De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase a todas as persoas que poidan ter interese neste procedemento, como titulares de dereitos ou intereses lexítimos, que poidan resultar afectadas pola decisión que se adopte nel e, en particular, a aquelas que poidan atoparse ocupando o departamento, que o 19 de setembro de 2017, o presidente de Portos de Galicia resolveu decretar o desafiuzamento administrativo do departamento en cuestión.
Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia e no BOE, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
O presente acto administrativo que emite a Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia, de acordo coas competencias previstas no artigo 114 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, emítese en aplicación do artigo 113 desa lei, do artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e do artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o Regulamento da entidade pública Portos de Galicia, cuxos motivos son que a autorización a nome de Marcos Gey Garrido está vencida e non pode ser renovada pola existencia de débedas en concepto de taxas portuarias.
O departamento deberá ser abandonado nun prazo máximo de dez (10) días contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, o que se formalizará coa entrega das chaves ao persoal de Portos de Galicia.
Transcorrido o prazo máximo de dez (10) días para proceder ao desaloxo voluntario, por tratarse dunha autorización extinguida, e ao abeiro do establecido no artigo 100 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, Portos de Galicia procederá a suspender sen máis trámites a subministración de auga e de enerxía eléctrica.
Ao abeiro do establecido nos artigos 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e 125 da Lei 5/2011, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución do desafiuzamento empregarase, de ser preciso, o auxilio das forzas e corpos de seguridade do Estado.
Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.
Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta cédula perante, a elección do interesado, o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición onde teña aquel o seu domicilio ou o Xulgado do Contencioso-Administrativo que corresponda de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2017
José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia