Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44614

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 15 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se publica a toma de posesión provisional dos predios de substitución da zona de concentración parcelaria de Monte Val do Vea-sector II (A Estrada-Pontevedra).

Ao amparo do disposto pola disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, e conforme o establecido polo artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, con data 2.2.2017 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar toma de posesión provisional dos predios resultantes do proceso de concentración parcelaria da zona de Monte Val do Vea-sector II (A Estrada-Pontevedra).

As datas para tomar posesión dos predios son as seguintes:

1. Para terreos de prado, pasteiro, labradío sen colleita e monte, o día 20.12.2017.

2. Para os restantes terreos, no momento en que se retiren as colleitas actuais.

Non obstante, a data límite para a retirada do arboredo é o día 20.6.2018. No caso de especies autóctonas protexidas, debe contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza.

Dentro dos sesenta días naturais seguintes ao 20.12.2017, en que os predios de substitución se poñen á disposición dos participantes para que tomen posesión deles, poderase reclamar –xuntando ditame pericial– sobre diferencias superiores ao 2 % entre a cabida real dos predios e a que conste no expediente de concentración.

Os propietarios das parcelas de achega deben permitir aos titulares dos novos predios o acceso a elas para realizar a medición dentro do prazo sinalado anteriormente.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dun predio non será compensada cando exista exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos ao mesmo propietario e esta sexa suficiente para compensar en valor de puntuación o conxunto das atribucións.

2. Non se admitirá reclamación no caso de que o predio obxecto dela coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

3. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerada unha infracción moi grave (artigo 73 da Lei de concentración parcelaria para Galicia) sancionada con multa de 1.502,54 a 3.005,06 euros.

4. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/s persoa/s que a impidan.

Pontevedra, 15 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra