia deste organismo.

Antecedentes.

De acordo coa normativa vixente e en virtude das atribucións conferidas na Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público e o seu regulamento, o presidente de Portos de Galicia, con data do 1 de xuño de 2017, resolveu:

– Aprobar os criterios que regularán a tipoloxía de espectáculos públicos e actividades recreativas autorizables nos portos, tentando homoxeneizar con outros organismos competentes a tramitación pertinente en consonancia coa lexislación vixente, así como o procedemento de solicitude e autorización.

– Abrir o prazo de presentación de solicitudes desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución.

Para que a solicitude poida ser tida en conta, deberá ser presentada no rexistro de Portos de Galicia cunha anterioridade mínima de 2 meses ao inicio do evento, contado desde o primeiro día en que se solicite a ocupación do espazo portuario. Non serán admitidas as propostas presentadas fóra deste prazo, agás os supostos incluídos no punto 2 da cláusula sétima da resolución.

As solicitudes xunto coa documentación indicada na cláusula 6 da resolución terán que presentarse, das 9.00 ás 14.00 horas, mediante escrito dirixido ao presidente do ente público Portos de Galicia, na sede da zona de Portos de Galicia da cal dependa o porto onde se solicita o evento, nos seguintes enderezos:

Zona norte: Nicomedes Pastor Díaz, 13, 1º, 27002 Lugo.

Zona centro: Alférez Provisional, 5, 1º, 15006 A Coruña.

Zona sur: Víctor Sáid Arnesto, 1, plantas 1º e 2º, 36001 Pontevedra.

Tamén se poderá solicitar nos servizos centrais de Portos de Galicia, sitos no Edificio da Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, 15707 Santiago de Compostela.

A resolución regula as seguintes epígrafes:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

Segunda. Normativa

Terceira. Órgano competente

Cuarta. Tipos de eventos

Quinta. Entidades solicitantes

Sexta. Documentación xeral

Sétima. Tramitación da solicitude

Oitava. Control e organización do espectáculo público ou actividade recreativa

Novena. Fornecementos

Décima. Normas de contaminación acústica

Décimo primeira. Aboamento das taxas portuarias

Decimo segunda. Contido da autorización precarial de ocupación de dominio público portuario

Décimo terceira. Extinción das autorizacións de ocupación de dominio público

Décimo cuarta. Revogación

Final. Entrada en vigor

E inclúe os seguintes anexos:

Anexo I. Solicitude con destino á celebración de festas e outros eventos similares en instalacións portuarias de competencia autonómica.

Anexo II. Escrito de aceptación de condicións e de responsabilidades para particulares.

Anexo III. Escrito de aceptación de condicións e de responsabilidades para concellos.

Anexo IV. Importe de garantías e seguros.

Anexo V. Condicións da autorización de ocupación de superficie portuaria con destino á celebración de espectáculos público ou actividades recreativas.

O texto integro da resolución atópase á disposición do público para o seu exame das 9.00 ás 14.00 horas, nas oficinas das zonas localizadas en Lugo, A Coruña e Pontevedra e nos servizos centrais de Portos de Galicia, sitas nos enderezos indicados anteriormente, ou na páxina web www.portosdegalicia.gal

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución facéndoa pública.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia