Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43058

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2017 pola que se convoca o curso monográfico Como traballar a educación emocional infantil.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Como traballar a educación emocional infantil, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

Achegar un coñecemento práctico para comprender e desenvolver a educación emocional infantil. O curso baséase nos fundamentos das emocións e a xestión emocional como algo que se aprende nas relacións de coidado (especialmente no ámbito afectivo familiar e educativo) e que é a base da seguridade emocional necesaria para un adecuado desenvolvemento psicosocial. Unha parte práctica importante do curso ten que ver con recursos e actividades grupais infantís para potenciar as competencias socioemocionais.

2. Contidos.

A través dunha metodoloxía moi práctica e dinámica, este curso centra as súas accións nos seguintes contidos:

– Apego, conexión emocional e seguridade.

• A seguridade emocional e o seu desenvolvemento na infancia.

• «Non se pode non emocionar». Tipos de emocións e comunicación infantil.

• O funcionamento intrapersoal e interpersoal das emocións, círculos viciosos positivos e negativos das emocións.

• Fundamentos para traballar con nenos e nenas que teñen dificultades emocionais.

– Educar desde as emocións-educar desde os afectos.

• Principios da intelixencia emocional.

• A importancia de xerar un vínculo co neno/nena no contexto educativo.

• A educación positiva e as emocións.

• A persoa do profesional que traballa na educación infantil.

– Recursos e actividades para potenciar as competencias socioemocionais na infancia.

• Estratexias e ferramentas para educar desde as emocións.

• Recursos e actividades.

• Práctica guiada e exercicios grupais.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Dado o seu carácter práctico resulta especialmente aconsellable para psicólogos, pedagogos, persoal das escolas infantís, educadores/as ou auxiliares coidadores/as e outros profesionais relacionados coa educación infantil, máis aínda para aqueles que traballen con nenos en risco ou con necesidades especiais.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 9, 10 e 11 de outubro de 2017.

Horario: o día 9 de outubro, en horario das 9.00 ás 14.00 horas; os días 10 e 11 de outubro, en horario das 16.00 ás 20.30 horas.

Duración: 14 horas lectivas.

5. Número de prazas: 60.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 3 de outubro de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal, achegando, de ser o caso, a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público ás cales non se xunte a devandita certificación ou que sexan recibidas con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 3 de outubro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

Terá preferencia na selección o persoal empregado das administracións públicas de Galicia e establecerase o número de orde de acordo a data e a hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública