Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46745

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 92/2017, do 7 de setembro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o ordinal primeiro do artigo 81 daquela, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado o punto 30 do número 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no artigo 6 que se entende por currículo a regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas. Así mesmo, no seu artigo 51 establece que as ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño se organizarán en ciclos de formación específica, que incluirán unha fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres.

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, define estas e establece a súa finalidade e obxectivos, ordenándoas e fixando as ensinanzas mínimas, e encomenda ás administracións educativas o establecemento do currículo correspondente a cada título, de acordo co establecido no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, e nas normas que regulan os títulos respectivos.

Unha vez publicado o Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía pertencente á familia de Escultura, e se fixa o correspondente curriculo básico, e tendo en conta o Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, corresponde ao Consello da Xunta establecer o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sinalando os seus obxectivos, as súas competencias e os seus contidos.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño, herdeiras das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos no noso sistema educativo, asumen a transmisión das prácticas artísticas imprescindibles para a renovación e mellora de produtos, ambientes e mensaxes e para o crecemento do patrimonio artístico. Para iso, estas ensinanzas artísticas profesionais sitúan a innovación tecnolóxica, a apreciación artística e a sólida formación nos oficios das artes e o deseño no contexto da dimensión estética e creadora do humano, calidade determinante para o crecemento patrimonial e dos valores de identidade, de expresión persoal e de comunicación social.

Neste sentido, o obxectivo básico do título regulado neste decreto é o de atender as necesidades de formación de técnicos/as superiores especialistas nas técnicas de dourado, prateado e policromía, e xuntar o coñecemento de materiais, procedementos técnicos e novas tecnoloxías coa cultura e a sensibilidade artística para constituír a garantía de calidade demandada hoxe polos sectores produtivos, artísticos e culturais vinculados ao ámbito desta especialidade.

O ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía está integrado por módulos de duración variable que cobren aspectos da formación do/da alumno/a, concibidos como áreas homoxéneas de coñecemento, capacidades e habilidades. As capacidades terminais de cada módulo describen o comportamento do/da alumno/a en termos de resultados avaliables, requiridos para acadar as competencias básicas que integran a competencia xeral. A constatación destas competencias, en termos de avaliación positiva, garante a validez do título en todo o Estado e a súa correspondencia europea.

Os contidos curriculares relacionados non constitúen unicamente unidades temáticas, senón que os concretará o equipo docente do ciclo formativo, de xeito que todos eles queden organizados temporal e transversalmente seguindo un criterio propedéutico que garanta que todos os contidos se imparten sen que se produzan solapamentos entre os diferentes módulos. Esta programación de ciclo formativo terá en conta os elementos establecidos no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e comprenderá, así mesmo, a metodoloxía didáctica e as actividades formativas non periódicas que se consideren necesarias, e servirá finalmente de punto de partida para a programación de aula que cada docente faga e aplique no módulo que imparta.

Asemade, e de acordo co artigo 13 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, o currículo que se establece neste decreto permitirá que os centros docentes que o impartan, mediante a posta en marcha do seu proxecto educativo, e a través das programacións didácticas de cada un dos módulos que o integran, o desenvolvan e completen, tomando en consideración as características do contexto social e cultural, as necesidades do alumnado, con especial atención ás de quen presente unha discapacidade, e as posibilidades formativas da contorna.

A fase de formación práctica facilitará o desenvolvemento das capacidades sociolaborais que requiran ser completadas e verificadas nunha contorna real de traballo, así como aqueloutras necesarias para completar as competencias profesionais acadadas no centro educativo.

O módulo de proxecto integrado nos ciclos formativos de grao superior ten por obxecto que o alumnado sexa capaz de integrar, aplicar e valorar os coñecementos, destrezas e capacidades específicas do campo profesional da especialidade a través da formulación e realización dun proxecto axeitado ao nivel académico cursado, que evidencie rigor técnico, cultura plástica, expresión artística, sensibilidade estética e posibilidade de realización e viabilidade.

Finalmente, na aplicación deste decreto por parte dos centros docentes terase en conta o establecido no Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como o disposto nos artigos 9, 14 e 22 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Escolar de Galicia, co ditame previo do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, de acordo co establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, e no Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, e se fixa o correspondente currículo básico.

CAPÍTULO II
Identificación do título, perfil profesional, ámbito profesional e prospectiva do título no sector

Artigo 2. Identificación do título

De acordo co disposto no número 1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía identifícase polos seguintes elementos:

Denominación: técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

Nivel: grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, correspondente ao nivel 1 do Marco español de cualificacións para a educación superior
(MECES), segundo o establecido polo Real decreto 1027/2011, do 15 de xullo.

Duración: dúas mil horas.

Familia profesional artística: Escultura.

Referente europeo: CINE-5b (Clasificación internacional normalizada da educación).

Artigo 3. Perfil profesional do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía

O perfil profesional do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía determínase pola súa competencia xeral e polas súas competencias profesionais.

Artigo 4. Competencia xeral

De conformidade co establecido no número 2.1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, polo que se establece o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, pertencente á familia profesional artística de Escultura, e se aproban as correspondentes ensinanzas mínimas, a competencia xeral do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía consiste en:

a) Realizar o dourado, o prateado e a policromía de obra artística, con calidade técnica e artística, a partir do proxecto propio ou dun encargo profesional determinado.

b) Planificar o proceso de realización mediante a definición dos aspectos formais, funcionais, materiais, estéticos e de produción.

c) Organizar e levar a cabo as diferentes fases do proceso garantindo a seguridade das operacións e realizando os controis de calidade correspondentes ata a obtención do produto rematado, con garantía de calidade e seguridade.

d) Colaborar co/coa conservador/a-restaurador/a na identificación dos danos, na elaboración da documentación gráfica e técnica do proxecto e aplicar as técnicas e os procedementos idóneos para a restauración de dourados e policromías, a partir das instrucións e documentación elaborada por conservadores/as-restauradores/as de bens culturais.

Artigo 5. Competencias profesionais

De acordo co disposto no número 2.2 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, as competencias profesionais do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía son as que se relacionan:

a) Definir as características formais, funcionais, técnicas, materiais e estéticas dun proxecto propio ou dun encargo dado, para realizar obra dourada e polícroma.

b) Realizar planos, bosquexos e debuxos con técnicas de cor, así como elaborar maquetas e modelos para visualizar o resultado final das obras de dourado, prateado e policromía.

c) Avaliar danos e definir propostas de actuación para a restauración do dourado e da policromía da obra escultórica baixo a dirección do/da conservador/a-restaurador/a.

d) Planificar e levar a cabo o proceso de dourado e policromado de obras de carácter escultórico, atendendo ás características da peza e ás especificacións do proxecto.

e) Realizar os controis de calidade correspondentes a cada momento do proceso de elaboración co fin de garantir a calidade técnica e artística das pezas e efectuar a montaxe destas.

f) Coñecer, seleccionar, preparar e utilizar os materiais máis axeitados ás especificacións técnicas, formais, funcionais e estéticas do proxecto.

g) Coñecer as especificacións técnicas das ferramentas, equipamentos, útiles e maquinaria ao seu cargo e organizar as medidas de mantemento periódico destes.

h) Coñecer os diferentes sistemas decorativos con xesos.

i) Coñecer e utilizar as principais técnicas de dourado e prateado.

j) Elaborar as distintas posibilidades decorativas polícromas propias desta especialidade: policromías decorativas ornamentais, encarnaduras, corlados, estufados, pátinas de imitación e avellentamentos, entre outras.

k) Aplicar técnicas de dourado, prateado e policromía na recuperación e mantemento en elementos escultóricos.

l) Coñecer e aplicar as principais técnicas e procedementos básicos de conservación e restauración de dourado e policromía.

m) Establecer as condicións que garantan a seguridade das operacións de elaboración e a prevención dos posibles riscos derivados da súa actividade profesional.

n) Asesorar e coordinar grupos de traballo, organizar o proceso produtivo e creativo e transmitir con precisión a información axeitada para conseguir o resultado idóneo, tanto no traballo en equipo coma na obtención do produto dourado, prateado e policromado final.

ñ) Organizar, administrar e xestionar un taller de dourado e policromía artísticos, ben sexa como persoa asalariada, autónoma ou en cooperativa, considerando aqueles factores artísticos, técnicos, económicos e de seguridade imprescindibles no traballo.

o) Elaborar orzamentos en que se definan os materiais e procedementos que de deban empregar, e se calculen os custos a partir dos requisitos técnicos, funcionais e estéticos, así como a rendibilidade do traballo que se vai realizar.

Artigo 6. Ámbito profesional

Segundo o establecido no número 3.1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía desenvolve a súa actividade como profesional autónomo ou como traballador/a por conta allea, en empresas e talleres de carácter artesanal ou artístico relacionados coa execución de proxectos e acabados polícromos de obras artísticas ou artesanais de dourado, prateado e policromía, realizando o seu labor no marco das funcións e obxectivos asignados ao seu posto de traballo e coordinando pequenos grupos de traballo de profesionais de inferior nivel ou baixo a dirección do/da conservador/a-restaurador/a en traballos de restauración de elementos escultóricos dourados ou policromados.

Artigo 7. Prospectiva do título no sector

1. De conformidade co establecido no número 3.2 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, a persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía pode exercer a súa profesión no sector artesán relacionado cos proxectos de realización e restauración de dourado e acabados polícromos en obras artísticas ou artesanais, entre outros, no sector das artes plásticas e noutros sectores de produción industrial que requiran os seus servizos, e naqueloutras empresas enmarcadas noutros sectores da produción industrial ou da construción que requiran servizos deste/a profesional. Así mesmo, pode integrarse en empresas do sector da conservación e restauración de bens culturais en asociación ou baixo a dirección de conservadores/as-restauradores/as de bens culturais.

2. A persoa que obtén o título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía é un/unha profesional cualificado/a para desenvolver os seguintes postos de traballo e ocupacións, segundo o establecido no número 3.2 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo:

a) Encargado/a de taller de dourado, prateado e policromía.

b) Dourador/a, prateador/a e policromador/a de obras artísticas.

c) Decorador/a de obras artísticas de dourado e policromía.

d) Asistencia técnica en restauración de dourado, prateado e policromía.

CAPÍTULO III
Ensinanzas do ciclo formativo e parámetros básicos

Artigo 8. Obxectivos xerais do ciclo formativo

Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao superior correspondentes ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía son, segundo o disposto no número 4.1 do anexo I do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, os seguintes:

a) Analizar e planificar a produción ou restauración de obras de dourado, prateado e policromía artísticos de acordo cunha secuenciación lóxica de fases, operacións e procedementos, desenvolver as diferentes técnicas de realización propias da especialidade e xerar a documentación e información artísticas e técnicas do proceso.

b) Acadar unha visión global e ordenada dos procesos de realización, da organización empresarial e da comercialización propias da actividade profesional.

c) Utilizar con propiedade as técnicas de expresión artístico-plástica na busca e definición das características formais das obras de dourado, prateado e policromía.

d) Identificar os danos, realizar propostas de actuación e aplicar técnicas e procedementos apropiados para a restauración do dourado e a policromía de elementos escultóricos baixo a dirección do/da conservador/a-restaurador/a de bens culturais.

e) Analizar a evolución das tendencias estéticas e artísticas que inflúen na realización de obras artísticas de dourado, prateado e policromía na actualidade, e valorar os condicionantes simbólicos e comunicativos que contribúen a configurar o gusto do público consumidor.

f) Aplicar os criterios de control de calidade e resolver os problemas artísticos e tecnolóxicos que se formulen durante o proceso de realización de obras de dourado, prateado e policromía, co fin de obter resultados acordes cos parámetros de calidade artística e técnica requiridos.

g) Coñecer as especificacións técnicas e utilizar con destreza os equipos e maquinaria específicos para realizar de obras artísticas de dourado, prateado e policromía.

h) Exercer a súa actividade profesional con respecto ao marco legal, económico e organizativo que a regula e condiciona, con iniciativa e responsabilidade e nas condicións de seguridade e hixiene axeitadas, e implementar as medidas preventivas necesarias para non incidir negativamente no ambiente.

i) Iniciarse na busca de procedementos, materiais, técnicas e procesos creativos e artísticos relacionados coas técnicas de dourado, prateado e policromía.

j) Fomentar o espírito emprendedor e adaptarse en condicións de competitividade aos cambios tecnolóxicos e organizativos do sector; buscar, escoller e utilizar canles de información e formación continua relacionados co sector profesional.

k) Utilizar as técnicas de dourado, prateado e policromía artísticos na recuperación de elementos escultóricos do patrimonio cultural.

l) Analizar e valorar a participación, o respecto, a tolerancia e a igualdade de oportunidades, para desenvolver os valores do principio de igualdade de trato e non discriminación entre homes e mulleres nin por ningunha outra condición nin circunstancia persoal nin social, así como a prevención da violencia de xénero e o coñecemento da realidade homosexual, transexual, transxénero e intersexual.

m) Sensibilizar coa prevención da violencia de xénero.

n) Identificar e definir os aspectos artístico-plásticos, formais, estruturais, funcionais, materiais, técnicos, organizativos e económicos que configuran o proxecto ou encargo de elaboración do dourado, prateado e policromía de pezas únicas ou seriadas de obras orixinais.

Artigo 9. Obxectivos básicos, contidos e criterios de avaliación dos módulos formativos

Os obxectivos básicos, contidos e criterios de avaliación dos módulos formativos son os establecidos no anexo I.

1. Os obxectivos básicos defínense como a capacidade do alumnado para levar a cabo, con eficiencia e eficacia, as tarefas profesionais definidas nos obxectivos xerais do ciclo.

2. Os contidos, expresados en relación con cada un dos módulos que integran o currículo, constitúen o enunciado da área de coñecemento que lle é propia, e serán suficientemente desenvolvidos e delimitados na súa extensión e nivel polo equipo docente do ciclo formativo.

3. Os criterios de avaliación definen aspectos da actividade do alumnado e aspectos dos resultados prácticos desta que permiten, en relación coas capacidades terminais de cada módulo, valorar segundo unha escala o grao de consecución das ditas capacidades e competencias.

Artigo 10. Espazos, equipamento, instalacións e condicións materiais

1. Os requisitos de espazos, equipamento, instalacións e condicións materiais que deben reunir os centros de ensino que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía da Comunidade Autónoma de Galicia son os que se determinan nos artigos 3 e 12 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo.

2. De conformidade co Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, os espazos disporán da superficie necesaria e suficiente para desenvolver as actividades de ensino dos módulos profesionais que se imparten en cada un deles. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) A superficie establecerase en función do número de persoas que ocupen o espazo formativo e do tipo de ensino e deberá permitir o desenvolvemento das actividades formativas de ensino coa ergonomía e a mobilidade requiridas dentro deste.

b) Deberán cubrir a necesidade espacial de mobiliario, equipamento e instrumentos auxiliares de traballo.

c) Deberán respectar os espazos ou superficies de seguridade que exixan as máquinas e equipamentos en funcionamento.

d) Respectarán a normativa sobre prevención de riscos laborais, a normativa sobre seguridade e saúde no posto de traballo e cantas outras normas sexan de aplicación.

3. De conformidade co Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, os equipamentos que se inclúen en cada espazo serán os necesarios e suficientes para garantir a calidade do ensino. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) O equipamento (equipos, máquinas e outros) disporá da instalación necesaria para o seu correcto funcionamento, cumprirá coas normas de seguridade e prevención de riscos e con cantas outras sexan de aplicación.

b) A cantidade e as características do equipamento deberán estar en función do número de alumnado e permitir a adquisición dos resultados de aprendizaxe, tendo en conta os criterios de avaliación e os contidos que se inclúen en cada un dos módulos profesionais que se impartan nos referidos espazos.

Artigo 11. Competencia docente

As competencias docentes do persoal funcionario pertencente ao corpo de profesores/as de Artes Plásticas e Deseño e ao de mestres/as de taller de Artes Plásticas e Deseño para impartir dos módulos correspondentes ás ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía son as determinadas no anexo II.

CAPÍTULO IV
Acceso ao ciclo formativo, acceso a outros estudos, exencións
e validacións

Artigo 12. Requisitos de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía

1. Conforme o artigo 52.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 14.2 e a disposición adicional cuarta do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, para acceder ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía será necesario estar en posesión do título de bacharel ou título declarado equivalente para os efectos de acceso.

2. Así mesmo, para acceder ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, ademais dos requisitos académicos recollidos no punto anterior, deberase superar unha proba específica que permita demostrar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. A consellería competente en materia de educación convocará, polo menos unha vez ao ano, a dita proba específica.

Artigo 13. Exencións da proba específica de acceso ao ciclo formativo

1. De conformidade co establecido no artigo 15 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, estará exento/a de realizar a proba específica de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía a que se refire o artigo anterior, quen estea en posesión de:

a) Calquera título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño da familia profesional artística de Escultura, ou título declarado equivalente.

b) Título de bacharel, na modalidade de artes, ou de bacharelato artístico experimental.

c) Título superior de Artes Plásticas ou título superior de Deseño nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

d) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.

e) Licenciatura en Belas Artes.

f) Arquitectura.

g) Enxeñaría técnica en Deseño Industrial.

2. Quen, estando en posesión do título de bacharel ou título declarado equivalente, acredite ter una experiencia laboral de polo menos un ano en tarefas directamente relacionadas coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía tamén poderá estar exento/a de realizar a proba específica de acceso, para o cal debe achegar a certificación da empresa na cal adquiriu a experiencia laboral e onde conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores/as por conta propia, deberá achegarse certificación de alta no censo de obrigados/as tributarios/as. O órgano competente para resolver sobre as solicitudes de exención da proba específica de acceso ao ciclo formativo será o tribunal avaliador da dita proba.

Artigo 14. Acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía para quen non reúna os requisitos académicos

1. Conforme o artigo 52.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá acceder ao grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño sen estar en posesión dos requisitos académicos de acceso establecidos no artigo 12.1 deste decreto quen acredite, mediante a superación dunha proba de acceso, posuír a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, ademais das aptitudes e dos coñecementos artísticos necesarios a que se refire o artigo 12.2, e teña como mínimo 19 anos feitos no ano de realización da proba, ou 18 anos se acredita estar en posesión dun título de técnico relacionado con aquel ao cal se desexa acceder.

2. Esta proba de acceso constará de dúas partes:

a) Parte xeral: versará sobre os coñecementos e capacidades básicas das disciplinas comúns do bacharelato.

b) Parte específica: a proba permitirá valorar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

3. Quedará exento/a da realización da parte xeral da proba de acceso sinalada no artigo 14.2 quen superase a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Así mesmo, quedará exento/a da realización da parte específica da proba de acceso sinalada no punto anterior quen acredite ter unha experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía. Para iso deberá achegar a documentación sinalada no artigo 13.2.

Artigo 15. Regulamentación e validez das probas de acceso

1. A estrutura, contidos, criterios de avaliación e organización das probas de acceso a que se refiren os artigos 12 e 14 serán determinados pola consellería competente en materia de educación, facilitando o acceso ao alumnado con discapacidade que o requira.

2. As cualificacións das probas de acceso expresaranse en termos numéricos, segundo unha escala de cero a dez, con dous decimais, será preciso acadar unha cualificación igual ou superior a cinco para a súa superación.

3. As probas de acceso ao ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía terán validez en todo o territorio nacional e a súa superación dará dereito a matricularse, conforme a normativa en vigor, no ciclo formativo correspondente, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas nos diferentes centros.

4. A superación da parte xeral da proba de acceso regulada no artigo 14.2 terá validez para posteriores convocatorias.

Artigo 16. Reserva de prazas

A consellería competente en materia de educación poderá establecer, no ámbito das súas competencias, unha porcentaxe de prazas de reserva para acceder ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño nos supostos recollidos nos artigos 15 e 16 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

Artigo 17. Efectos do título e acceso a outros estudos

1. A superación da totalidade dos módulos que integran o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía dará dereito á obtención do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

2. O título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía ten carácter oficial e validez académica e profesional en todo o territorio nacional. Acredita o nivel de formación, as competencias profesionais que contén e produce os efectos establecidos na lexislación vixente, sen que iso constitúa regulación do exercicio profesional.

3. O título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía permitirá o acceso a calquera outro ciclo formativo de grao medio ou superior das ensinanzas artísticas profesionais, coa exención da proba específica naqueles casos previstos no artigo 15 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, segundo o establecido no artigo 6.1 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo.

4. O título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía dará dereito ao acceso directo aos estudos superiores de Deseño, aos estudos superiores de Artes Plásticas e aos estudos superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, de acordo co disposto no artigo 22.4 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

A consellería con competencias en materia de educación recoñecerá créditos destas ensinanzas superiores ao alumnado que estea en posesión do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Técnicas Escultóricas, de conformidade co establecido no artigo 10.2 dos reais decretos 633/2010, 634/2010 e 635/2010, todos eles do 14 de maio, e polos que se regula respectivamente, o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de Deseño, de Artes Plásticas nas especialidades de Cerámica e Vidro, e de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e segundo o disposto no Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da educación superior.

5. O título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía dará dereito ao acceso aos estudos universitarios que se determinen, de acordo coa normativa en vigor sobre os procedementos de ingreso na universidade e tendo en conta a súa relación coas ensinanzas correspondentes, segundo o disposto no artigo 22.5 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

6. O título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía permitirá o acceso ao bacharelato, de acordo co disposto no artigo 22.3 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio.

7. De conformidade co disposto no artigo 6.5 do Real decreto 218/2015, do 27 de marzo, asígnanse 120 créditos ECTS á totalidade do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, distribuídos entre os módulos profesionais correspondentes.

Artigo 18. Validacións, recoñecementos e exencións

1. Validacións:

a) A relación de módulos do ciclo formativo de Dourado, Prateado e Policromía regulado no presente decreto que se validan por módulos cursados e superados en ciclos formativos de grao superior da familia profesional artística de Escultura, de conformidade co establecido no artigo 7.1 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, é a establecida no anexo III, segundo o procedemento en vigor.

b) A relación de módulos do ciclo formativo de Dourado, Prateado e Policromía regulado no presente decreto que se validan por módulos cursados e superados en ciclos formativos de grao superior da familia profesional de Artes Aplicadas da Escultura, regulados no Real decreto 1843/1994, do 9 de setembro , de conformidade co establecido no artigo 7.2 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, é a establecida no anexo IV, segundo o procedemento en vigor.

c) O módulo profesional de Formación e Orientación Laboral será obxecto de validación sempre que se superase nun ciclo formativo de artes plásticas e deseño, segundo o establecido no artigo 7.3 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo.

d) De conformidade co establecido no artigo 7.4 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, as validacións a que se refiren as letras a), b) e c) do número 1 do artigo 18 serán recoñecidas pola dirección do centro docente público en que estea matriculado o alumnado, ou ao que estea adscrito o centro privado autorizado de artes plásticas e deseño en que estea matriculado o alumnado, de acordo co procedemento e os requisitos establecidos na normativa básica de validacións de ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño.

2. Recoñecementos:

a) Os módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, regulado neste decreto, que se recoñecerán para os efectos da incorporación do alumnado a este, por módulos do ciclo formativo de grao medio de Artes Plásticas e Deseño en Dourado e Policromía Artísticos, cursados e superados en plans de estudos establecidos ao abeiro do Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto, son os establecidos no anexo V.

b) Os módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía regulado neste decreto, que o alumnado deberá cursar cando se incorpore a el, procedente do ciclo formativo de grao medio de Artes Plásticas e Deseño en Dourado e Policromía Artística, cursado segundo plans de estudos establecidos ao abeiro do Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto, son os establecidos no anexo VI.

c) Os módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, regulado neste decreto, que se recoñecerán para os efectos da incorporación do alumnado a este, por módulos do ciclo formativo de grao medio de Artes Plásticas e Deseño en Dourado e Policromía Artísticos, cursados e superados segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 119/2002, do 7 de marzo, son os establecidos no anexo VII.

d) O procedemento e os requisitos para o recoñecemento dos citados módulos serán os establecidos na normativa vixente.

3. Exencións:

a) Os módulos integrados no ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía regulado neste decreto, que poderán ser obxecto de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral, de acordo co artigo 24 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, e co Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, son os que figuran no anexo VIII.

b) Con carácter xeral determinarase a exención total ou parcial da fase de formación práctica en empresas, estudos ou talleres, sempre que se acredite unha experiencia laboral de, polo menos, un ano nun campo profesional directamente relacionado co do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía regulado neste decreto.

c) A consellería competente en materia de educación regulará o procedemento para recoñecer as exencións. En calquera caso, para acreditar a experiencia laboral deberá presentarse a documentación que se indica no artigo 13.2. Os módulos e a fase de formación práctica que fosen obxecto de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral figurarán no expediente académico do/da alumno/a coa expresión de «exento/a».

4. En ningún caso será obxecto de validación, recoñecemento ou exención o módulo de Proxecto Integrado, ao ter por obxecto a integración dos coñecementos, destrezas e capacidades específicas do campo profesional da especialidade de Dourado, Prateado e Policromía a través da realización dunha obra ou proxecto axeitado ao nivel académico cursado, segundo o establecido no artigo 7.8 do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo.

CAPÍTULO V
Ordenación académica e docencia

Artigo 19. Ordenación dos módulos

1. As ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía estrutúranse en cursos académicos e organízanse en módulos formativos de duración variable impartidos no centro educativo, máis a fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres.

2. Nos módulos de formación do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía impartidos nos centros manterase unha relación numérica máxima de profesorado/alumnado de 1/30 para as clases teóricas e teórico-prácticas e de 1/15 nas clases prácticas e talleres. Para a parte de carácter práctico do módulo de Proxecto Integrado contarase coa titoría individualizada do profesorado que imparta docencia no ciclo formativo.

3. Para os efectos sinalados no número anterior, no número 2.1 do anexo I clasifícanse os módulos segundo o seu carácter teórico, teórico-práctico e práctico ou talleres.

Artigo 20. Desenvolvemento curricular

1. Os centros que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía desenvolverán e completarán o currículo establecido neste decreto mediante a posta en práctica do seu proxecto educativo e a implementación de programacións didácticas que tomen en consideración as características da contorna social e cultural, a integración transversal da perspectiva de xénero, as necesidades do alumnado, con especial atención ás de quen presente unha discapacidade, e as posibilidades formativas da contorna.

2. O proxecto educativo do centro incluirá ademais, a distribución das capacidades terminais, os contidos e os criterios de avaliación de cada módulo e a súa programación de aula.

3. Os/as profesores/as desenvolverán a programación de aula de acordo co currículo do ciclo e co proxecto educativo do centro docente, tendo en conta que a metodoloxía didáctica das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño integrará os aspectos artísticos, científicos, técnicos, tecnolóxicos e organizativos propios deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, co fin de que o alumnado acade unha visión global dos procesos e procedementos propios da obra escultórica.

4. Os proxectos educativos dos centros completarán e desenvolverán os elementos necesarios para garantir que o alumnado do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía acade e desenvolva as competencias incluídas no currículo en «deseño para todas as persoas».

As programacións que desenvolvan o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía incluirán contidos relacionados coa realidade cultural e artística propia de Galicia, en función da natureza de cada módulo e na medida en que o seu carácter teórico, teórico-práctico ou práctico o permita.

CAPÍTULO VI
Avaliación e mobilidade do alumnado

Artigo 21. Avaliación do alumnado

1. A avaliación das ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía será continua e terá en conta o progreso e a madureza académica do alumnado en relación cos obxectivos xerais e coas competencias profesionais propias do ciclo formativo.

2. A avaliación levarase a cabo de maneira diferenciada para cada módulo, tomando como referencia os obxectivos de cada un deles, expresados en termos de competencias, capacidades e habilidades, e os seus respectivos criterios de avaliación establecidos neste decreto, completados e organizados polos correspondentes equipos docentes e programados polos/as docentes que os imparten. En calquera caso, a aplicación do proceso de avaliación continua do alumnado requirirá a súa asistencia regular ás clases e ás actividades lectivas programadas.

3. Os resultados da avaliación final de cada módulo expresaranse en termos de cualificación de acordo cunha escala numérica de cero a dez. Consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes.

4. Na avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres colaborará o/a responsable da formación de alumnado designado polo centro de traballo durante a estadía do/a alumno/a nela. Os resultados desta avaliación expresaranse en termos de «apto-a/non apto-a». Para superar a fase de formación práctica en estudios, empresas e talleres o alumnado disporá de dúas convocatorias.

5. O número máximo de convocatorias para superar cada módulo será de catro. A consellería competente en materia de educación establecerá o procedemento para a solicitude e concesión dunha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade, discapacidade ou outros que impidan o normal desenvolvemento dos estudos.

6. A consellería competente en materia de educación establecerá as condicións para anular a matrícula e para renunciar á convocatoria de todos ou algúns dos módulos que integran o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, incluída a fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres. A renuncia á convocatoria reflectirase nos documentos de avaliación coa expresión «renuncia».

7. A consellería competente en materia de educación establecerá os requisitos para a promoción de curso e será precisa, en calquera caso, a avaliación positiva en módulos cuxa carga lectiva sume, polo menos, o 75 % do primeiro curso.

8. A fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres realizarase durante o segundo curso do ciclo formativo. Para cualificar esta fase será necesaria a cualificación positiva do alumnado en todos os módulos que integran o ciclo formativo, agás o de Proxecto Integrado, e será cualificada na convocatoria final correspondente ao segundo curso do ciclo formativo.

9. A superación do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía requirirá a avaliación positiva en todos os módulos que o integran e, así mesmo, a cualificación de «apto/a» na fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres.

10. A cualificación media final do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía obterase unha vez superados os módulos impartidos no centro educativo e a fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, e consistirá na media aritmética das cualificacións medias ponderadas dos distintos módulos que o compoñen, expresada con dous decimais. A cualificación media ponderada de cada módulo obterase multiplicando o número de créditos que corresponden ao módulo pola cualificación final obtida nel, e dividindo o resultado entre o número total de créditos cursados.

11. Para os efectos do cálculo da cualificación media final do ciclo, non será computada a fase de formación práctica en empresas, estudos e talleres, nin aqueles módulos que fosen obxecto de validación e/ou exención por correspondencia coa práctica laboral.

Artigo 22. Mobilidade do alumnado

1. Cando un/unha alumno/a obteña praza nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de continuar os seus estudos no ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía regulado neste decreto, e iniciados nun centro dependente doutra Administración educativa, o centro de destino solicitará ao centro de orixe o expediente académico do/da alumno/a. Logo de recibir o expediente, a Administración educativa receptora procederá á correspondente adaptación dos módulos superados, co fin de que o/a alumno/a se incorpore aos módulos e curso que lle correspondan. Para estes efectos, os módulos superados na súa totalidade e que segundo o criterio da dita Administración educativa sexan similares en contidos e carga lectiva aos establecidos neste decreto serán recoñecidos de xeito automático como adaptados e, para outros casos, poderase prever a superación dos complementos de formación que se consideren convenientes.

2. Os módulos adaptados figurarán no expediente do/da alumno/a coa expresión «adaptado». Cando sexa preciso facer unha ponderación das cualificacións, os módulos que figuren como «adaptados» computaranse coa cualificación do centro de orixe.

Artigo 23. Documentación da avaliación e mobilidade do alumnado

1. Os documentos básicos de avaliación deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía son:

a) O expediente académico persoal, que se acredita coa certificación académica persoal.

b) As actas de avaliación.

c) Os informes individualizados de avaliación.

2. Toda a información relativa ao proceso de avaliación do alumnado recollerase, de xeito sintético, no expediente académico do/da alumno/a. No dito expediente figurarán a identificación do centro e os datos persoais do/da alumno/a, a modalidade de acceso ao ciclo, número e data da matrícula, os resultados da avaliación e, de ser o caso, as medidas de adaptación curricular e a cualificación media final do ciclo.

3. Os documentos básicos de avaliación farán constar en lugar preferente a presente norma que desenvolve o currículo do título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Co obxecto de garantir a mobilidade académica e territorial do alumnado, terán a consideración de documentos básicos de mobilidade a certificación académica persoal, obtida do expediente académico, e o informe de avaliación individualizado.

5. A certificación académica persoal ten valor acreditativo dos estudos realizados polo/a alumno/a e constitúe o documento oficial básico que recolle a referencia normativa do plan de estudos, o curso académico, as cualificacións obtidas con expresión da convocatoria (ordinaria ou extraordinaria), os módulos que fosen obxecto de validación e/ou correspondencia coa práctica laboral e, se for o seu caso, as anulacións de matrícula e/ou renuncia ás convocatorias.

6. Cando o/a alumno/a se traslade de centro, consignarase nun informe de avaliación individualizado toda aquela información necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe.

7. A consellería competente en materia de educación establecerá o modelo de expediente académico do alumnado, os modelos de acta de avaliación e os modelos de informe individualizado de avaliación, e propiciará o seu tratamento informático, no ámbito da súa competencia e de xestión.

Disposición adicional primeira. Accesibilidade universal nas ensinanzas deste título

1. A consellería competente en materia de educación establecerá as medidas oportunas que garantan o cumprimento do establecido no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, co fin de facilitarlle ao alumnado os medios e recursos que se precisen para acceder e cursar as ensinanzas deste ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

2. As programacións didácticas que desenvolvan o currículo establecido neste decreto deberán ter en conta o principio de «deseño para todas as persoas», incorporando ás ditas programacións as unidades didácticas que correspondan coa finalidade de que o alumnado acade a sensibilidade e as competencias relacionadas con este concepto e as aplique ao longo da súa aprendizaxe e o seu labor profesional.

3. As programacións didácticas que desenvolvan o currículo establecido neste decreto recollerán as medidas necesarias coa finalidade de que o alumnado con discapacidade poida acadar a competencia xeral do título, expresada a través das competencias profesionais, así como os resultados de aprendizaxe de cada un dos módulos.

Disposición adicional segunda. Cursos de especialización

Coa finalidade de promover a formación ao longo da vida, os centros que impartan o ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía poderán organizar e desenvolver cursos de especialización vinculados ás ensinanzas deste, que deberán ser obxecto dunha certificación acreditativa da formación adquirida na cal se indique a superación do curso, o número de horas de duración e a súa equivalencia en créditos ECTS. A dita certificación poderá ter, de ser o caso, valor acreditativo no Sistema nacional de cualificacións e formación profesional que corresponda.

Os cursos de formación anteditos serán autorizados pola consellería competente en materia de educación, que establecerá, así mesmo, as condicións e o procedemento para a súa autorización.

Disposición adicional terceira. Autorización a centros privados para impartir ensinanzas reguladas neste decreto

A autorización a centros privados para impartir as ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía exixirá que desde o inicio do curso escolar se cumpran os requisitos de profesorado, espazos, instalacións, equipamentos e condicións materiais regulados nel.

Disposición adicional cuarta. Formación do profesorado

A consellería competente en materia de educación establecerá medidas de apoio ao profesorado, especialmente na formación permanente e na investigación e innovación, para contribuír ao mellor desenvolvemento e aplicación do novo currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía.

Disposición adicional quinta. Competencia docente

Ao abeiro do establecido na disposición transitoria primeira do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, e no artigo 3 e anexo II do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo, a competencia docente dos/das profesores/as e mestres/as de taller de Artes Plásticas e Deseño para impartir os módulos que integran este ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía é a que se indica no anexo II.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 119/2002, do 7 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño en Dourado e Policromía Artística, correspondente á familia profesional de Artes Aplicadas da Escultura, así como o acceso ao dito ciclo formativo.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición transitoria única. Implantación das ensinanzas do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía

A consellería competente en materia de educación determinará o calendario e condicións para a ordenada extinción do plan de estudos correspondente ao ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño en Dourado e Policromía Artística, correspondente á familia profesional de Artes Aplicadas da Escultura, garantindo a obtención dos títulos das ensinanzas que se extinguen, nas condicións que oportunamente se establezan, conforme o disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 223/2015, do 27 de marzo.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

1. Distribución horaria das ensinanzas.

Estrutura xeral

Horas totais por ciclo

Créditos ECTS asociados

Módulos impartidos no centro docente

1.850

114

Fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres

150

6

Total horas de ensino

2.000

120

2. Formación no centro docente.

2.1. Módulos correspondentes ás ensinanzas impartidas no centro docente (*).

Módulos

Ratio
profesorado/alumnado

Horas totais por curso

Créditos ECTS asociados

1º curso

2º curso

1º curso

2º curso

Debuxo artístico

1/30

144

----

8

----

Debuxo técnico

1/30

108

----

6

----

Volume

1/30

216

----

11

----

Historia da escultura

1/30

108

----

6

----

Aplicacións informáticas

1/30

108

----

6

----

Taller de dourado e prateado

1/15

216

----

12

-----

Materiais e tecnoloxía de dourado, prateado e policromía

1/30

72

----

5

----

Proxectos de dourado, prateado e policromía I

1/30

108

----

6

---

Proxectos de dourado, prateado e policromía II

1/30

----

192

----

10

Taller de policromía

1/15

----

264

----

12

Taller de técnicas de restauración de dourado, prateado e policromía

1/15

----

192

----

10

Formación e orientación laboral

1/30

---

72

----

4

Proxecto integrado

1/30

----

50

----

18

Total horas

1.080

770

----

----

Total créditos ECTS

----

----

60

54

(*) Para os efectos do cómputo horario considéranse 36 semanas para cada un dos dous cursos que dura o ciclo formativo.

2.2. Obxectivos, contidos e criterios de avaliación dos módulos.

1) Debuxo artístico.

Obxectivos.

1º. Representar graficamente tanto formas da contorna coma imaxes de propia creación.

2º. Analizar os elementos que configuran a representación do espazo nun soporte bidimensional e as relacións que se establecen entre eles.

3º. Utilizar os diferentes materiais e técnicas gráficas como ferramentas básicas para a busca e definición formal de imaxes e para a comunicación gráfica de ideas.

4º. Comprender os fundamentos e a teoría da cor, a súa importancia nos procesos de creación artístico-plástica e utilizalos de forma creativa na representación gráfica.

5º. Exercer a capacidade de invención e ideación e desenvolver a sensibilidade estética e creativa.

Contidos.

1º. A forma bidimensional e tridimensional e a súa representación sobre o plano.

2º. Os materiais de debuxo e as súas técnicas. Técnicas secas, húmidas e mixtas.

3º. A composición, conceptos básicos. Expresividade na ordenación do espazo.

4º. Análise de forma e estrutura. Relación das partes co todo. Proporción.

5º. A luz e a súa representación. Valores expresivos e descritivos. O claroscuro.

6º. A cor. Fundamentos e teoría da cor. Valores descritivos, expresivos e simbólicos.

7º. A realidade como motivo. As formas da natureza e a súa interpretación e representación: realismo, síntese e estilización.

8º. A figura humana e a súa relación coas formas do seu ámbito. Proporcións, expresión e movemento.

9º. O debuxo aplicado á realización de proxectos propios desta especialidade: o deseño de formas tridimensionais de posible realización.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Utilizar correctamente os diferentes materiais e técnicas do debuxo na representación gráfica de formas da realidade ou da propia inventiva.

2º. Analizar e comprender a forma e o espazo compositivo tridimensionais, e estruturalos e representalos bidimensionalmente de acordo coas necesidades comunicativas.

3º. Aplicar os coñecementos adquiridos á realización de bosquexos, esbozos e proxectos propios desta especialidade.

4º. Analizar e interpretar as formas da natureza, segundo procesos de realismo, síntese e estilización.

5º. Utilizar correctamente a cor e as técnicas gráficas, nos seus aspectos representativos, expresivos e comunicativos.

6º. Valorar argumentadamente os aspectos formais, estéticos e comunicativos dunha representación gráfica determinada.

2) Debuxo técnico.

Obxectivos.

1º. Utilizar os métodos, procedementos, convencións e técnicas gráficas propias do debuxo técnico na busca e definición formal de pezas tridimensionais e baixorrelevos, e na comunicación gráfica de ideas.

2º. Representar e acoutar pezas tridimensionais utilizando o sistema de representación axeitado.

3º. Comprender a información gráfica de deseños e proxectos de realización de pezas escultóricas.

4º. Valorar o debuxo técnico como ferramenta básica na representación obxectiva das formas, na transmisión de información precisa acerca dos obxectos e na ideación, proxectación e realización destes.

Contidos.

1º. Xeometría plana e espacial.

2º. Xeometría descritiva.

3º. Sistemas de representación. Ampliación, redución, despezamento de masas.

4º. Vistas, normalización e realización de esbozos. Esbozos e debuxo a man alzada. Medida e acoutado.

5º. Técnicas gráficas, procedementos e materiais.

6º. O debuxo técnico e a súa aplicación á realización de proxectos propios desta especialidade.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Definir graficamente formas da realidade ou da propia inventiva utilizando con propiedade os sistemas de representación máis axeitados.

2º. Utilizar con destreza e precisión os diferentes materiais e técnicas do debuxo técnico con especial atención á calidade dos acabados e presentación final.

3º. Describir, mediante o debuxo técnico a man alzada, obras escultóricas, previamente ao seu desenvolvemento gráfico definitivo, destacando con claridade aquela información necesaria para a súa posterior reprodución.

4º. Analizar e explicar correctamente a información gráfica dada dun deseño escultórico, utilizando con propiedade a terminoloxía da materia.

3) Volume.

Obxectivos.

1º. Modelar pezas artísticas tridimensionais ben sexa orixinais de propia ideación ou copia de modelos propostos.

2º. Adquirir unha visión ordenada e de conxunto dos diferentes factores e etapas na análise, ideación e materialización da forma tridimensional, así como dos métodos de realización, das técnicas de modelado, construtivas e de talla.

3º. Analizar pezas tridimensionais desde un punto de vista formal, estrutural e funcional, interpretalas e representalas mediante os procedementos de configuración volumétrica correspondentes.

4º. Manexar a linguaxe da forma volumétrica para concibir obxectos artísticos tridimensionais e configurar maquetas, bosquexos ou prototipos relacionados cos medios de produción artístico-artesanal e ornamental.

5º. Coñecer, seleccionar e utilizar as técnicas, procedementos e materiais máis axeitados aos requirimentos estéticos e funcionais de pezas volumétricas relacionadas coas artes aplicadas e os oficios artísticos da escultura.

6º. Desenvolver interese e sensibilidade pola protección, promoción e crecemento do legado do patrimonio artístico.

Contidos.

1º. Elementos conceptuais e expresivos da linguaxe tridimensional.

2º. Materiais e ferramentas. Clasificación, propiedades, conservación, utilización e mantemento.

3º. Concepto de espazo. A composición: expresividade na ordenación do espazo nos procesos de configuración tridimensional.

4º. A forma na representación tridimensional, a forma no plano: o relevo e a forma exenta.

5º. A realidade como motivo. A forma orgánica. Procesos de análise e abstracción.

6º. A figura humana. Proporcións, expresión e movemento.

7º. Técnicas básicas do volume. Modelado, talla e construción.

8º. Os procedementos do volume, a súa aplicación á realización de proxectos propios desta especialidade e a súa interrelación cos distintos talleres e disciplinas.

9º. Métodos de translación. Sistemas de reprodución, ampliación, redución e despezamento das masas.

10º. Materiais e técnicas básicas de realización de bosquexos e modelos.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Explicar, utilizando con propiedade a terminoloxía propia da materia, as características dos diferentes métodos e técnicas do volume e a súa relación cos materiais utilizados.

2º. Analizar os elementos formais, funcionais e estruturais de pezas tridimensionais e reproducilas fielmente conforme a técnica máis axeitada e as características do material utilizado.

3º. Manexar con competencia profesional as técnicas e os materiais indispensables para o desenvolvemento de obras volumétricas relacionadas coas artes aplicadas da escultura.

4º. Explorar con iniciativa as posibilidades plásticas e expresivas da linguaxe tridimensional e utilizalas de xeito creativo na ideación e realización de obra orixinal e composicións de índole funcional, decorativa e ornamental.

5º. Emitir xuízos de valor argumentados respecto á creación artística propia e allea sobre a base dos seus coñecementos sobre a materia, o seu gusto persoal e sensibilidade.

6º. Concibir e desenvolver proxectos de carácter tridimensional.

4) Historia da escultura.

Obxectivos.

1º. Analizar a escultura na súa dobre vertente técnica e plástica, estudando a súa evolución ao longo do tempo e a súa relación coa cultura e a sociedade de cada etapa histórica.

2º. Analizar e comprender os aspectos formais, conceptuais e técnicos propios da linguaxe escultórica.

3º. Comprender a linguaxe expresiva que caracteriza a produción escultórica de cada época, estilo ou tendencia e a súa relación coas artes aplicadas, a arquitectura e a sociedade do momento en que se produciu.

4º. Valorar argumentadamente realizacións escultóricas de diferentes épocas e estilos, sobre a base dos coñecementos achegados pola materia e o propio criterio e sensibilidade.

5º. Coñecer e entender a importancia do patrimonio cultural e identificar as modalidades e niveis de protección das diversas categorías dos bens mobles que o integran e valorar as implicacións que derivan para a súa conservación e restauración.

6º. Valorar a propia actividade profesional como produto da evolución dos saberes humanísticos, artísticos e técnicos propios da especialidade.

7º. Desenvolver a sensibilidade e a capacidade do gozo estético.

Contidos.

1º. A arte tridimensional. Materiais e técnicas artísticas das obras tridimensionais e a súa relación co espazo: vulto redondo, relevo, instalacións.

2º. O nacemento da escultura. Prehistoria: a maxia simpática. Do Neolítico ao ferro, significación do mundo celta.

3º. O Próximo Oriente e a súa plástica escultórica. As primeiras civilizacións. Exipto e Mesopotamia.

4º. A cultura gregorromana. Evolución técnica e estética da escultura en Grecia: mármores, bronces e terracotas. A escultura romana: aspectos formais, técnicos e materiais. O retrato.

5º. A escultura na Idade Media: fontes iconográficas, os modelos tipolóxicos. Evolución plástica e formal da escultura e as artes industriais desde a Alta á Baixa Idade Media en Europa.

6º. Conceptos estéticos e ornamentais do mundo islámico.

7º. O Renacemento: recuperación dos valores clásicos. Humanismo e relixión, iconografía da Contrarreforma. A difusión do Renacemento en Europa. España: escultura policromada e forxado español.

8º. Barroco e Rococó, o sentimento e o drama como bases da escultura. España: escultura policromada. A festa barroca e o efémero.

9º. A Revolución Industrial e a súa influencia nas artes decorativas, Neoclasicismo e Historicismo. A escultura e o ideal clásico.

10º. Do Modernismo ás Vangardas, cambios ideolóxicos e plásticos.

11º. Novos materiais tema na escultura da segunda metade do século XX: instalacións, arte efémera, artes do espectáculo.

12º. A escultura actual: principios da estética contemporánea. Principais representantes.

13º. Principais manifestacións da escultura fóra de Europa: Extremo Oriente, África, Centroamérica e Oceanía.

14º. Historia e evolución da conservación e restauración da escultura. Cartas, acordos e convenios internacionais.

15º. Concepto de patrimonio cultural e de bens culturais mobles.

16º. Principios e criterios fundamentais na conservación e restauración de obra escultórica.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Coñecer e identificar as principais realizacións escultóricas e de artes aplicadas encadrándoas no seu momento histórico e relacionándoas co seu contexto histórico e social.

2º. Aprender a iconografía básica como parte integrante da imaxe escultórica das distintas épocas.

3º. Analizar a relación existente entre a escultura e as artes aplicadas e outras manifestacións artísticas do seu contexto temporal.

4º. Diferenciar as técnicas e os materiais escultóricos valorando o traballo artístico e artesanal no seu máis amplo espectro.

5º. Coñecer os principais conceptos e a normativa básica da protección do patrimonio cultural relacionados coa conservación e restauración de escultura e comprender o seu alcance efectivo.

6º. Manexar a linguaxe apropiada e os termos artísticos correctos nos comentarios das diversas obras.

7º. Apreciar as obras de arte e emitir xuízos de valor argumentados e xustificados polo seu coñecemento da materia.

5) Aplicacións informáticas.

Obxectivos.

1º. Coñecer e utilizar o material e os equipamentos informáticos.

2º. Coñecer e utilizar os programas informáticos axeitados á práctica profesional da especialidade.

3º. Analizar a presenza actual das novas tecnoloxías na proxectación e realización do produto desta familia profesional.

4º. Utilizar os recursos informáticos como instrumentos de ideación, xestión e comunicación do propio.

Contidos.

1º. Introdución á informática.

2º. Dispositivos de entrada e de saída.

3º. Internet. Navegadores, correo electrónico, páxinas web.

4º. Ofimática básica.

5º. Introdución ao deseño asistido por ordenador.

6º. Software de ilustración e deseño.

7º. Introdución á gráfica 3D.

8º. Aplicacións das TIC no traballo proxectual dos obxectos escultóricos.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Valorar argumentadamente a evolución tecnolóxica e a importancia das novas tecnoloxías nos procesos produtivos, industriais e artísticos, e especificamente, no ámbito da produción escultórica.

2º. Identificar os compoñentes físicos e lóxicos dun sistema informático.

3º. Seleccionar o medio informático axeitado, os seus resultados, alcance e posibles combinacións con outros medios.

4º. Utilizar correctamente as novas tecnoloxías axeitadas en cada unha das fases proxectuais.

6) Formación e orientación laboral.

Obxectivos.

1º. Analizar e interpretar o marco legal do traballo e coñecer os dereitos e obrigas que derivan das relacións laborais.

2º. Coñecer os requisitos e condicionantes legais para organizar e xestionar unha pequena ou mediana empresa, considerando os factores de produción, xurídicos, mercantís e sociolaborais.

3º. Identificar as distintas vías de acceso ao mercado de traballo e á formación permanente, así como coñecer os organismos institucionais, nacionais e comunitarios dedicados a estes fins.

4º. Comprender e aplicar as normas sobre seguridade e hixiene laboral e desenvolver sensibilidade cara á protección ao ambiente, como factores determinantes da calidade de vida.

5º. Valorar as medidas de protección específicas de persoas traballadoras sensibles a determinados riscos, así como as de protección da maternidade e a lactación, e de menores.

Contidos.

1º. O marco xurídico das relacións laborais. Estatuto dos traballadores e regulación específica. Prestacións da Seguridade Social e desemprego.

2º. Sistemas de acceso ao mundo laboral. O mercado de traballo: estrutura. Técnicas e organismos que facilitan a inserción laboral. Iniciativas para o traballo por conta propia. A formación permanente.

3º. A empresa. Distintos modelos xurídicos de empresas e características. Organización, administración e xestión. Obrigas xurídicas e fiscais.

4º. Conceptos básicos de mercadotecnia. A organización da produción, comercialización e distribución na empresa. Métodos de análise de custos e o control da calidade.

5º. O contrato. Modalidades de contrato de traballo. Dereitos e deberes derivados da relación laboral. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo.

6º. O empresario ou empresaria individual. Trámites para o inicio da actividade empresarial. Orzamentos, taxacións e facturación de traballos.

7º. Os dereitos de propiedade intelectual e industrial. Rexistro da Propiedade Intelectual. Entidades de xestión: copyright e copyleft. Propiedade industrial: os modelos e debuxos industriais e artísticos. Rexistro e procedemento rexistral.

8º. Os signos distintivos: marca, rótulo e nome comercial. Transmisibilidade.

9º. Medidas de seguridade e hixiene no traballo aplicables á profesión.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Analizar a lexislación e normativa vixente de aplicación ao mundo laboral e á regulación empresarial en que se integra esta especialidade profesional.

2º. Identificar as fontes e vías de acceso ao emprego e á formación permanente directamente relacionadas coa profesión.

3º. Saber levar a cabo a actividade empresarial tanto no ámbito individual como societario.

4º. Redactar o plan de creación e organización dun taller artístico e/ou dunha pequena ou mediana empresa en que se consideren os aspectos xurídicos e sociolaborais correspondentes, os recursos materiais e humanos necesarios, as accións de mercadotecnia, comercialización e distribución dos produtos e os mecanismos de seguridade laboral, ambiental e de prevención de riscos exixidos para iniciar o seu funcionamento.

5º. Realizar correctamente contratos e emitir facturas.

6º. Coñecer as normas sobre seguridade e saúde no traballo e as diferentes técnicas de prevención de riscos laborais.

7º. Coñecer, identificar e aplicar a lexislación sobre dereitos de autor e rexistro de propiedade intelectual e industrial.

8º. Valorar as medidas establecidas pola lexislación para conciliar a vida laboral e familiar, e para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

9º. Valorar o principio de non-discriminación e de igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, nas condicións de traballo e no desenvolvemento profesional e superar calquera forma de discriminación no acceso ao emprego e no desenvolvemento profesional.

7) Materiais e tecnoloxía de dourado, prateado e policromía.

Obxectivos.

1º. Comprender os fundamentos científicos que explican as propiedades xerais dos materiais, as súas magnitudes e os seus sistemas de medidas.

2º. Coñecer as propiedades dos materiais específicos, a súa clasificación e as condicións de aplicabilidade no campo do dourado, prateado e policromía artística.

3º. Coñecer o uso e as especificacións das ferramentas, útiles, maquinaria e equipamentos empregados nos procesos de realización de proxectos de dourado, prateado e policromía artística.

4º. Valorar e considerar o papel da tecnoloxía para mellorar e innovar no uso de materiais, ferramentas e equipamentos nos procesos asociados ás técnicas específicas deste sector artístico.

5º. Adquirir os coñecementos técnicos necesarios para elixir e optimizar o material e os recursos enerxéticos e tecnolóxicos empregados nos proxectos de dourado, prateado e policromía artística.

6º. Coñecer os riscos e as medidas de seguridade e hixiene relacionadas co traballo e a manipulación destes materiais e outros con que se complementen.

Contidos.

1º. Clasificación dos materiais. Propiedades xerais e específicas. Magnitudes, unidades, sistemas de medida e probas de ensaio.

2º. Soportes. Clasificación e composición. Propiedades xerais e específicas relacionadas co uso escultórico, ornamental e decorativo.

3º. Materiais auxiliares e complementarios. Clasificación e composición. Procesos de elaboración e propiedades xerais e específicas relacionadas co uso escultórico e decorativo.

4º. Metais nobres. Clasificación e composición. Procesos de elaboración e propiedades xerais e específicas relacionadas co uso escultórico e decorativo.

5º. Pigmentos e colorantes naturais e artificiais. Clasificación e propiedades.

6º. Consolidantes, adhesivos, aglutinantes, disolventes e outros materiais empregados como acabados. Propiedades e características.

7º. Ferramentas, útiles, equipamentos e materiais complementarios e auxiliares relacionados cos procesos de dourado, prateado e policromía artística.

8º. Procedementos de cálculo de dimensións, de masas e económicos que propicien a optimización do material e dos recursos tecnolóxicos, asociados coa realización dos proxectos escultóricos e ornamentais en que interveñan as técnicas de dourado, prateado e policromía.

9º. Patoloxías e axentes de deterioración dos materiais e sistemas de protección e conservación.

10º. Produtos e materiais para a conservación e restauración de dourados e policromía: características e aplicacións.

11º. Métodos de exame e diagnose empregados na conservación e restauración de escultura de dourado e policromía.

12º. Riscos e medidas de seguridade e hixiene relacionados co dourado, prateado e policromía.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Utilizar con corrección a terminoloxía específica e aplicar, axeitadamente, os principios científicos e os requirimentos técnicos relacionados cos contidos do módulo.

2º. Coñecer e diferenciar os materiais, as súas propiedades e a súa aplicabilidade nun proxecto escultórico ou ornamental en que se empregan as técnicas de dourado, prateado e policromía.

3º. Coñecer a natureza, estrutura e propiedades dos distintos tipos de materiais utilizados na conservación e restauración de obra escultórica dourada e policromada.

4º. Describir as características máis significativas, o funcionamento e as aplicacións das principais ferramentas e equipamentos que se utilizan nos distintos procesos do dourado e a policromía.

5º. Fundamentar a utilización de materiais e técnicas concretas na realización dun proxecto de dourado, prateado e policromía artística.

6º. Dimensionar o material de forma axeitada para o seu uso, a forma, a técnica, a situación e o custo do proxecto escultórico ou ornamental que se vai desenvolver.

7º. Adoptar as medidas de seguridade e protección necesarias ao traballar cos materiais pétreos e os equipamentos e ferramentas asociados.

8) Proxectos de dourado, prateado e policromía.

Obxectivos.

1º. Analizar a relación entre deseño e metodoloxía proxectual e seleccionar as metodoloxías máis axeitadas para o deseño e realización do dourado, prateado e policromía de obra orixinal escultórica.

2º. Coñecer e desenvolver as distintas fases de proxectos de dourado, prateado e policromía.

3º. Investigar e analizar a documentación necesaria para a execución do proxecto no taller.

4º. Materializar proxectos de obra orixinais en todas as súas fases ata a obtención dunha obra final.

5º. Valorar a metodoloxía proxectual como oportunidade de experimentación e de expresión artística persoal.

6º. Coñecer e utilizar tanto as técnicas tradicionais coma as novas tecnoloxías específicas.

Contidos.

1º. O deseño. Antecedentes. A metodoloxía proxectual. Diferentes tendencias metodolóxicas. Procesos creativos para a xeración de ideas.

2º. Fases do proxecto: información. Condicionantes. Especificacións. Documentación. Toma de datos e análise. Bosquexos. Esbozos. Anteproxecto. Maquetas. Prototipos. Orzamentos. Técnicas e normalización.

3º. A materialización do proxecto ata a obtención do produto rematado nos talleres.

4º. A linguaxe gráfico-plástica e comunicación visual na realización e presentación do proxecto.

5º. Optimización de recursos. Verificación do control de calidade nas diferentes etapas.

6º. Conceptos básicos de biónica, antropometría e ergonomía.

7º. A investigación sobre procesos de realización. Novos materiais e novas tecnoloxías.

8º. Produto artístico e produto semi-industrial.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Seleccionar e aplicar a metodoloxía proxectual máis axeitada ao deseño de obras de dourado, prateado e policromía.

2º. Coñecer e usar correctamente a terminoloxía específica.

3º. Solucionar axeitadamente os problemas que xurdan no proceso proxectual utilizando os coñecementos e recursos gráficos, volumétricos, metodolóxicos e técnicos de que dispoña.

4º. Levar a cabo o proceso de elaboración da obra de dourado, prateado e policromía en todas as súas etapas, aténdose ás especificacións do proxecto e realizando os controis necesarios para obter un produto final de calidade artística e técnica.

5º. Desenvolver gradualmente a sensibilidade estética, así como a capacidade para investigar.

9) Taller de dourado e prateado.

Obxectivos.

1º. Identificar e valorar as diferentes técnicas de dourado e prateado e analizar as etapas e procedementos propios de cada unha, e os materiais, ferramentas e útiles correspondentes aos distintos momentos do proceso.

2º. Seleccionar a técnica e os materiais máis axeitados ás características técnicas, funcionais, artísticas e de produción dun proxecto e materializalo atendendo ás exixencias de calidade do produto rematado.

3º. Coñecer e identificar os materiais actuais e tradicionais propios deste taller e estudar o seu comportamento e posibilidades plásticas e os tratamentos técnicos que requiren.

4º. Almacenar, conservar e preparar en condicións óptimas de utilización os materiais propios da súa actividade.

5º. Coñecer, manter e utilizar a maquinaria e a ferramenta específicas.

6º. Coñecer e realizar con calidade técnica e estética os procesos de dourado e prateado de obras artísticas, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

7º. Organizar, planificar e levar a diante as distintas fases que configuran o proceso produtivo, identificar os problemas que xorden e solucionalos en función da necesaria calidade do produto rematado.

8º. Organizar o taller de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais da maquinaria, as instalacións, o espazo e o/a usuario/a, tendo en conta as normativas que regulan a actividade laboral e a seguridade e hixiene no traballo.

Contidos.

1º. Planificación de obras artísticas de dourado e prateado. Análise dos procesos de dourado e prateado. Fases de realización.

2º. Materiais, ferramentas e útiles para o dourado e prateado de obras artísticas.

3º. Preparación de soportes de obras artísticas de dourado e prateado. Tipos e características.

4º. Técnicas decorativas en xeso. Tipos e características.

5º. Técnicas de dourado e prateado sobre diferentes soportes, superficies e obxectos.

6º. Procesos de dourado e prateado de obras artísticas. Tipos e características..

7º. Protección de obras douradas ou prateadas.

8º. Organización da actividade profesional dun taller. Criterios ergonómicos, funcionais, produtivos, de seguridade e hixiene e ambientais.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Clasificar as técnicas de dourado e prateado dunha obra, describindo as etapas e procedementos propios de cada unha, indicando os materiais, útiles e ferramentas correspondentes a cada momento do proceso.

2º. Seleccionar a técnica de dourado e prateado máis axeitada ás características técnicas, funcionais e artísticas dunha obra atendendo ás exixencias de calidade do produto rematado.

3º. Coñecer e realizar con calidade técnica e estética os procesos de dourado e prateado das obras artísticas, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

4º. Desenvolver e planificar o proceso de dourado e prateado dunha obra, identificando os problemas que xurdan e dándolles solución.

5º. Realizar os labores de organización do taller cumprindo as medidas preventivas e as normas que regulan a actividade laboral e de seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais.

10) Taller de policromía.

Obxectivos.

1º. Identificar e valorar as diferentes técnicas de policromado sobre obra escultórica e analizar as etapas e procedementos propios de cada unha, e os materiais, ferramentas e útiles correspondentes aos distintos momentos do proceso.

2º. Seleccionar a técnica e os materiais máis axeitados ás características técnicas, funcionais, artísticas e de produción dun proxecto e materializalo atendendo ás exixencias de calidade do produto rematado.

3º. Coñecer e identificar os materiais actuais e tradicionais propios deste taller, estudar o seu comportamento e posibilidades plásticas e os tratamentos técnicos que requiren.

4º. Almacenar, conservar e preparar en condicións óptimas de utilización os materiais propios da súa actividade.

5º. Coñecer, manter e utilizar a maquinaria e a ferramenta específicas.

6º. Coñecer e realizar con calidade técnica e estética os distintos procesos decorativos de policromía e acabados das obras artísticas, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

7º. Organizar, planificar e levar a cabo as distintas fases que configuran o proceso produtivo, identificar os problemas que xorden e solucionalos en función da necesaria calidade do produto rematado.

8º. Organizar o taller de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais da maquinaria, as instalacións, o espazo e o/a usuario/a, tendo en conta as normativas que regulan a actividade laboral e a seguridade e hixiene no traballo.

Contidos.

1º. Planificación de obras artísticas de policromado e acabados. Análise de procesos. Fases de realización.

2º. Materiais, ferramentas e útiles para a policromía e acabados de obras artísticas.

3º. Policromías con témpera de ovo e estufados.

4º. Policromías sobre dourado e prateado con técnicas magras, graxas e ao alcol.

5º. Acabados de avellentamento sobre obras artísticas douradas e prateadas.

6º. Técnicas de imitación de materiais para obras artísticas. Tipos e características.

7º. Técnicas de pátinas por veladuras e superposicións de cor. Tipos e características.

8º. Técnicas de encarnadura de obras artísticas. Tipos e características.

9º. Técnicas decorativas ornamentais. Grisallas, iluminación, decoracións vexetais, trampantollos e grutescos, entre outras. Tipos e características.

10º. Organización da actividade profesional do taller. Criterios ergonómicos, funcionais, produtivos, de seguridade e hixiene ambientais.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Clasificar as técnicas de policromía e acabados dunha obra, describindo as etapas e procedementos propios de cada unha, indicando os materiais, útiles e ferramentas correspondentes a cada momento do proceso.

2º. Seleccionar a técnica de policromía e acabados máis axeitada ás características técnicas, funcionais e artísticas dunha obra, atendendo ás exixencias de calidade do produto rematado.

3º. Realizar con calidade técnica e estética os procesos polícromos e de acabado dunha obra artística, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

4º. Desenvolver e planificar os procesos polícromos e de acabado dunha obra, identificando os problemas que xurdan e dándolles solución.

5º. Realizar os labores de organización do taller cumprindo as medidas preventivas e as normas que regulan a actividade laboral e de seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais.

11) Taller de técnicas de restauración de dourado, prateado e policromía.

Obxectivos.

1º. Identificar os danos en obra escultórica dourada e policromada e analizar as súas causas, sexan de orixe física, química ou biolóxica.

2º. Coñecer e valorar as diferentes técnicas, procedementos, útiles e materiais que se empregan na restauración de elementos escultóricos dourados ou policromados.

3º. Seleccionar a técnica e os materiais de restauración máis axeitados aos danos identificados e ás características técnicas, funcionais, artísticas e de produción de elementos escultóricos dourados ou policromados.

4º. Almacenar, conservar e preparar en condicións óptimas de utilización os materiais propios da súa actividade.

5º. Coñecer, manter e utilizar a maquinaria e a ferramenta específicas.

6º. Aplicar con calidade técnica e estética os diferentes procedementos de restauración de dourado e policromía, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

7º. Organizar, planificar e levar a cabo as distintas fases que configuran o proceso de restauración.

8º. Organizar o taller de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais da maquinaria, as instalacións, o espazo e o/a usuario/a, tendo en conta as normativas que regulan a actividade laboral e a seguridade e hixiene no traballo.

Contidos.

1º. Detección e identificación de danos en elementos escultóricos dourados e policromado: causas físicas, químicas e biolóxicas da degradación.

2º. Detección e identificación de danos producidos durante a elaboración, transporte e colocación de elementos escultóricos dourados ou policromados.

3º. Encolado de partes rotas. Ensamblados.

4º. Procedementos no estrato de soporte e preparación: estucado e reintegración de faltas e partes danadas. Rasados. Incorporación de pezas.

5º. Limpeza, consolidación e fixación do estrato polícromo, dourado ou prateado.

6º. Reintegración cromática. Criterios, técnicas e procedementos.

7º. Acabados, pátinas, proteccións e vernizados.

8º. Organización da actividade profesional dun taller. Criterios ergonómicos, funcionais, produtivos, de seguridade e hixiene e ambientais.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Detectar os danos en obras de dourado e policromía e identificar e clasificar as causas e os axentes que os produciron.

2º. Seleccionar a técnica de restauración máis axeitada ás características técnicas, funcionais e artísticas dunha obra escultórica dourada ou policromada, aos danos que presenta e aos axentes de deterioración que os causaron.

3º. Identificar e valorar as características e aplicacións de materiais, ferramentas e maquinaria actuais e tradicionais propias deste taller.

4º. Realizar con calidade técnica e estética os procesos de restauración de obra volumétrica dourada ou policromada, levando a cabo os controis axeitados en cada momento do proceso.

5º. Planificar e desenvolver o proceso de restauración dunha obra de dourado e policromía, identificando os problemas que xurdan e dándolles solución.

6º. Realizar os labores de organización do taller cumprindo as medidas preventivas e as normas que regulan a actividade laboral e de seguridade e hixiene no traballo, de acordo cos requisitos ergonómicos e funcionais.

12) Proxecto integrado.

Obxectivos.

1º. Propor e materializar o proxecto de obra orixinal en todas as súas fases, ata obter unha obra final de calidade técnica e artística.

2º. Desenvolver, mediante a proxectación e realización dunha obra orixinal escultórica de madeira, as destrezas profesionais da súa especialidade e as capacidades estéticas e creativas propias.

3º. Desenvolver, mediante a utilización de metodoloxías proxectuais e procesos creativos, a capacidade de resolución de problemas construtivos, funcionais e formais.

4º. Interrelacionar os diferentes contidos teórico-prácticos dos módulos que compoñen o ciclo, para desenvolver unha obra escultórica do eido do dourado e da policromía artística.

5º. Utilizar métodos de traballo en equipo en colaboración coas demais áreas docentes para desenvolver proxectos interdisciplinares.

Contidos.

1º. Creación de obra orixinal escultórica aplicada en metal: fases do proxecto, condicionantes, especificacións, documentación gráfica, normalización, técnicas e orzamento.

2º. Materialización do proxecto ata obter a obra rematada. Verificación do control de calidade nas diferentes etapas.

3º. Comunicación, presentación e defensa do proxecto.

Criterios de avaliación.

Valorarase a capacidade do/da alumno/a para:

1º. Idear, desenvolver e expor un proxecto factible de ser realizado mediante procedementos de dourado, prateado e policromía.

2º. Utilizar os coñecementos e recursos gráficos, plásticos, metodolóxicos e técnicos idóneos para resolver os problemas que xurdan durante o proceso proxectual.

3º. Xuntar as diferentes disciplinas impartidas durante o ciclo e os coñecementos técnicos e conceptuais acadados.

4º. Levar a cabo o proceso de elaboración das pezas orixinais en todas as súas etapas, aténdose ás especificacións descritas no proxecto e realizando os controis necesarios para obter unha obra final de calidade artística e técnica.

5º. Presentar o proxecto, expor oralmente as súas principais partes e emitir unha valoración persoal técnica e artística sobre el, utilizando correctamente en todo momento a terminoloxía propia.

6º. Manifestar iniciativa, sentido estético, capacidade de expresión artística e dominio técnico a través das propias realizacións.

3. Fase de prácticas en empresas, estudios y talleres.

3.1. A fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres ten os seguintes obxectivos:

1º. Completar a formación académica do alumnado mediante a integración nas rutinas diarias de traballo dunha empresa ou taller artesanal e a realización das funcións profesionais correspondentes ao seu nivel formativo.

2º. Facilitar a toma de contacto do alumnado co mundo do traballo e a incorporación ao sistema de relacións sociais, laborais e técnicas da empresa.

3º. Contrastar os coñecementos, formación e capacitación adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral do sector relacionado co dourado, prateado e policromía artísticos.

4º. Permitir ao alumnado que, a través do contacto coa empresa, incorpore á súa formación os coñecementos sobre a propia especialidade, a situación e relacións do mercado, as tendencias artísticas e culturais, a organización e coordinación do traballo, a xestión empresarial, as relacións socio laborais na empresa, etc. necesarios para o inicio da actividade laboral.

5º. Adquirir os coñecementos técnicos de útiles, ferramentas, materiais e maquinaria que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ao alcance do centro educativo.

6º. Participar de forma activa nas fases do proceso de realización de proxectos de dourado, prateado e policromía artísticos, baixo as orientacións do/da titor/a ou coordinador/a correspondente.

7º. Aplicar os coñecementos, habilidades e destrezas adquiridos durante o periodo de formación teórica e práctica impartida no centro educativo.

3.2. O seguimento e a avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres corresponderá ao/á titor/a de prácticas designado polo centro educativo, quen tomará en consideración o grao de cumprimento dos obxectivos e a valoración que realice a empresa.

ANEXO II
Competencia docente dos funcionarios/as pertencentes ao corpo de profesores/as
e mestres/as de taller de Artes Plásticas e Deseño para impartir os módulos
do currículo básico do ciclo formativo de grao superior de Dourado, Prateado
e Policromía regulado neste decreto

A) Corpo de profesores/as de Artes Plásticas e Deseño.

Especialidade

Módulo formativo

Debuxo Artístico e Cor

Debuxo artístico

Debuxo Técnico

Debuxo técnico

Historia da Arte

Historia da escultura

Volume

Volume

Proxectos de dourado, prateado e policromía

Proxecto integrado

Medios Informáticos

Aplicacións informáticas

Organización Industrial e Lexislación

Formación e orientación laboral

Materiais e Tecnoloxía: Deseño

Materiais e tecnoloxía de dourado, prateado e policromía

B) Corpo de mestres/as de taller de Artes Plásticas e Deseño.

Especialidade

Módulo formativo

Dourado e Policromía

Taller de dourado e prateado

Taller de técnicas de restauración de dourado, prateado e policromía

Taller de policromía

ANEXO III
Relación de módulos do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, regulado no presente decreto,
que se validarán por módulos cursados e superados en ciclos formativos
de grao superior da familia profesional artística de Escultura

Familia profesional artística de Escultura

Módulos superados en ciclos formativos de grao superior da familia profesional artística de Escultura

Módulos que se validan no ciclo formativo de grao superior de Dourado, Prateado e Policromía

Debuxo artístico

Debuxo artístico

Debuxo técnico

Debuxo técnico

Volume

Volume

Historia da escultura

Historia da escultura

Aplicacións informáticas

Aplicacións informáticas

ANEXO IV
Relación de módulos do ciclo formativo de grao superior de Dourado, Prateado
e Policromía, regulado no presente decreto, que se validarán por módulos
de ciclos formativos de grao superior da familia profesional de Artes Aplicadas
da Escultura, cursados e superados en plans de estudos regulados polo
Real decreto 1843/1994, do 9 de setembro

Módulos superados en ciclos formativos de grao superior da familia profesional de Artes Aplicadas da Escultura, regulada polo Real decreto 1843/1994,
do 9 de setembro

Módulos que se validan no ciclo formativo de grao superior de Dourado, Prateado e Policromía

Xeometría descritiva

Debuxo técnico

Volume e proxectos

Volume

Historia das artes aplicadas da escultura

Historia da escultura

ANEXO V
Relación de módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente
ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado
e Policromía regulado neste decreto que se recoñecerán para os efectos
da incorporación do alumnado procedente do ciclo formativo de grao medio
de Artes Plásticas e Deseño en Dourado e Policromía Artísticos, regulado
no Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto

Módulos do currículo básico do ciclo formativo de grao medio de Dourado e Policromía Artísticos, regulado polo Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto

Módulos do currículo básico do ciclo formativo de grao superior de Dourado, Prateado e Policromía que se recoñecen

Debuxo artístico

Debuxo artístico

Volume

Volume

Historia da cultura e da arte: artes aplicadas da escultura

Historia da escultura

Taller de dourado e policromía

Taller de dourado e prateado

Taller de policromía

Formación e orientación laboral

Formación e orientación laboral

ANEXO VI
Relación de módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente
ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado
e Policromía regulado neste decreto que debe cursar o alumnado procedente
do ciclo formativo de grao medio de Artes Plásticas e Deseño en Dourado
e Policromía artísticos, regulado no Real decreto 1385/1995, do 4 de agosto

– Materiais e tecnoloxía de dourado, prateado e policromía.

– Proxectos de dourado, prateado e policromía.

– Taller de técnicas de restauración de dourado, prateado e policromía.

– Proxecto integrado.

ANEXO VII
Relación de módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente
ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado,
Prateado e Policromía, regulado neste decreto, que se recoñecen para os efectos
da incorporación do alumnado procedente do ciclo formativo de grao medio
de Artes Plásticas e Deseño en Dourado e Policromía artísticos, cursados
e superados segundo o plan de estudos establecido
polo Decreto 119/2002, do 7 de marzo

Módulos superados no ciclo formativo de grao medio de Dourado e Policromía Artísticos, regulado polo Decreto 119/2002, do 7 de marzo

Curso(s)

Módulos do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Dourado, Prateado e Policromía, regulado neste decreto, que se recoñecerán

Curso(s)

Créditos ECTS recoñecidos

Debuxo técnico

Debuxo técnico

6

ANEXO VIII
Relación de módulos que poderán ser obxecto de exención por correspondencia coa práctica laboral

– Formación e orientación laboral.

– Taller de dourado e prateado.

– Taller de policromía.

– Taller de técnicas de restauración de dourado, prateado e policromía.